Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Martes, 9 de agosto de 2022 Páx. 43127

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 27 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalaría de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2022/23 (código de procedemento TU200A).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo das facultades que corresponden ao Estado.

A Axencia Turismo de Galicia está a levar adiante unha política de asistencia económica ás/aos estudantes do Centro Superior de Hostalaría de Galicia (en diante, CSHG), que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a mobilidade, así como a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico dos/das estudantes que cursen as titulacións do CSHG.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de bolsas e subvencións e ao establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Atendendo a estas consideracións xerais, e en virtude das competencias que me foron atribuídas, e por proposta da Axencia Turismo de Galicia,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras:

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das bolsas para os/as alumnos/as que cursen as titulacións que imparte o Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG), así como efectuar a súa convocatoria para o curso 2022/23.

2. Conforme as titulacións que se imparten no CSHG a través da presente convocatoria outorgaranse as seguintes bolsas para o curso 2022/23:

a) 6 bolsas tipo I para o 1º curso de grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

b) 15 bolsas tipo II para o 1º curso de grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

2. Solicitudes:

1. Para poder ser persoa beneficiaria das bolsas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 7 das bases reguladoras.

2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos nos artigos 6 e 7 das bases reguladoras.

3. Prazo de duración do procedemento de concesión:

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

4. Información aos/as interesados/as:

1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: https://www.turismo.gal/canle-institucional/transparencia/axudas-e-subvencions?langId=gl_ES e https://www.cshg.gal/gl/titulacions/tarifaseaxudas

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, e introducindo no buscador o código de procedemento TU200A.

c) Os teléfonos 981 54 25 19 e 981 54 25 59 do CSHG.

d) Correo electrónico informacion.cshg@xunta.gal

2. Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención ao presentar os formularios por vía electrónica, poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.gal. Se as dúbidas están relacionadas coas bases da presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico informacion.cshg@xunta.gal

5. Réxime de recursos:

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

6. Base de datos nacional de subvencións:

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

7. Entrada en vigor:

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2022

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das bolsas para a realización de estudos no CSHG para o curso 2022/23

Artigo 1. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto o establecemento de bolsas de matrícula, en réxime de concorrencia competitiva, para os/as alumnos/as que cursen as titulacións que imparte o CSHG, para o curso 2022/23, código de procedemento TU200A.

Artigo 2. Clases e contías das bolsas

1. As bolsas supoñen un desconto no prezo da matrícula ordinaria por titulación en réxime externo, segundo se reflicte na Orde do 4 de xullo de 2014 pola que se fixan os prezos privados correspondentes aos estudos conducentes á obtención das titulacións do CSHG (DOG núm. 128, do 8 de xullo), modificada pola Orde do 3 de outubro de 2019 (DOG núm. 199, do 18 de outubro).

2. As bolsas serán de dous tipos, ao abeiro do disposto no artigo 6.2 da Orde do 4 de xullo de 2014, modificada pola Orde do 3 de outubro de 2019:

Tipo I. Supoñen un desconto do 80 % do prezo da matrícula ordinaria por titulación.

Tipo II. Supoñen un desconto do 50 % do prezo da matrícula ordinaria do CSHG por titulación.

3. Conforme as titulacións que se imparten no CSHG a través da presente convocatoria outorgaranse as seguintes bolsas para o curso 2022/23:

a) 6 bolsas tipo I para o 1º curso de grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

b) 15 bolsas tipo II para o 1º curso de grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

Artigo 3. Persoas solicitantes

1. Poderán solicitar estas bolsas os/as alumnos/as que reúnan os requisitos académicos e económicos que establece esta resolución e teñan feito, se procede, a reserva de praza.

2. No caso de que non se outorguen a totalidade das bolsas incluídas para a convocatoria do curso 2022/23, poderán outorgarse ao alumnado do resto de cursos, sempre que reúnan os requisitos establecidos para a obtención das bolsas no artigo 4 destas bases, salvo o de cursar o primeiro curso.

En todo caso, só poderán obter bolsa neste suposto os/as alumnos/as que non obtivesen bolsa en ningunha ocasión anterior e superen o curso nas convocatorias de xuño, a excepción do stage.

Artigo 4. Requisitos xerais

Para poder optar á concesión dunha bolsa deberán cumprirse as seguintes condicións:

1. Ser español, ou posuír a nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea. Neste último caso requirirase que o propio estudante ou os seus proxenitores/titores ou representante legal se encontren traballando en España. De conformidade co disposto na Lei 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, na redacción dada pola Lei orgánica 8/2000, do 22 de decembro, os estudantes estranxeiros non comunitarios deberán acreditar a súa condición de residentes, quedando excluído de concorrer a estas bolsas quen se encontre en situación de estancia.

2. Non estar en posesión dunha titulación universitaria do mesmo nivel ou superior.

3. Matricularse por primeira vez no primeiro curso da titulación do CSHG para o que se pide a bolsa.

4. Non ter en vigor unha bolsa ou exención do CSHG.

Artigo 5. Requisitos específicos segundo o tipo de bolsas

a) Para as bolsas de 1º curso de grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, acreditar unha cualificación na proba de acceso á universidade (ABAU) ou noutras ensinanzas que lle permitan o acceso, con exclusión da cualificación da fase específica, igual ou superior a 5 puntos antes de que remate o prazo de solicitude destas bolsas.

b) A renda familiar non debe superar os límites de renda establecidos no artigo 11 desta resolución.

Artigo 6. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. No caso das bolsas que se solicitan por primeira vez, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II), a seguinte documentación:

– Anexo III, destinado á comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, debidamente cuberto e asinado.

– Certificación que inclúa a nota media dos estudos da persoa solicitante, que permitan o acceso á universidade.

– Certificado municipal de convivencia ou de inscrición múltiple dos membros da unidade familiar.

– Copia do Libro de familia.

– No caso de que non exista información en poder das administracións tributarias da persoa solicitante e dos compoñentes da súa unidade familiar, achegarase unha declaración responsable en que se detallarán os ingresos e os gastos anuais da unidade familiar correspondentes ao último exercicio fiscal, incluíndo, ademais, unha relación de bens mobles e inmobles, acompañadas dun extracto cos saldos medios mensuais de contas bancarias que posúan os membros da unidade familiar.

E, de ser o caso:

– Xustificante de orfandade absoluta da persoa solicitante.

– Título oficial de familia numerosa (Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección das familias numerosas), no caso de que non fose expedido pola Xunta de Galicia.

– Xustificante da condición de persoa con discapacidade, con indicación do grao, da persoa solicitante e dos outros membros da unidade familiar, no caso de que non fose expedido pola Xunta de Galicia.

– Xustificante de viuvez, de ser solteiro/a, separación ou divorcio do pai/nai da persoa solicitante.

– Certificación académica de estar cursando estudos universitarios, dos membros da unidade familiar menores de 25 anos e residentes fóra do domicilio familiar, durante o curso 2021/22.

– Documentación acreditativa da independencia familiar e económica.

2. No caso das persoas solicitantes que aspiren á renovación da bolsa deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

– Anexo III, destinado á comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, debidamente cuberto e asinado.

– Certificado municipal de convivencia ou de inscrición múltiple dos membros da unidade familiar.

– No caso de que non exista información en poder das administracións tributarias da persoa solicitante e dos compoñentes da súa unidade familiar, achegarase unha declaración responsable en que se detallarán os ingresos e gastos anuais da unidade familiar correspondentes ao último exercicio fiscal, incluíndo, ademais, unha relación de bens mobles e inmobles, acompañadas dun extracto cos saldos medios mensuais de contas bancarias que posúan os membros da unidade familiar.

A documentación relacionada neste punto non é preciso achegala no caso dos beneficiarios de bolsas de excelencia para a renovación da bolsa.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo 1, a Axencia Turismo de Galicia poderá requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días e indicaralle que, se non o fai, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. As persoas solicitantes deberán declarar responsablemente:

a) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

b) Que se compromete a cumprir a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.

c) Que, en relación con outras subvencións, axudas, recursos ou ingresos concedidos ou solicitados procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, solicitaron e/ou se lle concederon outras subvencións, axudas, recursos ou ingresos que financien o custo da matrícula solicitada, ou non.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante e do resto de membros da unidade familiar.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade representante.

– Datos de residencia con data da última variación padroal da persoa solicitante e de todos os membros da unidade familiar.

– Certificacións catastrais literais da persoa solicitante e de todos os membros da unidade familiar.

– Certificación de que a persoa solicitante está ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

– Certificación de que a persoa solicitante está ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificación de que a persoa solicitante está ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

– Nivel de renda da persoa solicitante e do resto dos membros da unidade familiar

2. No caso das bolsas que se solicitan por primeira vez, consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle son de aplicación as circunstancias que acreditan os seguintes documentos, e sempre que fosen expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia:

– Título de familia numerosa expedido pola Xunta de Galicia.

– Certificado de discapacidade da persoa solicitante (anexo II) e dos membros da unidade familiar (anexo III).

3. No caso de que as persoas interesadas ou os membros da súa unidade familiar se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente no caso do solicitante (anexo II), ou no anexo III no caso dos membros da unidade familiar, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Selección

A cada persoa beneficiaria concederáselle unha bolsa, que consistirá no desconto do importe que o/a alumno/a teña que aboar pola matrícula en réxime externo segundo a tipoloxía da bolsa (tipo I ou II).

A ordenación e selección farase ordenando todas as solicitudes que cumpran os requisitos, segundo a puntuación obtida pola renda familiar e o seu expediente académico, ata esgotar o número de bolsas destinado para cada modalidade.

Para as seis primeiras puntuacións as bolsas serán de tipo I e de tipo II para as quince seguintes.

A puntuación por solicitante será o resultado de sumar a puntuación resultante da renda per cápita da unidade familiar (A) e do expediente académico (B). Sobre unha puntuación máxima de 10 puntos, a puntuación resultante da renda per cápita da unidade familiar (A) pode alcanzar ata un máximo de 6 puntos e a do expediente académico (B) ata un máximo de 4 puntos.

A puntuación correspondente á renda per cápita da unidade familiar (A) será a resultante de aplicar os criterios de cálculo e límites establecidos no artigo 11.

A puntuación obtida polo expediente académico (B) virá dada pola fórmula:

[(cualificación expediente – 5) * 4 ] /5

Para o cálculo das notas do expediente:

Para 1º curso do grao en Xestión de Empresas Hostaleiras empregarase a cualificación na proba de acceso á universidade (ABAU) ou noutras ensinanzas que lle permitan o acceso.

No suposto previsto no artigo 3.2 destas bases, isto é, as solicitudes de bolsa de alumnos/as que estean xa cursando algunha das titulacións do CSHG empregárase a cualificación da nota media do seu expediente académico ata o curso 2021/22 sen incluír a nota do stage de 2022.

A puntuación total será o resultado da suma de A (ponderado nun 60 %) e B (ponderado nun 40 %).

En caso de empate entre dous ou máis persoas solicitantes, procederase ao desempate de acordo co expediente académico das persoas solicitantes afectadas.

Artigo 11. Cálculo da renda per cápita, límites de renda e puntuación resultante

1. A renda familiar total obterase pola agregación das rendas do exercicio 2021 de cada un dos membros computables da familia (entendéndose como tal os membros que integren a unidade de convivencia) que obteña ingresos de calquera natureza segundo se indica nos parágrafos seguintes e de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas.

2. Para a determinación da renda dos membros computables que presenten declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas, procederase do seguinte xeito:

– Primeiro: sumarase a base impoñible xeral coa base impoñible do aforro.

– Segundo: deste resultado restarase a cota resultante da autoliquidación.

3. Para a determinación da renda dos membros computables que obteñan ingresos propios e non presentasen a declaración do IRPF seguirase o procedemento descrito no parágrafo primeiro deste punto anterior e do resultado obtido restaranse os pagamentos a conta efectuados.

4. Para o cálculo da renda familiar total, son membros computables da unidade de convivencia o pai e a nai, ou o titor ou persoa encargada da garda e protección do menor, o/a solicitante, os irmáns solteiros menores de 25 anos e que convivan no domicilio familiar en 31 de decembro de 2021 ou os maiores de idade, cando se trate de persoas con discapacidade, así coma os ascendentes dos pais que xustifiquen a súa residencia no mesmo domicilio que os anteriores co certificado municipal correspondente. No caso de persoas solicitantes que constitúan unidades familiares independentes, tamén se considerarán membros computables o cónxuxe ou, de ser o caso, a persoa que se atope unida por análoga relación, así como os fillos se os houber.

5. No caso de divorcio, separación legal ou de feito dos pais non se considerará membro computable aquel que non conviva co/ca solicitante da bolsa. Terá, non obstante, a consideración de membro computable, de ser o caso, o novo cónxuxe ou persoa unida por análoga relación cando conviva no mesmo domicilio do solicitante.

6. Nos casos en que o/a solicitante alegue que é o único membro da unidade familiar, deberá acreditar con que medios económicos conta. No caso de que os ingresos acreditados resulten inferiores aos gastos soportados, considerados indispensables (vivenda, manutención, etc.) entenderase non probada a independencia, polo que para o cálculo da renda, para efectos de bolsa, computaranse os ingresos correspondentes aos membros computables da familia a que se refire o punto 5 deste artigo. De non xustificar suficientemente estes extremos, a solicitude será obxecto de denegación.

7. Unha vez calculada a renda familiar total segundo o establecido nos puntos anteriores, aplicaranse as deducións seguintes:

a) O 50 % de renda computable por cada un dos membros da unidade familiar distinto do sustentador principal e do seu cónxuxe.

b) 500,00 euros por cada irmán, incluído o/a solicitante, que conviva no domicilio familiar, cando se trate de familias numerosas de categoría xeral e 765,00 euros para familias numerosas de categoría especial, sempre que teñan dereito a este beneficio. Cando sexa o/a propio/a solicitante o/a titular da familia numerosa, as cantidades sinaladas serán computadas en relación cos fillos que a compoñan.

c) 1.811,00 euros por cada irmán ou fillo do solicitante ou o propio solicitante, que acredite a condición de persoa con discapacidade, cun grao igual ou superior ao 33 %. Esta dedución será de 2.881,00 euros cando a discapacidade sexa de grao igual ou superior ao 65 %.

d) 1.176,00 euros por cada fillo menor de 25 anos que curse estudos universitarios e resida fóra do domicilio familiar, cando sexan dous ou máis os fillos estudantes con residencia fóra do domicilio familiar por razón de estudos universitarios.

e) Incrementaranse os límites de renda media por membro da unidade familiar aplicables nun 20 % cando o/a solicitante sexa orfo/a absoluto/a.

8. A bolsa solicitada será denegada no caso de que a renda media por membro da unidade familiar sexa superior a 14.273,00 euros.

9. A bolsa solicitada será denegada cando as actividades económicas das que sexan titulares os membros computables da familia teñan un volume de facturación, en 2021, superior a 155.500,00 euros. Para os efectos do cómputo do dito valor de volume de facturación, deducirase o 50 % do valor dos que pertenzan a calquera membro computable da familia, excluídos os sustentadores principais.

10. Denegarase a bolsa, calquera que sexa a renda familiar calculada segundo o disposto nos artigos anteriores, cando o valor dos elementos indicativos do patrimonio do conxunto de membros computables da familia supere algún ou algúns dos limiares seguintes:

a) A suma dos valores catastrais dos predios urbanos que pertenzan aos membros computables da familia, excluída a vivenda habitual, e aqueles bens que se atopan afectos a actividades económicas realizadas por calquera dos membros computables da unidade familiar, non poderá superar 42.500,00 euros.

b) A suma dos valores catastrais dos predios rústicos que pertenzan aos membros computables da familia non poderá superar 13.130,00 euros de media por cada membro computable.

c) A suma dos rendementos netos reducidos do capital mobiliario máis o saldo neto positivo de ganancias e perdas patrimoniais pertencente aos membros computables da familia, excluíndo as subvencións recibidas para adquisición ou rehabilitación da vivenda habitual e, de ser o caso, a renda básica de emancipación, non poderá superar 1.700,00 euros.

d) Cando sexan varios os elementos indicativos do patrimonio descritos nos puntos anteriores de que dispoñan os membros computables da familia, calcularase a porcentaxe de valor de cada elemento respecto do límite correspondente. Denegarase a bolsa cando a suma das referidas porcentaxes supere 100.

e) Para os efectos do cómputo do valor dos elementos a que se refiren os parágrafos anteriores, deducirase o 50 % do valor dos que pertenzan a calquera membro computable da familia, excluídos os sustentadores principais.

11. A renda media por membro da unidade familiar, calculada como a renda total da unidade familiar dividida entre o nº de membros computables, puntuarase seguindo os seguintes tramos:

Renda media por membro da unidade familiar (en euros)

Puntuación

14.273 ou máis

Excluído

13.831 a 14.272

0

13.389 a 13.830

0,25

12.948 a 13.388

0,5

12.506 a 12.947

0,75

12.065 a 12.505

1

11.623 a 12.064

1,25

11.183 a 11.622

1,5

10.741 a 11.182

1,75

10.300 a 10.740

2

9.858 a 10.299

2,25

9.417 a 9.857

2,5

8.975 a 9.416

2,75

8.534 a 8.974

3

8.093 a 8.533

3,25

7.651 a 8.092

3,5

7.211 a 7.650

3,75

6.769 a 7.210

4

6.328 a 6.768

4,25

5.886 a 6.327

4,5

5.445 a 5.885

4,75

5.003 a 5.444

5

4.562 a 5.002

5,25

4.120 a 4.561

5,5

3.679 a 4.119

5,75

0 a 3.678

6

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 13. Compatibilidade con outras axudas

As bolsas reguladas ao abeiro desta resolución son compatibles coa percepción de outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

O importe das bolsas en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da matrícula do curso solicitado.

Artigo 14. Órganos competentes

A Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da bolsa, e correspóndelle á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia ditar a resolución de concesión, así como as demais resolucións que poñan fin ao procedemento.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Instrución

1. Unha vez finalizado o prazo de recepción de solicitudes, determinarase se reúnen os requisitos establecidos nestas bases, para logo expoñer as listas das solicitudes admitidas e excluídas nos taboleiros de anuncios do CSHG, con indicación das causas de exclusión. Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas na páxina web do CSHG (www.cshg.gal).

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase ao/á interesado/a para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte. Xunto cos expedientes o órgano instrutor remitirá unha proposta de puntuación corresponde a cada expediente, calculada en aplicación dos criterios de valoración previstos nos artigos 8 e 9.

Artigo 17. Comisión Avaliadora

1. A selección dos candidatos será realizada por unha Comisión Avaliadora integrada por:

Presidente/a: a persoa titular da Xerencia da Axencia Turismo de Galicia.

Secretario/a: a persoa titular do CSHG, que actuará como membro do órgano con voz e voto.

Vogais:

A persoa titular do departamento de Coordinación Académica do CSHG.

Un/unha asesor/a técnico/a da Axencia de Turismo de Galicia.

A persoa titular do Departamento de Márketing do CSHG.

2. Se por calquera causa, no momento en que a Comisión Avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto nomee a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

3. A comisión levantará acta das súas deliberacións e elaborará un informe en que constarán:

– Relación de bolsas propostas para cada unha das titulacións, de conformidade cos criterios de valoración fixados nestas bases.

– Lista de reserva para o caso de non aceptación ou renuncia dalgunha delas, por orde de puntuación, para cada titulación.

Á vista do informe da Comisión Avaliadora o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada, na cal se detallarán as bolsas concedidas, o importe e as persoas beneficiarias, así como as listas de reserva. Esta proposta publicarase na web do CSHG, así como no taboleiro de anuncios do CSHG, e as persoas interesadas poderán formular alegacións nun prazo de 10 días contado desde o día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Resolución

1. Examinadas as alegacións, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución definitiva e elevaralla á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

2. A persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, á vista da proposta de resolución, ditará no prazo de 15 días desde a súa elevación a correspondente resolución motivada, que será publicada no DOG, así como nos lugares indicados no artigo 17.3 das bases reguladoras.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

3. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes a esta convocatoria será de cinco meses, contados a partir do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Contra a devandita resolución, que pon fin á vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo o disposto nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa e, en todo caso, a obtención concorrente de bolsas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de conformidade cos requisitos establecidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da dirección da Axencia Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao/a interesado/a nos termos previstos no artigo 17.3.

3. Cando o beneficiario da bolsa poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da bolsa, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da bolsa poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime o/a beneficiario/a das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as persoas interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa en contra se entenderá tacitamente aceptada.

2. A renuncia á bolsa poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IV, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

No caso de que se comunicase a renuncia no prazo, a persoa titular da dirección da Axencia Turismo de Galicia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

3. No caso de que as persoas beneficiarias non acepten a bolsa, serán substituídas polas persoas que figuren na correspondente listaxe de reserva en función da súa puntuación.

Artigo 21. Aboamento e xustificación das bolsas

A bolsa non supón a entrega efectiva de diñeiro ao/á alumno/a ao/á que lle foi concedida. A concesión da bolsa supón a posibilidade de matricularse nas titulacións sen necesidade de aboar o importe que lle foi concedido segundo o tipo de bolsa.

Unha vez publicada a resolución de concesión no Diario Oficial de Galicia a persoa beneficiaria poderá aplicar o desconto correspondente sobre o prezo da matrícula segundo o tipo de bolsa que lle foi concedido.

Artigo 22. Obrigas das persoas solicitantes e beneficiarias

As persoas solicitantes deben cumprir os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o indicado no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

O alumnado que resulte beneficiario destas bolsas comprométese ao cumprimento do establecido nesta convocatoria e na súa resolución, así como a cumprir as seguintes obrigas:

a) Seguir durante o curso académico, con carácter presencial, os estudos en que estea matriculado e non anular a matrícula.

b) Cumprir os requisitos e condicións establecidos para a concesión e goce da bolsa.

c) Cooperar coa Administración nas actuacións de comprobación que sexa necesario verificar, se procede, do cumprimento e a efectividade das condicións determinantes da concesión da bolsa.

d) Comunicar por escrito calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento respecto das circunstancias alegadas na solicitude ou na declaración responsable e de someterse ás actuacións de comprobación que acorde a Axencia Turismo de Galicia.

e) Comunicarlle á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien o custo da matrícula solicitada, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da bolsa.

f) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das bolsas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Comunicar por escrito a renuncia á bolsa no caso de producirse unha causa que determine a dita renuncia.

h) Subministrarlle á Axencia Turismo de Galicia, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento pola Axencia Turismo de Galicia das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 23. Duración das bolsas, condicións aplicables ao desfrute da bolsa e renovación

1. Estas bolsas concédense durante a totalidade dos cursos dos que se compón a titulación para a que foron concedida, sempre que non exista unha variación substancial da situación económica, se manteñan os requisitos económicos e patrimoniais establecidos nestas bases para obter a bolsa, e o/a alumno/a cumpra os requisitos académicos previstos no artigo 22.a) para o seu mantemento. Enténdese que existe unha variación substancial cando a situación económica en cada un dos anos fiscais seguintes á concesión da bolsa, supere en 6.000,00 euros ou máis á renda media establecida para obter bolsa este ano.

2. As condicións aplicables para o gozo da bolsa son as seguintes:

a) Os/as alumnos/as beneficiarios/as da concesión dunha bolsa de matrícula non poderán solicitar unha habitación individual na residencia de estudantes do centro.

b) A concesión da bolsa para unha titulación non supón, en ningún caso, o seu mantemento se desexa iniciar unha titulación diferente.

c) O/a alumno/a que obteña unha bolsa para cursar unha titulación do CSHG, e que non tendo finalizados os cursos dos que se compón esta, desexe iniciar outra titulación diferente, perdería os dereitos da bolsa dos que estivo gozando.

d) O/a alumno/a que cause ‹‹baixa voluntaria›› implicará a perda da bolsa para reiniciar ese curso e cursar os seguintes.

e) O/a alumno/a que acumule 2 o máis sancións por faltas graves ou unha moi grave poderá perder a bolsa.

f) A cualificación de stage incompleto ou insatisfactorio supón a perda da bolsa, así como o suspenso do curso. Nestes casos non será posible volver solicitar a renovación da bolsa unha vez superado o curso suspenso e repetido.

g) A non entrega da documentación exixida para acreditar a situación económica e patrimonial da unidade familiar ou a presentación fóra do prazo establecido, será motivo de perda da bolsa.

Artigo 24. Remisión normativa

É de aplicación o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file