Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Luns, 8 de agosto de 2022 Páx. 42981

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 4 de agosto de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á implantación da loxística avanzada e sustentable para o ano 2022, susceptibles de ser financiadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300G).

BDNS (Identif.): 642878.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), calquera que sexa a súa forma xurídica, e que teñan un centro de traballo en Galicia en que se vaia realizar o proxecto.

As pemes poderán solicitar axudas á tipoloxía de proxectos individuais descritos no artigo 1.1.b) das bases reguladoras. Para poder solicitar as axudas á tipoloxía de proxectos colectivos descritos no artigo 1.1.a), os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007, que terá que estar constituída polo menos por dúas pemes con centro de traballo en Galicia.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e van destinadas á posta en marcha de proxectos de loxística avanzada e sustentable cuxa finalidade sexa o desenvolvemento e implantación de solucións avanzadas para o transporte, almacenamento e posta á disposición de produtores e consumidores de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais, para acadar reducións de custos ou prazos de entrega, reducir o impacto ambiental ou mellorar a calidade da entrega e posta á disposición.

Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:

Proxectos colectivos de simbiose industrial en que un grupo de empresas (cun mínimo de dúas empresas independentes, opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:

1º. Propoñen utilizar e implantar un determinado sistema nas súas interaccións, tanto físicas como dixitais, para a mellora da función loxística do conxunto de empresas.

2º. Propoñen a implantación dun sistema de mellora da función loxística, parcial ou integral, de uso común, especificamente aplicable para o seu ámbito de actividade.

Proxectos individuais en que unha peme aborda a implantación dun sistema de mellora da súa función loxística, parcial ou integral.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 4 de agosto de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á implantación da loxística avanzada e sustentable para o ano 2022, susceptibles de ser financiadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300G).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 06.A1.741A.7700 e polos seguintes importes e distribución plurianual: 500.000 € con cargo ao ano 2022 e 1.000.000 € con cargo ao ano 2023.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de setembro de 2022.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2022

Patricia Villajos Grande
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica