Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Venres, 5 de agosto de 2022 Páx. 42846

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 21 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social para os anos 2022 e 2023, financiadas parcialmente con fondos REACT-UE como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS631A).

BDNS (Identif.): 639882.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http//www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Serán beneficiarias as entidades de iniciativa social a que se refire o artigo 30 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos socias de Galicia, sempre e cando reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, acreditarase que non reparten beneficios, que no caso de liquidación ou disolución desta o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu labor con carácter gratuíto, de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

e) Dedicarse, con carácter preferente en concordancia cos seus estatutos, á realización de actuacións referidas á atención ás persoas en centros de inclusión e emerxencia social e desenvolvemento dos programas e/ou da prestación de servizos na área de actuación dos servizos sociais comunitarios, de inclusión e, especificamente, da inclusión social e laboral da poboación inmigrante.

Segundo. Obxecto

O obxecto da convocatoria consistirá na concesión de subvencións ás entidades de iniciativa social que, de conformidade coa Lei 13/2008, do 3 de decembro, levan a cabo a referida atención ás persoas nos centros de inclusión e emerxencia social e desenvolven programas e/ou prestan servizos na área de actuación dos servizos sociais comunitarios, de inclusión e, especificamente, da inclusión social e laboral da poboación inmigrante.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 21 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social para os anos 2022 e 2023, financiadas parcialmente con fondos REACT-UE como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS631A).

O código deste procedemento administrativo é o BS631A.

Cuarto. Importe

1. O crédito total destinado as actuacións ascende á cantidade de sete millóns cento noventa mil euros (7.190.000,00 €), distribuído en dúas anualidades, que se imputarán ás aplicacións orzamentarias que se indican:

Aplicación

2022

2023

Total

13.03.312A.481.3

1.495.000,00

1.495.000,00

2.990.000,00

13.03.313C.481.6

1.900.000,00

1.900.000,00

3.800.000,00

13.03.312C.481.0

200.000,00

200.000,00

400.000,00

Total

3.595.000,00

3.595.000,00

7.190.000,00

As partidas 13.03.313C.481.6 e 13.03.312C.481.0 destinaranse ao financiamento das actuacións establecidas no artigo 4.1.b) 2º e 3º e serán financiadas con fondos REACT-UE, como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, nunha porcentaxe do 100%, a través do obxectivo temático 13, favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía; prioridade de investimento 13.1, favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía; obxectivo específico 13.1.2, apoiar o acceso ao mercado de traballo das persoas en situación de vulnerabilidade, o acceso aos sistemas sociais e as medidas de inclusión social e erradicación da pobreza, e liña de actuación 106, medidas de apoio á inclusión sociolaboral específicas da Estratexia de inclusión social de Galicia.

A partida 13.03.312A.481.3, financiada por fondos propios da Xunta de Galicia, destinarase ao financiamento das actuacións establecidas no artigo 4.1.a), funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social, e no artigo 4.1.b).1º., actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun proxecto de carácter innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos.

2. As subvencións para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social distribuiranse como se indica:

a) Centros de acollida e inclusión: módulo de 8 € por cada persoa con atención básica por día e módulo de 40 € por cada persoa con atención especializada por día, cun límite máximo de 146.000 € por centro.

b) Centros de día de inclusión social: módulo de 4 € por cada persoa que se atenda e día, cun límite máximo de 41.700 € por centro.

c) Albergues: módulo de 7 € por cada persoa que se atenda e día, cun límite máximo de 41.700 € por centro.

d) Comedores sociais: módulo de 4 € por cada persoa que se atenda e día, cun límite máximo de 100.000 € por centro.

e) Centros de atención social continuada: módulo de 4 € por cada persoa que se atenda e día, cun límite máximo de 41.700 € por centro.

3. Nas subvencións para programas a contía máxima de axuda por actuación establécese nun importe de 39.000 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude