Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Xoves, 4 de agosto de 2022 Páx. 42665

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 26 de xullo de 2022 pola que se amplía o prazo de execución e xustificación dos investimentos establecido no artigo 20 da Orde do 11 de maio de 2022, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a entidades locais para actuacións de adecuación das pistas multideporte nos centros de educación infantil e primaria e nos centros públicos integrados non universitarios, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento ED500A).

Mediante a Orde do 11 de maio de 2022 (DOG número 100, do 25 de maio) a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a entidades locais para actuacións de adecuación das pistas multideporte nos centros de educación infantil e primaria e nos centros públicos integrados non universitarios, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022.

Segundo o artigo 20 da devandita orde, a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 20 de outubro de 2022. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes rematou o 27 de xuño de 2022, polo que a resolución da concesión das axudas se atrasou ata finais do mes de xullo, motivo polo que o prazo de execución e xustificación se verá reducido a pouco máis de dous meses. Deste modo, resulta necesaria a ampliación do prazo de execución e xustificación das subvencións para que a todas as entidades beneficiarias se lles posibilite a axeitada realización das actuacións subvencionadas e a súa xustificación.

O artigo 45.3 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no cal se indica que a ampliación se poderá acordar de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen.

En todo caso, o prazo de xustificación, incluída a ampliación, deberalle permitir ao órgano concedente a verificación do cumprimento dos requisitos fixados nas bases reguladoras dentro do exercicio orzamentario correspondente.

Polo exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación do prazo para a execución e presentación da documentación xustificativa

Amplíase o prazo establecido no artigo 20 da Orde do 11 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a entidades locais para actuacións de adecuación das pistas multideporte nos centros de educación infantil e primaria e nos centros públicos integrados non universitarios, establecendo como data límite para a execución do proxecto e presentación da documentación xustificativa o 30 de novembro de 2022.

De acordo co disposto no artigo 32.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, contra o presente acordo de ampliación non cabe recurso de ningún tipo.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades