Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Mércores, 3 de agosto de 2022 Páx. 42605

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Vigo

ANUNCIO do 1 de xullo de 2022 de notificación da resolución de execución forzosa de forma subsidiaria da obriga de xestión da biomasa.

De conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en relación co artigo 22.3 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, notifícanselles por medio deste anuncio no Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios do Concello de Vigo aos interesados que resultan descoñecidos, dos que se ignora o lugar da notificación ou que, ben intentada a notificación persoal, non se puido efectuar, as resolucións dos procedementos que se citan a seguir.

Para os efectos do cómputo de prazos nos correspondentes procedementos administrativos que se citan, computaranse desde o día seguinte ao da publicación do presente anuncio no Boletín Oficial del Estado.

As resolucións que se notifican cos datos que figuran no anexo teñen o seguinte texto íntegro:

En cumprimento da Lei do Parlamento de Galicia 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (LPDIFG), o concelleiro da Área de Parques, Xardíns, Comercio, Distritos e Festas Especiais, por delegación de competencias do alcalde do 13 de agosto de 2019, texto consolidado do 4 de setembro de 2020, ditou a seguinte resolución:

Número de expediente: (ver anexo).

Resolución de execución forzosa de forma subsidiaria da xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas prohibidas.

Datos da parcela:

Referencia catastral: (ver anexo).

Enderezo: (ver anexo).

Datos do/dos responsable/s.

Titular/es do predio: (ver anexo).

I. Antecedentes.

1. O Concello de Vigo constatou no ano 2019, con posterioridade ao 31 de maio, que na parcela sinalada está sen xestionar a biomasa –maleza– e sen retirar as especies arbóreas tales como piñeiros, mimosas, acacias e eucaliptos.

2. A Administración municipal ditou resolución requiríndolles que procedesen á xestión da biomasa vexetal e á retirada das especies arbóreas prohibidas nos prazos establecidos, a cal se lles notificou na forma prevista legalmente.

3. Unha vez transcorrido o prazo concedido, constatouse en vista da comprobación que na parcela citada segue sen se xestionar a biomasa –maleza– e sen se retirar as especies arbóreas prohibidas tales como piñeiros, mimosas, acacias e eucaliptos.

II. Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais do Concello de Vigo (PMPDIF), aprobado definitivamente pola Xunta de Goberno Local (XGL) na súa sesión do 2 de abril de 2020 e publicado no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra (BOPPo) o 24 de abril de 2020 (ligazón http://www.vigo.org/faixas), determina que a parcela de referencia catastral sinalada no encabezamento se atopa incluída total ou parcialmente na rede secundaria da faixa de xestión da biomasa (aprobación inicial pola XGL do 9 de maio de 2019), de tal maneira que a persoa responsable, entendendo como tal a persoa física ou xurídica titular do dereito de aproveitamento na dita parcela, está obrigada á xestión da biomasa vexetal antes do 31 de maio de cada ano nos termos sinalados nos artigos 21, 21.ter, 22, disposición adicional terceira, disposición transitoria terceira e demais determinacións da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (LPDIFG), e a súa norma de desenvolvemento (Orde do 31 de xullo de 2007, criterios de xestión da biomasa, DOG do 7 de agosto de 2007). Tamén, con carácter xeral, a persoa responsable ten a obriga de retirar as seguintes especies arbóreas prohibidas: piñeiros, mimosas, acacias e eucaliptos, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria 3ª.2 da devandita lei. Segundo os datos catastrais, figura como titular do predio a persoa sinalada no encabezamento.

Segundo. Tal e como se comprobou pola Administración municipal, non cumpriu coas referidas obrigas de xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas prohibidas no prazo establecido.

A Resolución do 28 de abril de 2020, da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia (DOG do 29 de abril de 2020), relativa ao prazo previsto no artigo 22.1 da LPDIFG, aclarou a continuidade da obriga de execución da xestión da biomasa e estendeuna ata o 16 de xullo de 2020 incluído, en atención ás especiais circunstancias concorrentes derivadas do actual estado de alarma, polo que se adecuou o requirimento legalmente previsto á devandita resolución.

Terceiro. O concelleiro delegado da Área de Parques, Xardíns, Comercio, Distritos e Festas Especiais, segundo a Resolución do 13 de agosto de 2019 (BOPPo do 2 de setembro) ditou resolución (ver anexo) que lle requiriu, como titular catastral da parcela, que procedese á xestión da biomasa vexetal e á retirada das especies arbóreas prohibidas antes do 17 de xullo de 2020 ou no prazo de quince (15) días naturais desde o seguinte ao da notificación da resolución, se se recibe a notificación con posterioridade ao día 1 de xullo de 2020 (artigo 22.2 da LPDIFG).

Na citada resolución era apercibido de que, transcorrido o citado prazo sen que leve a cabo a xestión da biomasa vexetal ou a retirada das especies arbóreas prohibidas, o Concello de Vigo procedería á execución forzosa de forma subsidiaria da referida actuación por si ou persoa que determine e por conta do obrigado, repercutíndolle os custos da xestión da biomasa na forma legalmente establecida (artigo 22.4 da LPDIFG).

Tamén se lle advertía de que, de persistir no incumprimento, era constitutivo dunha infracción administrativa de carácter leve, sendo o órgano competente para incoar e resolver o procedemento sancionador o titular da Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. Por último, outorgábaselle un trámite de audiencia por un prazo de dez (10) días hábiles para que presentase as alegacións, documentos e xustificacións que considerase procedentes, en defensa dos seus dereitos.

Cuarto. A devandita resolución notificóuselle na forma legalmente prevista e, a pesar do tempo transcorrido, constatouse, en visita de comprobación á parcela, que segue sen xestionar a biomasa vexetal e sen retirar as especies arbóreas prohibidas.

Quinto. O parágrafo terceiro do artigo 22.2 da LPDIFG, segundo a redacción dada pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, sinala que naqueles casos en que as persoas responsables non atendesen a advertencia que se efectuou o ano anterior para o cumprimento das súas obrigas de xestión da biomasa e retirada de especies, a antedita xestión deberá estar finalizada con anterioridade ao primeiro día de abril de cada ano. Transcorrida esta data e comprobada polos servizos técnicos da Administración competente a falta de xestión, poderá procederse de xeito inmediato, sen máis trámite, á execución subsidiaria desta.

Sexto. O artigo 22.4 da LPDIFG, aprobada polo Parlamento de Galicia, establece que, transcorridos os prazos sinalados neste artigo sen que a persoa responsable xestione a biomasa ou retire as especies arbóreas prohibidas, a Administración pública competente poderá proceder á execución subsidiaria atendendo as necesidades de defensa contra os incendios forestais, especialmente respecto da seguridade nas zonas de interface urbano-forestal, conforme o establecido no artigo 44 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, ou norma que a substitúa, sen prexuízo da repercusión dos custos da xestión da biomasa á persoa responsable.

Os custos que se repercutirán poderán liquidarse provisionalmente de maneira anticipada, mesmo na comunicación á cal se refire o número 2, e realizarase a súa exacción desde o momento en que se verifique o incumprimento da obriga de xestión da biomasa nos prazos sinalados neste artigo, sen prexuízo da súa liquidación definitiva unha vez finalizados os traballos de execución subsidiaria.

Para a liquidación dos custos correspondentes a cada parcela, a Administración terá en conta a cantidade resultante de aplicar á parte proporcional á cabida de cada parcela do importe do correspondente contrato, encarga ou custo dos traballos realizados na zona de actuación. Cando a identidade da persoa responsable non sexa coñecida no momento de proceder á execución subsidiaria, a repercusión dos custos aprazarase ao momento en que, de ser o caso, chegue a ser coñecida, sempre que non prescribisen os correspondentes dereitos de cobramento a favor da Facenda pública.

Se a execución subsidiaria inclúe a retirada de especies arbóreas prohibidas, darase traslado da resolución en que se acorde a dita execución subsidiaria ao órgano competente para a incoación do correspondente procedemento sancionador (Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería do Medio Rural da Xunta Galicia), que deberá proceder de inmediato á adopción do acordo de incoación do expediente sancionador e da medida cautelar de comiso das indicadas especies. O destino das especies obxecto do comiso será a súa venda, que será efectuada, nos termos regulados nesta lei, pola Administración que realizase a execución subsidiaria. No caso de venda das especies obxecto de comiso, os importes obtidos deberán aplicarse, por parte da Administración que realice tales vendas (neste caso, o Concello de Vigo), a sufragar os gastos derivados das execucións subsidiarias da súa competencia.

Sétimo. Segundo os artigos 99 e 102 de la Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), a execución forzosa de forma subsidiaria supón que a Administración municipal realizará o acto, por si ou a través das persoas que determine, por conta do obrigado.

O importe dos gastos, danos e prexuízos exixirase ao obrigado seguindo o procedemento legalmente previsto nas normas reguladoras do procedemento de constrinximento.

Oitavo. Neste caso concorren os presupostos de feito previstos nos artigos 21, 21.ter, 22, disposición adicional terceira, disposición transitoria terceira 1 da LPDIFG, 99 e 102 da LPACAP e normativa de concordante aplicación, para acordar a execución forzosa de forma subsidiaria da xestión da biomasa vexetal.

Noveno. É competente para ditar a presente resolución o alcalde, ao abeiro dos artigos 7, 16.4 y 22.7 da LPDIFG. Non obstante, a dita competencia delegouna no concelleiro delegado da Área de Parques, Xardíns, Comercio, Distritos e Festas Especiais, segundo a Resolución do 13 de agosto de 2019, texto consolidado do 4 de setembro de 2020.

Polo exposto e co obxecto de dar cumprimento á Lei do Parlamento de Galicia 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (LPDIFG),

RESOLVO:

Primeiro. Acordar a execución forzosa de forma subsidiaria polo Concello de Vigo ou por persoa que se determine e por conta do obrigado (titular no anexo) da xestión da biomasa vexetal na parcela situada en Vigo, con referencia catastral (ver anexo), ao incumprir a obriga prevista nos artigos 21, 21.ter, 22, disposición adicional terceira, disposición transitoria terceira.1 da LPDIFG, con efectos do día 1 de abril deste ano e para o caso de que nesta data no tiver realizada a xestión da biomasa vexetal e retirado as especies arbóreas prohibidas.

Segundo. Informar o obrigado, titular da parcela, que tras a notificación desta resolución e unha vez cumprido o prazo do 1 de abril deste ano sen que teña realizada a xestión da biomasa vexetal e retirado as especias arbóreas prohibidas na parcela, procederase á execución forzosa de forma subsidiaria, efectuarase sen máis trámite e estará obrigado/a a facilitar os accesos necesarios para realizar os traballos de xestión da biomasa, sen que sexa preciso o seu consentimento, salvo naqueles supostos excepcionais en que o acceso afecte, dentro da parcela, espazos físicos susceptibles de mereceren a cualificación de domicilio para os efectos do artigo 18.2 da Constitución, caso en que deberá pedirse a correspondente autorización xudicial para a entrada neles se non se conta coa súa autorización (artigo 22.6 da LPDIFG).

Terceiro. Dar traslado desta resolución á Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería do Medio Rural da Xunta Galicia e instar a incoación do procedemento sancionador e da medida cautelar de comiso das especies arbóreas prohibidas existentes na parcela ao abeiro do establecido no artigo 22.4, parágrafo quinto da LPDIFG, e para o caso de que a retirada de especies arbóreas prohibidas non estea realizada antes do día 1 de abril deste ano.

Cuarto. Unha vez executados os traballos de xestión da biomasa vexetal, proceder a liquidar o importe dos gastos ocasionados que se lle exixirán ao obrigado segundo o procedemento legalmente previsto nas normas reguladoras do procedemento de constrinximento.

Quinto. Informalo, tamén, que conforme o artigo 22.9 da LPDIFG, o incumprimento das obrigas que esta lei establece por parte da persoa propietaria do terreo implicará o incumprimento da función social da propiedade e será causa de expropiación forzosa por interese social, no caso de que os custos acumulados da execución subsidiaria dos traballos de xestión da biomasa que a Administración actuante asumise con cargo ao seu orzamento, e que non lle poida repercutir a aquela por descoñecer a súa identidade, superen o valor catastral da parcela. A entidade xestora do Banco de Terras de Galicia ou a Administración que asumise eses custos con cargo do seu orzamento, terá a condición de beneficiaria da expropiación forzosa e compensará, no momento de aboamento do prezo xusto expropiatorio, as cantidades adebedadas pola persoa propietaria por este concepto, sempre que no tivesen prescrito os correspondentes dereitos de cobramento a favor da Facenda pública. No suposto de que a beneficiaria da expropiación fose a Administración local, poderá ceder eses terreos ao Banco de Terras de Galicia.

Sexto. Notificar ao interesado, titular da parcela, e comunicarlle que contra esta resolución, atendendo os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e os artigos 8, 46.1 e 46.4 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, poderá interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Vigo no prazo de dous meses, ambos os dous prazos contados desde o día seguinte a aquel en que se notifique a resolución expresa. Non obstante, interposto o recurso de reposición, no poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente o primeiro ou se produza a súa desestimación presunta polo transcurso do prazo máximo dun mes establecido para ditar e notificar a resolución.

Vigo, 1 de xullo de 2022

O alcalde
P.D. (Resolución do 13.8.2019)
Ángel Rivas González
Concelleiro delegado da Área de Parques, Xardíns, Comercio,
Distritos e Festas Especiais

Información adicional:

– Os datos indicados sobre a parcela son os que resultan da información contida no Catastro de Bens Inmobles do Ministerio de Facenda tal e como establece a lexislación aplicada.

Para calquera aclaración ou rectificación de erros sobre os datos da parcela, deberá dirixirse á correspondente delegación do Catastro (Oficina do Catastro de Vigo, rúa Lalín, 2, 36271), sen prexuízo da posterior comunicación ao Concello de Vigo no enderezo de correo indicado, e achegar copia do documento presentado na oficina catastral.

– Para calquera consulta, aclaración, información complementaria ou cita poderá dirixirse ao Servizo de Montes, Parques e Xardíns do Concello de Vigo a través do seguinte enderezo de correo electrónico: faixassecundarias@vigo.org

ANEXO

O anexo cos datos catastrais das parcelas pódese consultar na seguinte ligazón:

https://www.boe.es/boe_n/dias/2022/06/06/not.php?id=BOE-N-2022-659057