Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Martes, 2 de agosto de 2022 Páx. 42320

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

DECRETO 134/2022, do 7 de xullo, polo que se modifica a denominación da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña.

A Constitución española no seu artigo 27.10 consagra o principio da autonomía universitaria, que segundo o artigo 2 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, comprende a creación de estruturas específicas que actúen como soporte da investigación e a docencia.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece no seu artigo 7 que as universidades públicas estarán integradas por escolas, facultades, institutos universitarios de investigación, escolas de doutorado e por aqueles outros centros ou estruturas necesarios para o desempeño das súas funcións.

De acordo co recollido na Lei 6/2013, do 13 de xuño, do sistema universitario de Galicia, e o Decreto 259/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o procedemento para creación e recoñecemento de universidades e centros universitarios, o cambio de denominación da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos debe ser aprobado pola Xunta de Galicia, logo de informe do Consello Galego de Universidades, sendo proposta neste caso polo Consello de Goberno da Universidade da Coruña, co informe favorable do seu Consello Social.

De acordo co establecido no artigo 13.1 do Real decreto 1509/2008, do 18 de setembro, polo que se regula o Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT) e o artigo 18.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do sistema universitario de Galicia, unha vez acordada a creación do centro, a Xunta de Galicia dará traslado ao Ministerio de Universidades para os efectos da súa inscrición no RUCT.

En uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, co informe preceptivo do Consello Galego de Universidades e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do sete de xullo de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da denominación da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña

Autorizar a modificación da denominación da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña, que pasará a denominarse Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos.

Artigo 2. Inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT)

Dar traslado ao Ministerio de Universidades para os efectos da súa inscrición no RUCT.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para que, no ámbito das súas competencias, dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de xullo de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades