De conformidade co artigo 9 da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, sométese ao trámite de información pública o estudo previo de iniciación da zona de reestruturación parcelaria de Riomol, no concello de Castroverde (Lugo), promovido pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.
No prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, a documentación estará dispoñible ao público para a súa consulta no concello, así como na seguinte ligazón da páxina web da Consellería do Medio Rural, dentro da epígrafe de consultas públicas:
https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/concentracions-parcelarias-procesos
Durante este prazo, as persoas interesadas poderán realizar as achegas que consideren oportunas, mediante escrito dirixido á directora xeral de Desenvolvemento Rural, por calquera dos medios previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. As achegas recibidas serán analizadas polo servizo provincial competente e, de ser o caso, incorporadas na redacción final do estudo previo de iniciación.
Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2022
Inés Santé Riveira
Directora xeral de Desenvolvemento Rural