Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Mércores, 20 de xullo de 2022 Páx. 40715

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 8 de xullo de 2022 pola que se declara de utilidade pública a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Fisterra e Soneira.

A Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, recoñece a importancia do fenómeno asociativo coma instrumento de integración, participación e representación dos lexítimos intereses dos cidadáns, e con este obxecto considera unha serie de medidas para facilitar o desenvolvemento das asociacións. Entre estas medidas de fomento, recóllese a posibilidade de que as entidades asociativas, sen fins de lucro, poidan ser declaradas de utilidade pública.

En concreto, o artigo 32 da citada Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, sinala que, por iniciativa das correspondentes asociacións, poderán ser declaradas de utilidade pública aquelas nas que concorran determinados requisitos que, en esencia, consisten en que os fins estatutarios promovan o interese xeral, que a súa actividade non beneficie exclusivamente os asociados, que os membros dos órganos de representación que perciban retribucións, non o fagan con cargo a fondos ou subvencións públicas, que conten con medios persoais e materiais axeitados e cunha organización idónea para o cumprimento dos seus fins estatutarios e, finalmente, que se atopen constituídas, inscritas no Rexistro, en funcionamento e dando cumprimento efectivo aos seus fins estatutarios durante os dous anos inmediatamente anteriores á presentación da solicitude.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 157/2008, do 10 de xullo, sobre a asunción de funcións da Administración do Estado traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia mediante Real decreto 1080/2008, do 30 de xuño, en materia de declaración de utilidade pública de asociacións e aplicación dos beneficios fiscais, e sobre a súa asignación á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (actual Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes), establece que para resolver o procedemento de declaración de utilidade pública será competente a persoa titular da citada Consellería, logo da instrución do procedemento polo órgano que resulte habilitado por razón do rexistro no que estea inscrita a asociación solicitante.

En aplicación desta normativa, e previa solicitude de declaración de utilidade pública pola entidade interesada, a Xefatura Territorial da Coruña instruíu o correspondente procedemento administrativo, seguindo as prescricións contidas no Real decreto 1740/2003, do 19 de decembro, sobre procedementos relativos a asociacións de utilidade pública.

Constan, no dito expediente, a memoria económica e de actividades, e demais documentos de obrigada achega pola asociación interesada, así como os informes dos departamentos e organismos competentes e, sinaladamente, o preceptivo informe favorable do Ministerio de Facenda.

Logo do exame da normativa aplicable e da documentación que figura no expediente, ponse de manifesto que a entidade solicitante reúne os requisitos necesarios para obter a declaración de utilidade pública.

Na súa virtude, e ao amparo das facultades previstas no Decreto 157/2008, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Declarar de utilidade pública á Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e Outras Demencias de Fisterra e Soneira, inscrita no Rexistro Provincial de Asociacións da Coruña co número 2016-20899-1ª.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Con carácter previo, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou esta orde, no prazo dun mes, segundo establecen os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2022

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro
de Presidencia, Xustiza e Deportes