Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Luns, 11 de xullo de 2022 Páx. 39399

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 30 de xuño de 2022, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se designan os membros e se fai pública a composición do tribunal que elaborará, supervisará e avaliará a proba para a concesión dos premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2021/22, e se ditan instrucións para a realización da proba correspondente.

A Orde da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, do 23 de maio de 2022, pola que se convocan os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2021/22 (DOG núm. 102, do 30 de maio), establece no seu artigo 13 que para elaborar, supervisar e avaliar a proba, a persoa titular da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional designará un tribunal composto por un presidente ou unha presidenta, e ata un máximo de seis vogais, coa categoría de subdirector/a xeral, xefe/a de servizo ou inspectores e inspectoras de educación.

A Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional viuse afectada pola reestruturación establecida no artigo 6 do Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 101, do 27 de maio).

De conformidade co establecido no citado artigo 13 e na disposición derradeira primeira da citada Orde do 23 de maio de 2022, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Designar os membros do tribunal que deberán elaborar, supervisar e avaliar a proba para a concesión dos premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2021/22 e facer pública a súa composición, que é a que figura no anexo desta resolución.

Segundo. Fixar a data, o horario, os lugares de realización da proba e condicións de presentación das persoas candidatas.

1. A proba realizarase o día 6 de setembro de 2022 de acordo co seguinte horario:

– 9.15 horas, presentación das persoas candidatas.

– 10.00 a 12.00 horas, primeira parte da proba.

– 12.30 a 14.30 horas, segunda parte da proba.

2. Lugares en que se realizará a proba.

Os lugares en que se realizará a proba publicaranse no portal educativo (https://www.edu.xunta.gal) e na páxina de inicio da aplicación informática PremiosEdu (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu), unha vez publicada a relación provisional do alumnado admitido e excluído.

Terceiro. Presentación das persoas candidatas

Para a realización da proba as persoas candidatas deberán presentarse no lugar asignado ás 9.15 horas e acreditarán a súa identidade co DNI, pasaporte ou calquera outro documento recoñecido en dereito.

Cuarto. Medidas de prevención

Durante a realización da proba respectaranse as medidas de prevención e hixiene que as autoridades sanitarias teñan establecido no momento de realización desta.

Quinto. Desenvolvemento da proba

A realización da proba, conforme o previsto nesta resolución, poderá ser modificada en función da evolución da COVID-19 naqueles aspectos que sexa preciso para un adecuado desenvolvemento do proceso.

As persoas candidatas deberán consultar a información contida no portal educativo (https://www.edu.xunta.gal) e na páxina de inicio da aplicación informática PremiosEdu (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu), en referencia a posibles cambios no desenvolvemento do proceso.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2022

Judith Fernández Novoa
Directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa

ANEXO

Tribunal

–Titulares:

– Presidente: Iván Mira Fernández, subdirector xeral de Ordenación, Inspección e Avaliación do Sistema Educativo.

– Vogais:

– Manuel Trigás Verdini, inspector de Educación.

– María Beatriz Plana Galán, inspectora de Educación.

– Íñigo Barreiro García, inspector de Educación.

– Roberto Cid Galante, inspector de Educación.

– José Carlos Barros Pardo, inspector de Educación.

– Román Latas Calvo, inspector de Educación.

– Suplentes:

– Presidenta: Mª Eugenia Pérez Fernández, subdirectora xeral de Innovación, Orientación e Formación de Recursos Humanos.

– Vogais:

– Jesús María Risueño López, inspector de Educación.

– Marina Armada Vigo, inspectora de Educación.

– Rubén Vázquez Rodríguez, inspector de Educación.

– María del Pilar Barandela Sandianes, inspectora de Educación.

– María Ángeles Aramburu Núñez, inspectora de Educación.

– María Antonia González Comesaña, inspectora de Educación.