Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Xoves, 7 de xullo de 2022 Páx. 38846

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 21 de xuño de 2022 pola que se notifica resolución de procedemento para a declaración de abandono da embarcación Portela Número Uno depositada no varadoiro do porto de Bueu.

De conformidade co disposto nos artigos 44 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), notifícase a Carlos Bermúdez Monroy, mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado, a Resolución do 14 de xuño de 2022, da Presidencia da entidade pública Portos de Galicia, que declara en situación de abandono a embarcación Portela Número Uno, con folio 4ª-VI-4-37, depositada no varadoiro do porto de Bueu, por non ser posible a notificación no domicilio.

Así mesmo, este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

A resolución emítese por atoparse a embarcación depositada no varadoiro do porto de Bueu tras o seu afundimento sen actividade nin mantemento ningún e sen aboar as taxas pendentes desde hai preto de cinco anos, con base no establecido no artigo 128 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia (DOG núm. 236, do 14 de decembro), e unha vez que non existe constancia da presentación de alegacións contra o acordo de iniciación do procedemento.

De acordo coa normativa que se cita, e a través dos medios previstos na Lei 5/2011, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 203, do 24 de outubro), Portos de Galicia vai proceder á venda do buque e, de resultar esta falida, ao seu despezamento e traslado a vertedoiro autorizado.

Todos os custos de tramitación ou que xeren as actuacións que se realicen sobre o buque en función do que resulte do exame sobre o seu estado e da súa peritación, serán por conta do propietario e do arrendatario.

A presente resolución emítea a presidenta de Portos de Galicia en virtude das competencias conferidas polo artigo 12.3, alíneas a) e l), da Lei 6/2017, de portos de Galicia.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa e é executiva, poderase interpor recurso contencioso-administrativo nun prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela que corresponda.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2022

Susana Lenguas Gil
Presidenta de Portos de Galicia