Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Luns, 27 de xuño de 2022 Páx. 36591

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2022 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, da escala de axentes de inspección das especialidades de vixilancia de estradas e de dominio público hidráulico.

É de aplicación o Decreto 225/2020, do 23 de decembro (DOG núm. 260, do 29 de decembro), polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

En desenvolvemento do disposto nos artigos 12 e 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establécese a obrigatoriedade do uso de medios electrónicos na inscrición das solicitudes de participación neste proceso selectivo.

Por conseguinte, de conformidade co establecido no Decreto 225/2020, do 23 de decembro (DOG núm. 260, do 29 de decembro), polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe a Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia (en diante, LEPG),

DISPÓN:

Convocar o proceso selectivo, pola quenda de promoción interna, para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, da escala de axentes de inspección da especialidade de vixilancia de estradas e da especialidade de dominio público hidráulico.

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir as prazas do corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, da escala de axentes de inspección da especialidade de vixilancia de estradas e da especialidade de dominio público hidráulico, correspondentes á oferta de emprego público do exercicio 2020, segundo se detalla:

Adm. xeral. Promoción interna separada

Quenda xeral

Quenda discap.

Total de prazas

Escala de axentes de inspección (subgrupo C1)

Especialidade vixilancia de estradas

53

4

57

Especialidade de dominio público hidráulico

15

1

16

O sistema selectivo será o de concurso-oposición.

I.1.1. De conformidade co Decreto 225/2020, do 23 de decembro, do total de prazas convocadas reservaranse catro (4) prazas da especialidade de vixilancia de estradas e (1) da especialidade de dominio público hidráulico para seren cubertas por persoas con discapacidade cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33 %.

Se algunha persoa aspirante con discapacidade que se presenta pola cota de reserva de persoas con discapacidade supera os exercicios, pero non obtén praza, e a súa puntuación é superior á obtida por outras persoas aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluída pola súa orde de puntuación neste sistema.

De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante os procesos selectivos darase un tratamento diferenciado ás persoas aspirantes pola cota de discapacidade, no que se refire ás relacións de persoas admitidas e excluídas, aos chamamentos aos exercicios e á relación de persoas aprobadas. Non obstante, ao finalizar cada exercicio e o proceso elaborarase unha relación única na que se incluirán todas as persoas aspirantes que o superasen, ordenadas pola puntuación total obtida, con independencia do tipo de praza pola que participasen.

I.1.2. As persoas que, cumprindo os requisitos establecidos na base I.1.1, opten ás prazas reservadas para persoas con discapacidade deberán indicalo expresamente na solicitude. De non indicalo, entenderase que non optan por esta reserva.

As persoas aspirantes só poderán participar nunha das quendas citadas.

I.1.3. De ser o caso, as aclaracións ou as correccións deberán realizarse no prazo de alegacións ás listaxes provisionais de persoas admitidas.

I.1.4. Ao presente proceso selectivo seralle aplicable o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público (en diante, TRLEBEP), a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, a Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos das persoas aspirantes.

Para seren admitidas aos procesos selectivos as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización de presentación de solicitudes de participación e manter ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira os seguintes requisitos:

I.2.1. Idade: non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.2. Titulación: para ambas as especialidades, estar en posesión ou en condicións de obter o título de bacharel ou técnico. Así mesmo, observarase o establecido na Orde EDU/1603/2009, do 10 de xuño, pola que se establecen equivalencias cos títulos de graduado en educación secundaria obrigatoria e de bacharelato regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada mediante a Orde EDU/520/2011, do 7 de marzo.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se é o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

I.2.3. Para acceder á especialidade de vixilancia de estradas, as persoas aspirantes deberán ser persoal laboral fixo da Administración da Xunta de Galicia do grupo IV, categoría 031 «legoeiros», e posuír, polo menos, dous anos de antigüidade na categoría desde a que se accede desde o seu nomeamento como persoal laboral fixo, así como posuír os requisitos requiridos para o acceso á escala e especialidade a que se opta.

I.2.4. Para acceder á especialidade de dominio público hidráulico, as persoas aspirantes deberán ser persoal laboral fixo da Administración da Xunta de Galicia do grupo IV, categoría 0007 «garda xuramentado, garda fluvial e garda explotacións», e posuír, polo menos, dous anos de antigüidade na categoría desde a que se accede desde o seu nomeamento como persoal laboral fixo, así como posuír os requisitos requiridos para o acceso á escala e especialidade á que se opta.

Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais (artigo 168 da LEPG), na situación de excedencia por coidado de familiares (artigo 176 da LEPG), na situación de excedencia por razón de violencia de xénero (artigo 177 da LEPG) e na situación de excedencia por razón de violencia terrorista (artigo 177.bis da LEPG).

I.2.5. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desenvolvemento das correspondentes funcións ou tarefas.

I.2.6. Habilitación: non ter sido separada/o, nin despedida/o, mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

I.2.7. Non poderán participar no proceso selectivo o persoal funcionario de carreira que xa pertence á especialidade ou escala obxecto desta convocatoria á que opta.

I.3. Solicitudes.

I.3.1. As solicitudes presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, seguindo a ruta «Procesos selectivos»–«Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos». Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365) e deberán pagar a taxa que estea vixente no momento de presentala que exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.

Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, as persoas aspirantes deberán rexistrar os seus datos de identidade e contacto que se empregarán para as súas solicitudes.

Unha vez completados os datos do solicitante, poderase iniciar o proceso de inscrición.

As persoas aspirantes deberán indicar na súa solicitude, na epígrafe de «Idioma do exame», se o texto do exercicio deberá de se entregar en idioma galego ou en idioma castelán. Unha vez realizada a opción e presentada a súa solicitude, a persoa aspirante non poderá modificar a opción.

As persoas aspirantes deberán declarar as circunstancias particulares en que se atopen relativas ao pagamento de taxas.

As persoas aspirantes con discapacidade poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria.

Se a solicitude deriva dunha circunstancia sobrevida, deberán solicitar a adaptación necesaria no prazo dun mes desde que se produza o feito causante e, en calquera caso, nas 24 horas seguintes á publicación da convocatoria para a realización do exercicio no que proceda a súa aplicación.

As persoas aspirantes das adaptacións sinaladas poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto, deberán acreditar e presentar antes do remate do prazo fixado o orixinal ou a copia auténtica do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

I.3.2. O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

I.3.3. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) No suposto de non ter a nacionalidade española, documentación acreditativa de cumprir calquera das condicións previstas no artigo 52.1 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, regulador do acceso ao emprego público de persoas nacionais doutros Estados.

b) Xustificante da condición de persoa con discapacidade, no caso de estar expedido por outra Comunidade Autónoma.

c) Xustificante da condición de familia numerosa, no caso de estar expedida por outra Comunidade Autónoma.

d) Os datos relativos a exección de taxa consultaranse automaticamente a non ser que as persoas interesadas se opoñan á consulta da documentación, para iso deberán indicalo no cadro correspondente e achegar a seguinte documentación:

Persoas con discapacidade: certificado de discapacidade.

Vítimas de terrorismo: resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición.

Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

Demandantes de emprego:

1º. Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que a persoa aspirante figura como demandante de emprego desde polo menos seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

2º. Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir a prestación ou o subsidio por desemprego.

Para a remisión electrónica, empregará as epígrafes habilitadas para os efectos. Se non dispón de copias auténticas, deberá xerar o anexo de documentación e achegar coa súa solicitude orixinal ou copia debidamente compulsada dos documentos xustificativos segundo os supostos en que se atopen.

De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

– As vítimas do terrorismo, entendendo por tales, para os efectos regulados nesta epígrafe, as persoas que sufrisen danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista, o seu cónxuxe ou persoa que convivise con análoga relación de afectividade, e os fillos dos feridos e falecidos.

Do 50 % do importe:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

I.3.4. Para o pagamento da taxa deberá actuar do seguinte xeito:

Pagamento electrónico: deberá introducir os datos da tarxeta de crédito ou débito na opción de pagamento electrónico e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

Pagamento electrónico-con certificado dixital: poderán realizar o pagamento con cargo á conta da persoa titular do certificado desde a opción de pagamento electrónico e, nese momento, obterá o xustificante 730 correspondente.

Pagamento presencial: deberá seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento (modelo 739) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante. Unha vez feito o pagamento presencial na entidade financeira, deberase acceder á solicitude pendente e continuar a inscrición. Introduciranse os datos relativos á data de ingreso e o NRC (número de rexistro completo) correspondente. Unha vez completados os datos, validarase o NRC premendo no botón «Validar NRC».

A Administración devolverá o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas aspirantes excluídas de maneira definitiva, ou ben que non figuren en ningunha das listaxes, que así o soliciten no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da publicación no DOG das listas definitivas de admitidos e excluídos.

Do mesmo xeito, a Administración devolverá o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas aspirantes que tiveran acadado un posto na mesma categoría, corpo, grupo ou escala en virtude do proceso selectivo que se atope en execución e que á data da publicación da presente convocatoria non estivese rematado e así o soliciten no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da publicación no DOG das listas definitivas de admitidos e excluídos.

Para iso será necesaria a presentación dun escrito en que solicite a devolución e no que conste o número de conta (24 díxitos), a entidade financeira e a súa localidade, ou ben presenten un certificado expedido pola entidade financeira no cal figuren eses datos. Esta documentación deberá ser dirixida ao Servizo de Selección da Dirección Xeral da Función Pública. A presentación deste escrito sen os datos indicados ou fóra de prazo supoñerá a perda do dereito á devolución do importe ingresado.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas aspirantes admitidas provisional ou definitivamente.

I.3.5. Finalizado correctamente o proceso de pagamento, poderase presentar a solicitude.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento, accedendo ao sistema en Inscricións en procesos selectivos onde disporá dunha listaxe de todas as solicitudes.

Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, as persoas aspirantes disporán de axudas e formas de contacto específicas en cada pantalla.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública aprobará as listaxes provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas a través dunha resolución que será publicada no DOG, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade, das causas das exclusións que procedan. Estas listaxes publicaranse no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

I.4.2. As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da dita publicación da resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

As persoas aspirantes afectadas poderán acceder a solicitude correspondente e completar os documentos solicitados.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderanse implícitas nunha nova resolución da Dirección Xeral da Función Pública que será publicada no DOG, pola que se aprobarán as listaxes definitivas de persoas aspirantes admitidas e excluídas. Estas listaxes publicaranse no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo. Cando da documentación que deben presentar tras superar o proceso selectivo se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas aspirantes decaerán en todos os dereitos que puidesen derivar da súa participación.

II. Proceso selectivo.

II.1. Fase de oposición.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo a esta resolución. Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que, con data límite da data de publicación no DOG das listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas, conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

As normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que figura no anexo e que fosen derrogadas parcial ou totalmente serán automaticamente substituídas por aquelas que procedan á súa derrogación parcial ou total, con data límite da data de publicación no DOG das listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas.

II.1.1. Exercicios.

As probas da oposición consistirán na superación dos seguintes exercicios, todos eles eliminatorios e obrigatorios.

II.1.1.1. Primeiro exercicio.

Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de cen (100) preguntas tipo test relacionado co anexo do programa.

O exercicio dividirase en dúas partes:

1. A primeira parte consistirá en contestar por escrito un cuestionario de contido teórico de oitenta (80) preguntas.

O exercicio disporá de catro (4) preguntas de reserva.

As preguntas terán catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das cales só unha será a correcta.

Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta.

As preguntas adicionais de reserva serán valoradas só no caso de que se anule algunha das preguntas do exercicio.

Nesta primeira parte será necesario obter un mínimo de corenta (40) respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

2. A segunda parte consistirá en contestar por escrito un cuestionario de vinte (20) preguntas sobre un suposto práctico tipo test, sobre un ou varios textos propostos polo tribunal.

O exercicio disporá de catro (4) preguntas de reserva.

As preguntas terán catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das cales só unha será a correcta.

Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta.

As preguntas adicionais de reserva serán valoradas só no caso de que se anule algunha das preguntas do exercicio.

Nesta segunda parte será necesario obter un mínimo de dez (10) respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

O tribunal procurará que o número de preguntas garde a debida proporción co número e contido dos temas que integran o programa. Na elaboración das preguntas do presente exercicio respectarase a orde establecida no parágrafos anteriores.

O exercicio cualificarase de 0 a 60 puntos e, para superalo, será necesario obter un mínimo de trinta (30) puntos.

O tempo máximo de duración deste exercicio será de cento cincuenta (150) minutos.

Ao remate da proba cada aspirante poderá obter copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e as respostas correctas no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Este exercicio realizarase no prazo máximo de sesenta (60) días hábiles desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

A data de realización deste exercicio non terá lugar antes dos seis (6) meses posteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

II.1.1.2. Segundo exercicio:

Constará de dúas probas:

Primeira proba: consistirá na tradución dun texto do castelán para o galego elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.

Segunda proba: consistirá na tradución dun texto do galego para o castelán, elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización do exercicio será de sesenta (60) minutos.

Este exercicio valorarase como apto ou non apto e será necesario para superalo obter o resultado de apto. Corresponderá ao tribunal determinar o coñecemento da lingua galega de acordo ao nivel do Celga requirido no proceso selectivo.

Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que o tribunal faga públicas as cualificacións do primeiro exercicio, que posuían o día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG), o Celga 4 ou o título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Xunto coa resolución anterior, a Dirección Xeral da Función Pública publicará, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, unha listaxe de persoas aspirantes en que figurarán aquelas que, por teren acreditado a posesión do Celga requirido, en calquera procedemento cuxa competencia corresponda a esta dirección xeral, non teñen que presentar a documentación xustificativa da exención.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de sete (7) días hábiles desde o remate do exercicio anterior e máximo de sesenta (60) días hábiles.

II.1.2. Desenvolvemento dos exercicios.

II.1.2.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra S, de conformidade co establecido na Resolución da Consellería de Facenda do 30 de xaneiro de 2020 (DOG núm. 27, do 10 de febreiro), pola que se publica o resultado do sorteo realizado segundo o disposto na Resolución da mesma consellería do 8 de xaneiro de 2020 (DOG núm. 12, do 20 de xaneiro).

II.1.2.2. As persoas aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistas de NIF, NIE, pasaporte, permiso de condución ou outro documento fidedigno que, a xuízo do tribunal, acredite a súa identidade.

II.1.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Dirección Xeral da Función Pública como colaboradoras.

II.1.2.4. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

II.1.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas.

Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou, eventualmente, nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

II.1.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, con dez (10) días naturais, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

II.1.2.7. Se o tribunal, de oficio, ou con base nas reclamacións que as persoas aspirantes poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes á realización do exercicio, anula algunha ou algunhas das súas preguntas ou modifica o modelo de corrección de respostas publicarao no DOG.

II.1.2.8. As puntuacións obtidas polas persoas aspirantes publicaranse no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal

Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación no DOG da resolución do tribunal pola que se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

II.1.2.9. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral da Función Pública para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

No caso de que a persoa aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral da Función Pública proporá a súa exclusión do proceso selectivo ao órgano convócante, que publicará a orde que corresponda.

II.1.2.10. Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará as persoas aspirantes, con anterioridade á realización dos exercicios, dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nas bases desta convocatoria.

No caso de que o tribunal acorde parámetros para a cualificación do exercicio, en desenvolvemento dos criterios de valoración previstos nesta convocatoria, aqueles difundiranse con anterioridade á realización do exercicio.

II.2. Fase de concurso.

A fase de concurso consistirá na valoración ás persoas aspirantes que superaron a fase de oposición dos seguintes méritos:

II.2.1. Experiencia profesional.

a) Experiencia profesional, entendida como os servizos efectivamente prestados como persoal laboral na categoría 031 do grupo IV, no ámbito do V Convenio colectivo de persoal da Xunta de Galicia.

Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais (artigo 168 da LEPG), na situación de excedencia por coidado de familiares (artigo 176 da LEPG), na situación de excedencia por razón de violencia de xénero (artigo 177 da LEPG) e na situación de excedencia por razón de violencia terrorista (artigo 177.bis da LEPG).

Para estes efectos, calcularase o número total de días correspondentes aos distintos servizos computables e dividirase o resultado entre trinta (30). O cociente enteiro, desprezando os decimais, multiplicarase por 0,10 puntos.

Computarase a prestación de servizos en réxime de interino (artigo 25.4 da LEPG) e en réxime de persoal laboral temporal (artigo 27.4 da LEPG) e do persoal laboral indefinido non fixo.

Os servizos efectivos prestados en xornadas inferiores á completa valoraranse proporcionalmente.

A puntuación máxima da epígrafe de experiencia profesional é de 30 puntos.

II.2.2. Formación: valoraranse os cursos de formación organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Academia Galega de Seguridade Pública, o Instituto Nacional de Administración Pública (INAP), e as escolas oficiais de formación similares do estado e das restantes comunidades autónomas, os cursos impartidos no marco do Acordo de Formación para o Emprego das Administracións Públicas (AFEDAP), e os cursos impartidos polas organizacións sindicais sempre que estivesen homologados pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

Para cada curso de duración igual ou superior a 8 horas lectivas valorarase con 0,01 puntos cada hora de formación, ata un máximo de 1,5 puntos por curso.

Non se valorará:

– A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares.

– As materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica.

– Os cursos de doutoramento.

– Os módulos ou partes integrantes dun curso.

– Os cursos que formen parte dos procesos de selección de funcionarios.

Para os efectos de puntuación desta epígrafe, estimaranse como valorables as probas superadas de avaliación dos programas de autoformación organizadas pola EGAP ao consideralas equivalentes a un aproveitamento polas horas previstas dos correspondentes cursos organizados e impartidos directamente pola EGAP.

A puntuación máxima desta epígrafe é de 6 puntos.

e) Grao de coñecemento do idioma galego.

– Curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega, curso de nivel medio de linguaxe administrativa local galega, curso de linguaxe xurídica galega, ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas ou Celga 5: 2,25 puntos.

– Curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega ou curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega: 3 puntos.

En caso de acreditar máis dun grao de coñecemento de galego, só se computará o superior.

II.2.3. Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores, ata o máximo de 1 punto:

– Permiso por parto, adopción ou acollemento (artigos 121 e 122 da LEPG): 0,2 puntos.

– Permiso do outro proxenitor por nacemento, acollemento ou adopción dun fillo (artigo 124 da LEPG): 0,2 puntos.

– Redución de xornada do artigo 106.2.a) e b) da LEPG: 0,04 puntos/mes.

– Excedencia por coidado de familiares (artigo 176 da LEPG): 0,04 puntos/mes.

Os meses serán computados por días naturais (30 días).

II.3. Os méritos enumerados na base II.2 deberán referirse á data de publicación da presente convocatoria, e deberán acreditarse de conformidade co procedemento que estableza a Dirección Xeral da Función Pública e que será publicado no Diario Oficial de Galicia.

Non se terán en conta os méritos que non se presenten conforme o establecido no dito procedemento.

II.4. Rematada a fase de oposición, desde a publicación polo tribunal das notas do último exercicio, as persoas aspirantes deberán proceder de conformidade co sinalado no procedemento a que se refire o punto anterior para presentar a documentación relativa á fase de concurso, que irá dirixida á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda e Administración Pública (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela).

II.5. O tribunal procederá á baremación da fase de concurso, coa colaboración técnica que precise do persoal da Dirección Xeral da Función Pública, e publicaraa no DOG, con indicación da puntuación obtida por cada aspirante. Contra a baremación, as persoas aspirantes que o consideren oportuno poderán presentar reclamación ante o propio tribunal no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no DOG da dita baremación.

Á vista das reclamacións presentadas e realizadas, de ser o caso, as oportunas correccións á baremación inicialmente asignada a cada aspirante, o tribunal procederá á publicación no DOG da baremación definitiva da fase de concurso.

II.6. A orde de prelación das persoas aspirantes virá dada pola suma das puntuación obtidas nas fases de oposición e na fase de concurso. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

Non obstante, para asegurar a cobertura das vacantes, se se producen renuncias das persoas seleccionadas antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación ás propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos das persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deduza que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeadas persoal funcionario de carreira.

III. Tribunal.

III.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por orde da Consellería competente en materia de función pública, e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 59 da LEPG, artigo 60 do TRLEBEP e artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, e o Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

III.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, no artigo 59.2 da Lei 2/2015 de emprego público de Galicia, ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas por Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007 e no acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberá ser comunicada á Dirección Xeral da Función Pública.

A Presidencia deberá solicitar ás restantes persoas que formen parte do tribunal e, de ser o caso, ao persoal asesor previsto na base III.9 e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos unha declaración expresa de non atoparse incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, as persoas aspirantes poderán recusar os integrantes do tribunal cando concorran neles algunha das circunstancias referidas no parágrafo primeiro consonte o establecido no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

III.3. A autoridade convocante publicará no DOG a orde correspondente pola que se nomeen os novos integrantes do tribunal que substituirán aos que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

III.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle corresponda para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

III.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso das persoas que ocupen a Presidencia e a Secretaría, ou de quen os substitúa.

III.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e ao resto do ordenamento xurídico.

III.7. Por cada sesión do tribunal redactarase unha acta que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura da persoa que ocupe a Secretaría e o visto e prace da persoa que ocupe a Presidencia.

III.8. A/o presidenta/o do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes, e utilizará, para iso, os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

As decisións e os acordos que afecten a cualificación e valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade das persoas aspirantes as que corresponden os resultados obtidos.

III.9. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de persoal asesor para as valoracións que coide pertinentes, quen deberá limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terán voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública.

III.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizar os exercicios que as restantes participantes. Para tal fin, estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3 as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

Se durante a realización do proceso selectivo, o tribunal tivese dúbidas sobre a capacidade da persoa aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo ou escala ao que opta poderá solicitar o ditame do órgano competente.

III.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia. Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador realizada segundo o disposto na base III.1 implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

III.12. O tribunal non poderá propoñer o acceso ao emprego público dun número superior de persoas aprobadas ao de prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito, tendo en conta o previsto na base II.3.

III.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

III.14. As comunicacións que formulen as persoas aspirantes ao tribunal dirixiranse á Consellería de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral da Función Pública (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela).

IV. Listaxe de persoas aprobadas, presentación de documentación e nomeamento de persoal funcionario de carreira.

IV.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da oposición e na fase de concurso.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

– Puntuación obtida no primeiro exercicio da fase de oposición.

– Puntuación outorgada polos méritos alegados na fase de concurso seguindo a orde establecida nas diferentes epígrafes da base II.2.

– Orde alfabética recollida na base II.1.2.1.

– En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

IV.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a relación de persoas aspirantes que o superaron por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu documento nacional de identidade ou equivalente. Na mesma resolución proporá o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.

A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da relación de persoas aprobadas, estas disporán dun prazo de vinte (20) días hábiles para a presentación dos seguintes documentos no caso de que non foran presentados ou validados previamente:

A) Copia auténtica do título exixido na base I.2 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a súa obtención. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá presentar credencial da súa validación ou homologación ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión.

B) Informe sobre o estado de saúde que acredite que a persoa aspirante non padece enfermidade nin está afectada por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

C) As persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % que superen o proceso selectivo deberán ademais, acreditar, no caso de que coa solicitude se opuxesen a consulta, tal condición mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Política Social e Xuventude e, de ser o caso, da Administración correspondente.

A Consellería competente en materia de función pública solicitará ao órgano competente a documentación que acredite que os/as aspirantes que accedan por esta cota de reserva reúnen os requisitos de compatibilidade co desempeño das correspondentes funcións.

Poderán autorizar á Administración a dita consulta mediante solicitude expresa remitida xunto co resto da documentación.

IV.3. As persoas aspirantes estarán exentas de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para obter o seu anterior nomeamento.

IV.4. As persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2 non poderán ser nomeadas persoal funcionario de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

IV.5. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario de carreira mediante unha orde da persoa titular da consellería competente en materia de función pública que se publicará no DOG e indicará o destino adxudicado.

IV.6. A adxudicación das prazas ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base IV.1.

Ás persoas aspirantes que superen este proceso selectivo adxudicaráselles destino no mesmo posto que viñesen desempeñando con carácter definitivo sempre que figure na relación de postos de traballo aberto ao corpo de Administración xeral a que acceden.

No caso de que a persoa aspirante ocupe un posto con carácter definitivo que non estea aberto ao corpo, ofertarase na elección de destino unha vacante que poderá ser de nivel superior ao nivel mínimo do subgrupo, no caso de que non haxa vacantes deste nivel.

IV.7. A toma de posesión das persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade co artigo 60.e) da LEPG.

V. Disposición derradeira.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería competente en materia de función pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2022

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO

Especialidade de vixilancia de estradas

1. Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, e as súas modificacións: títulos I, IV e V (unicamente capítulo I).

2. Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia e as súas modificacións: títulos I, IV (excluída a sección III do capítulo IV) e título V (unicamente o capítulo I).

3. Orde do 23 de maio de 2019 pola que se regulan os accesos nas estradas de Galicia e nas súas vías de servizo (agás o título IV).

4. Obras de fábrica: materiais e as súas clasificacións. Execución das unidades. Encofrados. Control de execución de obra e interpretación dos ensaios que hai que realizar.

5. Obras de terra e explanacións: as rochas e os solos e as súas clasificacións. Desmontes. Terrapléns e pedrapléns. Control de execución de obra e interpretación dos ensaios que hai que realizar. Prego de prescricións técnicas xerais para obras de estradas e pontes (PG-3) parte 3ª (capítulos II, III e IV).

6. Obras de drenaxe e canalizacións: definicións. Materiais, tipos e usos de gabias, drenaxes profundas, tubaxes, pozos, sumidoiros e rexistros. Control de execución de obra e interpretación dos ensaios que hai que realizar. Prego de prescricións técnicas xerais para obras de estradas e pontes (PG-3) parte 4ª.

7. Firmes de estradas e pavimentos para tránsito peonil: capas granulares, as capas tratadas con cemento (solo estabilizado e solo cemento), tratamentos superficiais, firmes con mesturas bituminosas. Pavimentos, tipos e materiais. Control de execución de obra e interpretación dos ensaios que hai que realizar. Prego de prescricións técnicas xerais para obras de estradas e pontes (PG-3) parte 5ª.

8. Sinalización vertical: tipos, materiais, criterios de utilización. Marcas viais: tipos, materiais, criterios de utilización. Balizamento: tipos, materiais, criterios de utilización. Sistemas de contención de vehículos: tipos, materiais, criterios de utilización. Control de execución de obra e interpretación dos ensaios que hai que realizar. Prego de prescricións técnicas xerais para obras de estradas e pontes (PG-3) parte 7ª.

9. A maquinaria empregada na construción e conservación de estradas. Conceptos e elementos básicos.

10. A conservación ordinaria de estradas, a vialidade invernal e a conservación extraordinaria de estradas; descrición, operacións e tarefas. A vixilancia das estradas: a súa programación e execución. Recoñecementos sistemáticos e inspeccións especiais.

11. Sinalización de obra, norma de estradas 8.3-IC. Sinalización móbil de obra.

12. A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais: capítulos III (Dereitos e obrigas). Real decreto 1627/1997, do 24 de outubro, polo que se establecen disposicións mínimas de seguridade e de saúde nas obras de construción.

13. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas: título preliminar, título I (unicamente o capítulo I), título II (só o capítulo I), título III e título IV (capítulos I, II e IV).

14. Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade: título preliminar, título I: capítulos I e II e título II.

Especialidade de vixilancia de dominio público hidráulico

1. Dominio público hidráulico. Bens que o integran. Conceptos de canle, ribeira e marxes. Zonas de servidume e de policía do dominio público hidráulico. Limitacións ao uso. Zona de fluxo preferente: concepto e limitacións ao uso. Lagos, lagoas, encoros e zonas inundables: conceptos e limitacións ao seu uso. Acuíferos.

2. Utilización do dominio público hidráulico. Servidumes legais. Usos comúns e privativos. Usos privativos por disposición legal. Concesións de auga: principios xerais que rexen as concesións de augas.

3. Afloramento e utilización de augas subterráneas. Concesións de augas subterráneas: condicións e distancias que deben cumprir. Características que definen unha concesión de augas subterráneas.

4. Usos comúns especiais do dominio público hidráulico: principios xerais.

5. Protección do dominio público hidráulico e da calidade das augas. Normas xerais. Apeo e deslindamento. Zonas de protección. Reservas hidrolóxicas.

6. Actuacións menores de mantemento e conservación. Declaración responsable para actuacións menores no dominio público hidráulico e a súa zona de policía. Directrices técnicas de conservación fluvial de carácter ordinario.

7. Obras en zona de policía de canles: limitacións para a súa autorización. Cruzamentos de canles con liñas eléctricas: condicións que deben cumprir. Extracción de agregados: limitacións á extracción de áridos no dominio público hidráulico.

8. Verteduras ao dominio público hidráulico. Verteduras directas e verteduras indirectas: conceptos. Autorizacións de verteduras. Toma de mostras de verteduras.

9. Da administración pública da auga. Os organismos de bacía: configuración e funcións. A Administración hidráulica de Galicia.

10. Infraccións e sancións en materia de protección do dominio público hidráulico.

11. A planificación hidrolóxica. Normativa do Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica Galicia Costa.

12. Principios xerais en materia de seguridade e saúde. A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais. Dereitos e obrigas.

13. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas: títulos preliminar, I, II, III, IV e V.

14. Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade: título preliminar, título I: capítulos I e II e título II.