Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Luns, 20 de xuño de 2022 Páx. 35315

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Fornelos de Montes (expediente IN407A 2021/241-4).

Feitos:

Primeiro. O 15 de outubro de 2021, a empresa Eléctrica de Moscoso, S.L. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS e CT Cima de Vila.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a instalación dunha liña de media tensión subterránea en dobre circuíto que alimentará un novo centro de transformación de 100 kVA. As actuacións están previstas no lugar de Cima de Vila, na parroquia de Calvos, no concello de Fornelos de Montes (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Fornelos de Montes, a Deputación Provincial de Pontevedra e o Servizo de Patrimonio Cultural de Pontevedra. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polo Concello de Fornelos de Montes e pola Deputación Provincial de Pontevedra.

O Servizo de Patrimonio Cultural de Pontevedra non emitiu condicionado técnico e enténdese, en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Terceiro. De conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por resultar descoñecida unha da persoas interesadas que figuran na relación de bens e dereitos afectados achegada pola empresa promotora, esta xefatura notifícalle a información pública da solicitude de declaración de utilidade pública da instalación LMTS e CT Cima de Vila (expediente IN407 2021/241-4) a través dun anuncio no Diario Oficial de Galicia do 24 de febreiro de 2022 e no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado do 11 de marzo de 2022, co fin de realizar a notificación por comparecencia.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante Resolución do 28 de decembro de 2021 publicada nos seguintes medios:

Diario Oficial de Galicia (DOG): 31 de marzo de 2022.

Xornal Faro de Vigo: 15 de xaneiro de 2022.

Taboleiro de anuncios do Concello de Fornelos de Montes: do 11 de marzo de 2022 ao 27 de abril de 2022, conforme certificado expedido polo propio concello.

Durante o mencionado trámite, non se recibiron alegacións.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG núm. 5, do 11 de xaneiro de 2021), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión subterránea (LMTS) en dobre circuíto a 20 kV con condutor tipo RHZ1-2OL de 853 metros de lonxitude que alimentará, con entrada e saída, o CT proxectado e conectarase na liña de media tensión existente mediante dous pasos aéreo-subterráneos no apoio 4EM00920 da LMT derivación a Calvos.

Centro de transformación 100 kVA situado en caseta prefabricada de formigón monobloque tipo PFU-3 de Ormazábal ou similar.

As instalacións están situadas no lugar de Cima de Vila, na parroquia de Calvos, no concello de Fornelos de Montes (Pontevedra).

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa Eléctrica de Moscoso, S.L. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS e CT Cima de Vila (expediente IN407A 2021/241-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa Eléctrica de Moscoso, S.L. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 24 de maio de 2022

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra