Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Luns, 20 de xuño de 2022 Páx. 35108

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

DECRETO 110/2022, do 9 de xuño, polo que se nomea reitor magnífico da Universidade de Vigo o profesor doutor Manuel Joaquín Reigosa Roger.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, regula no seu artigo 20 a forma de elección do reitor e dispón que será nomeado polo órgano correspondente da Comunidade Autónoma.

Pola súa banda, os estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro, dispoñen, no seu artigo 28, que o reitor será elixido pola comunidade universitaria mediante elección directa e sufraxio universal libre e secreto e nomeado pola Xunta de Galicia.

En virtude do disposto no artigo 20 da Lei 6/2001, do 21 de decembro, e nos estatutos da propia universidade, tivo lugar o día 4 de maio de 2022 un novo proceso electoral para a elección de reitor.

A Secretaría Xeral da Universidade de Vigo comunica á Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que o día 11 de maio de 2022 a Comisión Electoral proclamou como reitor o profesor doutor Manuel Joaquín Reigosa Roger.

Na súa virtude, en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por instancia da Universidade de Vigo, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do nove de xuño de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo único

Nomear reitor magnífico da Universidade de Vigo o profesor doutor Manuel Joaquín Reigosa Roger.

Santiago de Compostela, nove de xuño de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades