BDNS (Identif.): 631345.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas físicas ou xurídicas, ou entes sen personalidade xurídica, que cumpran todos os requisitos que se indican a seguir:
a) As persoas agricultoras e gandeiras solicitantes das axudas correspondentes á política agrícola común (PAC) que presenten ou presentasen a súa solicitude conforme o previsto na Orde do 21 de xaneiro de 2022 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.
b) Que subscriban ou subscribisen un préstamo persoal do anticipo da PAC 2022 con algunha das entidades financeiras que se relacionan no anexo IV, asinantes do convenio entre a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, e diversas entidades financeiras para formalizar préstamos preferentes para o anticipo das axudas directas, así como as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control correspondentes á PAC, relativas á Orde do 21 de xaneiro de 2022 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.
Segundo. Obxecto
Esta orde ten por obxecto convocar e establecer as bases para a concesión de axudas de minimis para o pagamento da comisión inicial de apertura pola concesión dos préstamos para o adianto das axudas directas da PAC da campaña 2022, así como as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control, destinadas ás persoas beneficiarias dos préstamos.
Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria
Orde do 25 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as axudas para o pagamento da comisión de apertura destinadas ás persoas beneficiarias dos préstamos para o adianto das axudas directas da política agrícola común, así como as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control da campaña 2022 (código de procedemento MR242A).
Cuarto. Contía e financiamento
1. A contía da axuda será do 2 % do importe do préstamo concertado entre a persoa solicitante da PAC e as entidades financeiras para o adianto de ata o 100 % dos importes das axudas directas, así como das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control. Esta contía calcularase tomando como referencia o importe pagado a cada persoa solicitante na campaña anterior.
No caso daqueles préstamos xa asignados previamente á sinatura do convenio, a axuda cubrirá todos os gastos financeiros desde a sinatura do préstamo ata o 15 de setembro. Esta axuda estará limitada a un máximo do 2 % do importe do préstamo.
2. Estas axudas financiaraas a Consellería do Medio Rural con cargo á aplicación orzamentaria 14.80.713F.470.1, habilitada para o efecto na anualidade 2022, cunha dotación máxima de 3.400.000 euros, que se esgotará no exercicio orzamentario 2022.
Quinto. Solicitude e prazo
As entidades colaboradoras deberán comunicar, antes do 15 de setembro de 2022, a acreditación da formalización do préstamo do adianto da PAC 2022, segundo o modelo que figura no anexo I da orde, xunto coa documentación complementaria indicada no artigo 6.
A comunicación do punto anterior efectuarana as entidades colaboradoras exclusivamente a través de medios electrónicos. Para a comunicación empregarase o formulario normalizado cuxo modelo se inclúe como anexo I da orde, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, accedendo ao procedemento MR242A.
Santiago de Compostela, 25 de maio de 2022
José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural