Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Venres, 3 de xuño de 2022 Páx. 32627

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2022 pola que se convoca o curso monográfico A intelixencia artificial na Administración.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar o curso monográfico A intelixencia artificial na Administración, de acordo coas bases que se indican a continuación:

Primeira. Obxectivos

Os extraordinarios avances tecnolóxicos dos últimos anos xeraron a irrupción da denominada «intelixencia artificial», que se está a introducir en todos os sectores empresariais, así como na Administración, o que fai necesario abordar a súa regularización. Actualmente estase a tramitar unha proposta da Comisión Europea de Regulamento sobre intelixencia artificial que abordará os seus principais aspectos xurídicos no marco da Unión Europea.

Neste curso tratarase o uso que, na actualidade, fai o sector público da intelixencia artificial como soporte para tomar decisións que deben ser obxecto de control e impugnación, analizando particularmente o caso da Administración local. Ademais, abordaranse aspectos relacionados coa propiedade industrial e intelectual, como a titularidade das obras e invencións xeradas pola intelixencia artificial no ámbito da Administración pública.

Segunda. Contidos

Os temas a abordar neste curso serán os seguintes:

• Marco xurídico da intelixencia artificial como soporte á toma de decisións do sector público.

• Control e impugnación das decisións adoptadas pola Administración baseadas na intelixencia artificial.

• A intelixencia artificial e o dereito da propiedade intelectual.

• Intelixencia artificial e control da Administración local.

• A intelixencia artificial e o dereito da propiedade industrial.

• A intelixencia artificial na Administración pública.

Terceira. Persoas destinatarias

Esta actividade está dirixida ao persoal empregado público en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega e das súas entidades públicas instrumentais; da Administración institucional, da Administración local e das universidades do Sistema universitario de Galicia; e a profesionais e persoas interesadas en xeral.

Cuarta. Desenvolvemento

Lugar: salón de actos da EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Modalidade: presencial.

Datas: 9 e 10 de xuño de 2022.

Horario: de mañá e tarde.

Horas lectivas: 10.

Quinta. Número de prazas

Limitado pola capacidade do local.

Sexta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos nas bases terceira e oitava desta convocatoria.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar, primeiro, a área en que está integrada esta actividade «coñecementos transversais» e, despois, seleccionar en nome do curso: «Curso monográfico A intelixencia artificial na Administración».

5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 7 de xuño de 2022.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico novas.egap@xunta.gal ou, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sétima. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección, consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

2. En caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar, ademais, os documentos a cuxa consulta se opoñen; que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico <novas.egap@xunta.gal>

3. Excepcionalmente, en caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Oitava. Criterios de admisión e selección

A admisión levarase a cabo de acordo cos criterios indicados na base terceira desta convocatoria respecto das persoas destinatarias. A orde de selección virá determinada pola data e hora de inscrición.

Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas e reservas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal unha relación de persoas seleccionadas para participar neste curso monográfico, así como un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das relacións foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda ou encóntranse excluídas de acordo co disposto na orde segunda, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro do 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por razóns de conciliación familiar.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por correo electrónico, dirixido a novas.egap@xunta.gal, con anterioridade ao inicio da actividade formativa, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia na actividade:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, estas faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa, nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir da finalización desta actividade.

Undécima. Certificado electrónico de asistencia

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de desenvolvemento, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Duodécima. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, en cuxo caso serán empregados os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá, na acción derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2022

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública