Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Xoves, 2 de xuño de 2022 Páx. 32397

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 2022 de modificación da Resolución do 5 de abril de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a selección de empresas e proxectos, en réxime de concorrencia competitiva, que participarán no programa do Polo de aceleración do sector dos videoxogos, financiado ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 como resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT207J).

O 11 de maio de 2022 publicouse no DOG núm. 91 a Resolución do 5 de abril de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a selección de empresas e proxectos que participarán no programa de desenvolvemento do Polo de aceleración do sector dos videoxogos para impulso do sector, ao abeiro do programa susceptible de financiamento ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 como resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2022.

A Resolución do 5 de abril de 2022 establecía no seu artigo 3, parágrafo 1, que «O programa está dirixido a proxectos emprendedores, polo que as beneficiarias deberán ser novas empresas, físicas ou xurídicas, con menos de 10 meses de existencia, desde o seu inicio de actividade en calquera dos ámbitos da cadea de valor da industria dos videoxogos e contidos interactivos, con sucursal ou oficina permanente na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia».

Dada a singularidade do sector e para permitir unha maior concorrencia, considérase que esta antigüidade debe ser máis ampla, o que permitiría aumentar o espectro de participantes nela coa finalidade de garantir unha maior competitividade do mercado, aceptando a participación, no proceso subvencional, de entidades que no momento de presentación das solicitudes teñan unha antigüidade de menos de 24 meses en lugar dos 10 meses previstos, abríndoas a un abano máis grande de participación.

Polo tanto, na convocatoria de referencia, esta modificación ten o obxecto permitir que as entidades beneficiarias no momento de presentación das solicitudes teñan unha antigüidade de menos de 24 meses.

Consecuentemente con todo o anterior,

RESOLVO:

Artigo 1. Modificación da Resolución do 5 de abril de 2022 pola que aproban as bases reguladoras para a selección de empresas e proxectos, en réxime de concorrencia competitiva, que participarán no programa do Polo de aceleración do sector dos videoxogos, financiado ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 como resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT207J)

Modifícase o parágrafo 1 do artigo 3, referido aos requisitos das entidades beneficiarias, que queda redactado como segue:

«1. O programa está dirixido a proxectos emprendedores, polo que as beneficiarias deberán ser novas empresas, físicas ou xurídicas, con menos de 24 meses de existencia, desde o seu inicio de actividade en calquera dos ámbitos da cadea de valor da industria dos videoxogos e contidos interactivos, con sucursal ou oficina permanente na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia».

Artigo 2. Corrección de erros materiais

Procédese á corrección dos seguintes erros materiais.

2.1. Na páxina 28005 do Diario Oficial de Galicia número 91, do mércores 11 de maio de 2022, no artigo segundo, parágrafo 1, onde di: “(código de proxecto 2020 00001)”, debe dicir: “(código de proxecto 2021 00001)”

2.2. Na páxina 28008 do Diario Oficial de Galicia número 91, do mércores 11 de maio de 2022, no artigo 4, parágrafo 1, onde di: «código de proxecto 2021 0001», debe dicir: «código de proxecto 2021 00001».

Disposición adicional única. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes desde a publicación da modificación. Este novo prazo non afectará a admisibilidade das solicitudes xa presentadas, que non terán que ser presentadas de novo.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2022

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais