Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Mércores, 1 de xuño de 2022 Páx. 32087

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

DECRETO 83/2022, do 19 de maio, polo que se declara ben de interese cultural a ponte da Ponte Maceira sobre o río Tambre, entre os termos municipais de Ames e Negreira (A Coruña).

I

A ponte da Ponte Maceira posúe unha indubidable relevancia histórica para as comarcas de Amaía e A Barcala, e constitúe un elemento senlleiro das rutas dos Camiños de Santiago polo seu estado de conservación e pola integración na súa contorna, de xeito que resulta un fito simbólico da paisaxe na que se integra. Á ponte da Ponte Maceira atribúense feitos de carácter lendario relacionados coa tradición xacobea, que se ben poden tamén atribuírse a outras pontes da zona, sinala a importancia deste paso para o imaxinario popular.

A ponte actual erixírase en época medieval, promovida polo poder eclesiástico de Santiago co fin de facilitar a comunicación cos portos de Fisterra e controlar o acceso e as mercadorías, sendo o escenario de conflitos relevantes entre Compostela e os señores de Traba e os seus aliados da nobreza galega.

No século XVIII José Cornide describe o precario estado de conservación dunha estrutura de sete arcos, e no ano 1792 documéntase a derruba e ruína que impediría o seu uso, estado no que permanecería ata xa comezado o século XIX. No ano 1987, despois doutra nova derruba parcial, procédese a unha nova fase de restauracións e actuacións de conservación e mellora do conxunto de muíños, lavadoiros, pavimentos e espazo público.

A súa antigüidade, a súa influencia na configuración do territorio e a súa calidade construtiva e o estado de conservación, ademais da documentación que demostra a súa autenticidade, acreditan o carácter sobranceiro desta infraestrutura da enxeñaría histórica.

II

O 16 de novembro de 2017 os concellos de Ames e Negreira solicitaron a declaración como ben de interese cultural da ponte da Ponte Maceira sobre o río Tambre, para o que achegaron unha documentación que foi completada en diferentes fases.

O 14 de maio de 2020 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu a resolución polo que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural a ponte da Ponte Maceira sobre o río Tambre, entre os termos municipais de Ames e Negreira (DOG núm. 99, do 25 de maio).

No período de exposición publica da proposta de incoación presentáronse 12 alegacións que, nos seus termos globais e despois do informe dos servizos técnicos da Dirección Xeral, foron atendidas total ou parcialmente, resultando en consecuencia a redución do contorno de protección proposto, a eliminación da consideración como bens de interese cultural de hórreos e cruceiros e demais elementos, así como a incorporación dalgunhas medidas específicas no relativo á conservación e protección da ponte.

Ademais, solicitouse o ditame dos órganos consultivos sobre o valor cultural sobranceiro do inmoble, que resultaron favorables ao devandito recoñecemento, ben que recomendaron unha protección adicional de carácter territorial que deberá ser obxecto de análise no procedemento de delimitación do territorio histórico do Camiño de Fisterra e Muxía no seu momento.

III

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (en diante, LPCG).

A LPCG no seu artigo 1.1 establece que o seu obxecto é a protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia, de forma que lle sirva á cidadanía como unha ferramenta de cohesión social, desenvolvemento sustentable e fundamento da identidade cultural do pobo galego, así como a súa investigación, valorización e transmisión ás xeracións futuras. Así mesmo, o artigo 1.2 indica que o patrimonio cultural de Galicia está constituído, entre outros, polo patrimonio histórico e arquitectónico que deba ser considerado como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo.

O artigo 8.2 da LPCG establece que terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei, e poderán ser inmobles, mobles ou inmateriais.

O artigo 88.1.f) da LPCG establece que integran o patrimonio arquitectónico os inmobles e construcións propios das obras públicas e a enxeñaría histórica que aparecen integrados de forma harmónica no territorio formando parte das cidades, núcleos urbanos ou rurais tradicionais e das franxas territoriais que transformaron, axudaron a construír e caracterizan culturalmente, como é o caso das pontes, presas, canles, etc, cunha significativa dimensión paisaxística, urbana, territorial, técnica e arquitectónica e que fosen construídos antes de 1901.

IV

Na tramitación do expediente, por tanto, cumpríronse todos os trámites legalmente preceptivos de acordo coa normativa vixente. Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de maio de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Primeiro. Declarar ben de interese cultural, coa categoría de monumento, a ponte da Ponte Maceira sobre o río Tambre entre os termos municipais de Ames e Negreira (A Coruña), conforme o descrito no anexo I deste decreto.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e comunicala ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración xeral do Estado para a súa correspondente anotación.

Terceiro. Aplicar o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural, e en especial o referido para os bens inmobles e o patrimonio arquitectónico.

Cuarto. Incluír no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia a relación de bens do patrimonio etnolóxico que se recollen no anexo II deste decreto.

Quinto. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Sexto. Segundo o disposto no artigo 35.5 da LPCG esta declaración de ben de interese cultural obriga os concellos nos que se localiza a incorporar esta circunstancia ao seu planeamento urbanístico e a establecer as determinacións específicas para o seu réxime de protección e conservación.

Sétimo. Notificar esta resolución ás persoas interesadas e aos concellos de Ames e Negreira.

Oitavo. Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poden interpoñer potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación ante o órgano que ditou o acto ou, directamente, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Eficacia

Este decreto terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de maio de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación: ponte da Ponte Maceira, tamén denominada Ponte Vella.

2. Localización:

• Concello: Ames/Negreira (A Coruña).

• Parroquia: San Lourenzo de Agrón (Ames)/Santa María de Porto (Negreira).

• Coordenadas UTM ETRS 89 fuso 29: X=524.886, Y=4.750.352.

3. Descrición.

• Descrición histórica:

A ponte da Ponte Maceira formaliza un paso histórico relevante desde o interior de Galicia cara á costa, entre as comarcas de Amaía e A Barcala, separadas polo río Tambre. De tal xeito conforma o percorrido da ruta principal do Camiño de Santiago cara a Fisterra e Muxía, que remite aos usos sociais e culturais previos á cristianización e globalización do fenómeno xacobeo, o camiño cara á fin da terra e o solpor.

É probable que existise un paso do río previo, aínda que a hipótese da orixe romana non está cientificamente acreditada, a pesar das descricións que fan referencia a que podería quedar algún elemento romano nos fundamentos e alicerces da existente.

Parte desta orixe histórica ou mítica consérvase na tradición xacobea recollida no Códice Calixtino como o lugar en que o santo obraría a milagre de deixar pasar os seus discípulos e derrubar a ponte, denominada das Pías, sobre as forzas de ocupación romanas que os perseguían, e que podería referirse a esta ou, máis probablemente, a outra ponte sobre o río Tambre, a de Ons.

A ponte actual erixiríase en época medieval entre dúas xurisdicións en continuo conflito. Entre o século XIII e o XIV o poder eclesiástico de Santiago tería erixido a estrutura co fin de facilitar a comunicación cos portos de Fisterra e controlar o acceso e as mercadorías.

Esta situación de fronteira entre poderes feudais faría do lugar da Ponte Maceira o escenario de conflitos relevantes entre Compostela e os señores de Traba e os seus aliados da nobreza galega.

No século XVIII José Cornide documenta a súa descrición e o seu precario estado de conservación e os orzamentos de urxencia para a súa reparación feitos polo arquitecto Juan López Freire. Da mesma época documéntanse múltiples pasos de barca ou a pé sobre o Tambre, en pesqueiras ou presas augas arriba e abaixo, polo que o tráfico sería probablemente de carácter máis local, o que facilitaría a conservación do conxunto das aldeas da Ponte Maceira.

A descrición desta época fala dun total de sete arcos, tres cara á parte da Barcala de feitura máis antiga, gótica; e catro máis modernos, de medio punto, cara a Altamira. No ano 1792 documéntase a derruba e ruína que impediría o seu uso, estado en que permanecería ata xa comezado o século XIX.

O mantemento desta ponte era do interese das vilas de Cee, Corcubión, Muxía, Moraime e Fisterra, e mesmo de Muros, polo que se solicitaba a declaración do interese público da ponte e a eliminación de portádegos e de custos para os usuarios e beneficiarios na súa restauración, a pesar da vontade dalgún veciño de reconstruílo á súa custa garantindo o dereito de cobramento para persoas, bestas e carros. Os custos foron asumidos polos concellos e a súa restauración levada a cabo por completo fronte a diferentes iniciativas para a súa substitución por unha de mellor trazado e perfil.

Despois da derruba parcial de 1987, a Xunta de Galicia procedeu á súa restauración en varias fases entre 1991 e 2001, así como diversas obras de integración ambiental nos conxuntos. Nas mesmas datas o Concello de Ames e o Concello de Negreira acometeron actuacións de conservación e mellora do conxunto, muíños, lavadoiros, pavimentos e espazo público, así como de instalacións de subministración, das cales cómpre destacar os proxectos do enxeñeiro Carlos Nárdiz.

• Descrición formal:

A ponte da Ponte Maceira conserva a estrutura clásica das pontes medievais, cun longo perfil alombado cara ao centro, cun arco apuntado e dous arcos de medio punto a cada un dos lados, de entre 6 e 14 m de luz do arco central. No estribo esquerdo, no sentido das augas, existen dous arcos de carácter máis recente que teñen por obxecto facilitar o desaugamento. Os arcos están protexidos con potentes tallamares de perfil apuntado e remate en chanzos nos dous sentidos da corrente. A calzada ten un largo próximo aos 3 m, sen que se destaquen rúas, rodeiras ou apartadoiros. As fábricas actuais serían o resultado da actuación restauradora do século XIX, que reforzaría a construción tras unha derruba.

Todo o percorrido da ponte e as zonas de acceso están protexidos cun peitoril de cantaría sobre un pavimento pétreo, todo de refeitura contemporánea xustificada tanto pola funcionalidade como pola integración material, dimensional e cromática coas estruturas históricas.

Na actualidade a súa integración no ambiente é óptima, xa que os percorridos da calzada e dos peitorís se estenden cara ás beiras, con accesos aos muíños e ao leito de grandes penedos de granito naturais que no tempo de augas baixas poden ser empregados como zonas de baño. O conxunto de bens compleméntase de forma harmoniosa e o lugar da Ponte Maceira destaca no percorrido da ruta do Camiño de Santiago cara a Fisterra e Muxía.

4. Estado de conservación.

A ponte da Ponte Maceira ten un bo estado de conservación no relativo á súa estabilidade estrutural. Os arcos manteñen unha traza homoxénea e sen apenas abombamentos ou inclinacións, froito das restauracións xeneralizadas de finais do século XX.

En calquera caso, precisa de actuacións periódicas de conservación, principalmente de carácter preventivo, como é o caso da limpeza da vexetación, especialmente a que medra sobre as propias fábricas e a que pode supoñer obstáculos para as normais correntes fluviais. Existen algunhas fendas puntuais e locais que non comprometen a estabilidade.

Téñense producido con carácter repetido fenómenos de asolagamento que afectan especialmente este ámbito, nin que estes non deberían supoñer unha incidencia para a estabilidade sempre que poida evitarse o impacto de materiais de arrastre.

Cómpre indicar a relevancia dun axeitado mantemento das condicións das ribeiras fluviais e, en especial, a incidencia da antiga presa augas arriba, cuxas condicións de mantemento inflúen tanto na conservación da ponte como doutros inmobles e infraestruturas hidráulicas asociadas á súa corrente como a todo o propio conxunto da Ponte Maceira, polo que a súa preservación debe ser considerada como parte das actuacións preventivas en relación coa protección dos valores culturais da ponte.

5. Valoración cultural.

A ponte posúe unha indubidable relevancia histórica para as comarcas de Amaía e A Barcala, e máis aínda para todo o contorno de Santiago e as rutas dos Camiños de Santiago. Ben que algúns dos feitos históricos ou mesmo lendas relacionadas con esta ponte non se realizan co suficiente rigor científico, é evidente que a súa conservación e a da súa contorna constitúen un exemplo sobranceiro tanto desde o punto de vista antropolóxico e etnolóxico como arquitectónico.

A ponte foi incluída no seu momento no Catálogo de pontes de Galicia promovido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e mesmo foi incoada a súa declaración como ben de interese cultural en 1991. Está recollida nos planeamentos urbanísticos vixentes de Ames (OC-01) e de Negreira (parte da ficha 80 en conxunto cos outros bens da súa contorna).

O artigo 74.2 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, establece que son elementos funcionais dos Camiños de Santiago os que forman parte da súa fisionomía como peches, muros, cómaros, valos, pasos, pontellas, pontes, fontes, lavadoiros ou espazos similares, así como os destinados á súa conservación e servizo e os que sexan necesarios para o seu uso, polo que a ponte sería un elemento funcional do Camiño de Santiago.

Así mesmo, o artigo 88.1.f) establece que integran o patrimonio arquitectónico os inmobles e construcións propias das obras públicas e a enxeñaría histórica que aparecen integrados de forma harmónica no territorio formando parte das cidades, núcleos urbanos ou rurais tradicionais e das franxas territoriais que transformaron, axudaron a construír e o caracterizan culturalmente.

Ademais, forman parte da enxeñaría histórica as pontes, os túneles, as estacións e os edificios ferroviarios, as presas, as canles e os abastecementos, os faros e os peiraos, as infraestruturas e os edificios portuarios, e outras construcións que posúan unha significativa dimensión paisaxística, urbana, territorial, técnica e arquitectónica e que fosen construídos antes de 1901.

A antigüidade, a súa influencia na configuración do territorio e a súa calidade construtiva e o estado de conservación, ademais da documentación que demostra a súa autenticidade, acreditan o carácter sobranceiro desta infraestrutura da enxeñaría histórica.

Ao seu valor cultural únense os intereses para a conservación dos valores naturais e paisaxísticos, polo que a zona foi recoñecida como LIC (lugar de importancia comunitaria) e como AEIP (áreas de especial interese paisaxístico).

6. Uso.

A ponte mantén o uso de comunicación sobre o río Tambre e para un tránsito local e a ruta de peregrinación a Fisterra e Muxía. Dada a existencia da ponte nova augas abaixo e outras alternativas, e posto que se trata do paso da ruta do Camiño de Santiago, deberá manterse o seu carácter local e de tráfico impedido ou, cando menos, limitado e ocasional. Non se considera preciso prever nin definir ningún outro tipo de uso que o paso peonil e contemplación da súa calidade arquitectónica e das perspectivas e panoramas de conxunto.

7. Réxime de protección.

• Réxime xeral de protección:

A declaración como ben de interese cultural na categoría de monumento determina a aplicación do réxime de protección previsto nos títulos II e III da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG), así como o recollido nos capítulos II e IV referidos ao patrimonio arquitectónico e arqueolóxico. Complementariamente é de aplicación o establecido na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE). Entre outras consideracións, o réxime implica:

• Autorización: as intervencións que se pretendan realizar e que excedan as de normal uso e mantemento ordinario terán que ser autorizadas pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

• Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens, están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Acceso: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens están obrigadas a permitir o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador e ao persoal técnico da Administración nas condicións legais establecidas.

• Comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, os titulares de dereitos reais están obrigadas a comunicar á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural calquera dano ou perda que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

• Visita pública: dada a súa condición de infraestrutura de uso público e a non existencia de limitación de accesos, non se estima preciso recoller ningunha especificidade sobre as condicións de visita pública, máis aló das recollidas como parte das súas condicións de uso e seguridade.

• Uso: no caso de que fose precisa unha alteración ou modificación permanente ou provisional das súas normais condicións de uso, deberá requirirse previamente a autorización da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Ademais, dada a condición de elemento funcional do Camiño de Fisterra e Muxía e a súa incorporación ao seu territorio histórico, será de aplicación no seu contorno de protección o título VI da LPCG sobre os Camiños de Santiago e o recollido na disposición transitoria sexta e o artigo 66.3 do Plan básico autonómico (aprobado polo Decreto 83/2018, do 26 de xullo), ata os límites das delimitacións dos núcleos incluídas nos respectivos planeamentos urbanísticos, ao deber ser considerados núcleos de carácter tradicional, con valores etnolóxicos e arquitectónicos que deben ser conservados mentres non se proceda á súa delimitación definitiva.

• Réxime específico de protección:

Estímase recomendable a redacción dun plan de conservación que teña por finalidade guiar as intervencións de mantemento e conservación de carácter ordinario por parte dos propietarios do inmoble e que permita realizar tarefas de conservación preventiva, así como manter as axeitadas condicións de apreciación, nun ámbito no que resultan abondosos os visitantes.

Os traballos de consolidación ou restauración e rehabilitación, que poidan resultar precisos requirirán da intervención de equipos multidisciplinares en especial, tanto no referido á enxeñería histórica como ao seu propio significado cultural como parte dun territorio histórico. As obras que puidesen ser precisas que afecten a propia ponte como o seu contorno de protección deberán incorporar nos proxectos que se elaboren unha interpretación crítica da súa significación cultural e de procurar a súa utilización de forma sustentable.

Non se estiman compatibles con este valor cultural obras de ampliación da calzada da ponte ou de modificación da súa rasante.

8. Delimitación do ben e contorno de protección.

• Delimitación do ben: a ponte da Ponte Maceira sobre o río Tambre corresponde coa totalidade de elementos construtivos que conforman a súa natureza e funcionalidade, incluídos arcos, pías, tallamares e cimentacións, así como a calzada, apartadoiros e peitorís, ademais das estruturas e ámbito de acceso á ponte nas dúas ribeiras. Identifícase co número 1 e unha liña vermella.

• Delimitación do contorno de protección: o contorno de protección está constituído pola delimitación dos dous núcleos tradicionais, así como o espazo ribeireño máis próximo entre deles.

Mentres non se desenvolva o procedemento de delimitación do territorio histórico do Camiño de Fisterra e Muxía, o contorno de protección será o resultante da aplicación da delimitación que a recollida nos planeamentos urbanísticos vixentes de Ames (fichas OC-01 referida á ponte e CA-01 dos plans de ordenación do núcleo da Ponte Maceira do PXOM, aprobado definitivamente o 28.6.2002) e de Negreira (parte da ficha 80 en conxunto cos outros bens da súa contorna do PXOM aprobado definitivamente o 18.5.1999).

9. Plano coa delimitación do ben e o seu contorno de protección.

missing image file

ANEXO II

Relación de bens catalogados no contorno de protección

No ámbito do contorno de protección definido atópanse un conxunto de bens que xa están incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia. En concreto, ademais da propia ponte, son o conxunto da Ponte Maceira tanto no ámbito do termo municipal de Ames como no de Negreira, que ademais inclúe a Capela de San Brais, os dous muíños próximos, varios pombais e o Pazo de Baladrón coa súa muralla e xardíns.

Ademais, no contorno de protección proposto e próximos á ponte atópanse outros bens arquitectónicos e etnolóxicos que responden ás características propias deste patrimonio. Moitos destes elementos son hórreos en diferentes estados de conservación, mais tamén algún outro pombal de características análogas aos xa catalogados, así como algún cruceiro. No proceso de información pública non se puido acreditar que ningún destes elementos tivese unha antigüidade anterior a 1901. O Cruceiro da Filomena é de 1907 e si posúe elementos significativos que permiten atribuírlle un valor cultural, namentres que os outros dous cruceiros identificados no ámbito son de feitura moito máis recente non se aprecian elementos para xustificar un notable valor cultural (como o do pazo de Baladrón, construído en 1960, ou o localizado na beira da Ponte Maceira no termo municipal de Ames).

En xeral, os hórreos, segundo as testemuñas dos veciños achegadas no proceso de información pública, serían anteriores a 1930, e noutros casos non se atopaban nas súas localizacións actuais nos anos 1950, polo que en ningún caso serían anteriores a 1901. Tampouco para ningún dos hórreos identificados as súas características, nin por dimensións, materiais, estado de conservación ou outros elementos de xuízo, xustifican un carácter sobranceiro ou destacado. Porén, dado que responden ás características propias do patrimonio cultural etnolóxico, son unha expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia e conservan de forma suficiente a súa integridade formal e construtiva e os aspectos característicos que determinan a súa autenticidade, incorpóranse nesta declaración como bens catalogados neste anexo.

Tamén se exclúen as referencias aos escudos, selos ou gravados de varias edificacións que se recollían no procedemento de incoación, posto que ou ben se trata de elementos parciais descontextualizados ou ben existen dúbidas sobre o seu valor cultural e antigüidade.

En calquera caso, todas as edificacións están recollidas no ámbito do contorno de protección da ponte e integran os conxuntos históricos da Ponte Maceira, polo que están sometidas ao mesmo réxime que o resto de inmobles que integran o conxunto.

Nome

Incoación

Previo

Interese

Nivel

X

Y

2

Cruceiro de Filomena Rodríguez ou de San Brais

2

-

ETN

INT

524.728

4.750.371

3

Capela de San Brais

37

80 PXOM

ART

INT

524.850

4.750.406

4

Hórreo

9

-

ETN

EST

524.672

4.750.416

5

Hórreo

10

-

ETN

EST

524.730

4.750.402

6

Hórreo

11

-

ETN

EST

524.790

4.750.407

7

Hórreo

12

-

ETN

EST

524.822

4.750.428

8

Hórreo

15

-

ETN

EST

524.653

4.750.371

9

Hórreo

16

-

ETN

EST

524.691

4.750.363

10

Hórreo

17

-

ETN

EST

524.699

4.750.360

11

Hórreo

18

-

ETN

EST

524.727

4.750.326

12

Hórreo

19

-

ETN

EST

524.742

4.750.340

13

Hórreo

20

-

ETN

EST

524.749

4.750.331

14

Hórreo

21

-

ETN

EST

524.805

4.750.255

15

Hórreo

22

-

ETN

EST

524.871

4.750.279

16

Hórreo

23

-

ETN

EST

524.976

4.750.325

17

Hórreo

24

-

ETN

EST

524.994

4.750.329

18

Hórreo

25

-

ETN

EST

524.899

4.750.227

19

Hórreo

26

-

ETN

EST

524.911

4.750.266

20

Hórreo

27

-

ETN

EST

524.943

4.750.288

21

Hórreo

28

-

ETN

EST

525.019

4.750.264

22

Hórreo

29

-

ETN

EST

525.214

4.750.129

23

Pombal

33

80 PXOM

7613 PBA

ETN

INT

524.826

4.750.418

24

Pombal

34

80 PXOM

7614 PBA

ETN

INT

524.814

4.750.361

25

Pombal

35

80 PXOM

ETN

INT

524.753

4.750.319

26

Pombal

36

-

ETN

INT

525.230

4.750.101

27

Muíño

39

80 PXOM

ETN

INT

524.905

4.750.403

28

Muíño

40

80 PXOM

ETN

INT

524.910

4.750.391

29

Muíño

41

-

ETN

INT

524.945

4.750.325

30

Presa no Tambre

42

-

ETN

INT

524.950

4.750.370

31

Antiga escola da Ponte Maceira

44

-

ART

EST

524.640

4.750.532

32

Pazo de Baladrón

32

80 PXOM

7612 PBA

ART

EST

524.912

4.750.445

33

Conxunto da Ponte Maceira (Negreira)

31

80 PXOM

7610 PBA

ART

AMB

524.744

4.750.374

34

Conxunto da Ponte Maceira (Ames)

30

CA-01 PXOM

4726 PBA

ART

AMB

524.945

4.750.295

35

Camiño de Fisterra-Muxía

43

72 LPCG

HIS

-

-

-

Interese: ETN (etnolóxico)-ART (arquitectónico)-HIS (histórico).

Nivel de protección: INT (integral)-EST (estrutural)-AMB (ambiental).