Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Mércores, 1 de xuño de 2022 Páx. 32118

III. Outras disposicións

Instituto Galego do Consumo e da Competencia

RESOLUCIÓN do 18 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación en materia de dereitos das persoas consumidoras e seguridade dos produtos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CO400E).

Preámbulo

O artigo 51.2 da Constitución española establece que os poderes públicos garantirán a defensa dos consumidores e usuarios protexendo, mediante procedementos eficaces, a seguridade, a saúde e os seus lexítimos intereses económicos.

O artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma, nos termos do previsto nos artigos 38, 131 e 149.1.11ª e 13ª da Constitución, a competencia exclusiva en materia de defensa do consumidor e usuario.

Por todo o exposto, o Decreto 118/2016, do 4 de agosto, creou o Instituto Galego do Consumo e da Competencia como organismo coas competencias en materia de consumo para a Comunidade Autónoma de Galicia e con sede institucional en Santiago de Compostela.

A Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, no seu título I regula os dereitos dos consumidores e no seu artigo 11, entre outros, establece como un dereito dos consumidores a protección dos seus lexítimos intereses económicos e sociais, en particular fronte a situacións de desequilibrio como as prácticas comerciais desleais ou abusivas, ou a introdución de cláusulas abusivas nos contratos. Por outra banda, no capítulo II deste título I regúlase a protección da seguridade e a saúde dos consumidores pretendendo, coas medidas recollidas neste capítulo, impulsar as accións preventivas e incrementar a transparencia do mercado.

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia, a través dos Servizos de Consumo en cada provincia, implementa accións e procedementos para acadar a eficacia daqueles dereitos e a protección da seguridade dos consumidores, en función das competencias que teñen atribuídas de acordo co artigo 20 do citado Decreto 118/2016, do 4 de agosto.

Unha das formas de contribuír á defensa e protección da seguridade dos consumidores e usuarios dunha forma efectiva é a través da formación na materia, de profesionais do máis amplo espectro, de forma que poidan aplicar os coñecementos adquiridos a través da dita formación, no exercicio das súas respectivas profesións.

Para acadar o obxectivo anteriormente sinalado, o artigo 49 da Lei 2/2012, habilita a Administración competente en materia de consumo para a elaboración de plans e programas de actuación conducentes ao impulso do tratamento da educación para o consumo nos diferentes niveis e etapas do ensino regrado.

Coa finalidade de que as persoas que teñan unha titulación universitaria de licenciado/a ou de grao no ámbito do dereito poidan complementar os coñecementos teóricos adquiridos nos seus estudos cunha formación práctica que lles permita afrontar con maiores garantías o seu futuro profesional, e de facilitar a formación directa de futuros docentes en materia de consumo e nos mecanismos de protección que se desenvolven na Administración pública, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia convoca as bolsas de formación no Instituto Galego do Consumo e da Competencia en materia de dereitos das persoas consumidoras e seguridade dos produtos, de xeito que se posibilite a incorporación ao mercado laboral de profesionais no eido do ensino, capacitados para dar cumprimento ao mandato constitucional de garantir a defensa dos consumidores así como a formación, información e educación das persoas consumidoras e usuarias.

Abórdase, así, a necesidade de pór en marcha unha actuación formativa desde unha dobre perspectiva. Por un lado, consolidar este mecanismo como un sistema eficaz de formación previo ao acceso á vida laboral. Por outra banda, neste contexto de crise económica, posibilitar os mozos e as mozas con titulación universitaria de licenciado/a ou de grao a obter unha formación práctica no eido da información, formación e educación sobre consumo responsable que lles permita un mellor acceso ao mercado laboral.

Neste sentido, por medio desta resolución establécense as bases da convocatoria de bolsas de formación no Instituto Galego do Consumo e da Competencia en materia de dereitos das persoas consumidoras e seguridade dos produtos para o ano 2022.

Con este fin, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, existen nas aplicacións 06.80.613A.480.2 e 06.80.613A.484.0 partidas orzamentarias consignadas polas contías de 33.000,00 € e 1.613,70 €, respectivamente, para atender cinco bolsas de formación da presente resolución.

Por outra banda, coa finalidade de que as persoas adxudicatarias das bolsas poidan comezar canto antes a súa formación, prevese a tramitación do procedemento de concesión das ditas bolsas pola vía de urxencia, polo que se reducen á metade (5 días) os prazos para efectuar os requirimentos de emenda, presentar reclamacións á lista provisional de puntuacións, poñer de manifesto o procedemento ás persoas interesadas e aceptar as ditas bolsas.

Por todo o exposto, en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de cinco (5) bolsas de formación nas diferentes oficinas do Instituto Galego do Consumo e da Competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, para as persoas tituladas que se especifican no anexo I e proceder á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CO400E).

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. O importe total que se habilita para esta convocatoria ascende a 34.613,70 €, que se imputará ás aplicacións 06.80.613A.480.2, «bolsas de formación en materia de protección das persoas consumidoras» (33.000,00 €), e 06.80.613A.484.0, «cotas seguridade social bolseiros» (1.613,70 €), dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2022 e que se destinará ao pagamento das cinco persoas bolseiras e das cotas da Seguridade Social. O importe de cada bolsa non excederá a contía de 6.600,00 € brutos.

2. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro), destinaranse 1.613,70 €, en concepto de cotizacións á Seguridade Social por parte do Instituto Galego do Consumo e da Competencia por continxencias comúns e profesionais.

3. O procedemento de concesión destas bolsas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 3. Órganos competentes

O Servizo de Información, Cooperación e Fomento do Instituto Galego do Consumo e da Competencia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das ditas bolsas e correspóndelle ao director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ditar a correspondente resolución.

Artigo 4. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional no Instituto Galego do Consumo e da Competencia, a través dos seguintes medios:

a) Na Guía de procedementos e servizos da sede electrónica e que pode consultar no seguinte enlace: https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

b) Na páxina web oficial do Instituto Galego do Consumo e da Competencia:

http://consumo.xunta.gal

c) No teléfono 981 54 54 16 do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

d) No enderezo electrónico igc.xerencia@xunta.gal

e) Presencialmente, nas oficinas do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, na avenida Gonzalo Torrente Ballester, nº 3, 1-5, baixo, Santiago de Compostela.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2022

Manuel Heredia Pérez
Director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas de formación en materia de dereitos das persoas consumidoras e seguridade dos produtos e se procede á súa convocatoria para o ano 2022
(código de procedemento CO400E)

Artigo 1. Obxecto e duración das bolsas de formación

1. As bolsas de formación no Instituto Galego do Consumo e da Competencia en materia de dereitos das persoas consumidoras e seguridade dos produtos teñen como obxectivo contribuír á formación práctica de titulados superiores en materia de consumo.

2. As bolsas que se convoquen desenvolveranse dentro do programa de traballo do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

3. O programa de formación incluirá as actividades de formación relacionadas coa defensa e protección ao consumidor, a arbitraxe e a seguridade e vixilancia do mercado, levadas a cabo no ámbito de actuación do Servizos de Consumo en cada provincia do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

4. Así mesmo, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia nomeará unha persoa titora responsable das actividades de formación que desenvolverá cada persoa bolseira.

5. O programa formativo desenvolverase ao longo do ano 2022 cunha duración máxima de seis meses, contado desde a data da incorporación da persoa bolseira e ata o 31 de decembro de 2022.

Non se concederán bolsas para suplir baixas ou renuncias por tempo inferior a un mes.

Artigo 2. Número e dotación económica das bolsas

O número de bolsas convocadas será de cinco (5), que se adxudicarán de acordo co indicado no artigo 6 destas bases.

Cada unha das 5 bolsas terá un destino e lugar de desenvolvemento distinto, en función das oficinas que o Instituto Galego do Consumo e da Competencia ten na nosa comunidade autónoma. Para iso o solicitante deberá elixir unha soa oficina de destino a través do anexo V, de tal xeito que se un solicitante presenta dúas solicitudes para dúas oficinas distintas, terase en conta unicamente a primeira solicitude presentada. Do mesmo xeito, se o solicitante marca varias oficinas na mesma solicitude (anexo V), desestimarase a dita solicitude.

Para iso deberá cubrir o anexo V en función das oficinas de destino seguintes:

– Oficina do IGCC na localidade da Coruña.

– Oficina do IGCC na localidade de Lugo.

– Oficina do IGCC na localidade de Ourense.

– Oficina do IGCC na localidade de Pontevedra.

– Oficina do IGCC na localidade de Vigo.

Se algunha das ditas bolsas dalgunha oficina queda vacante, poderá trasladarse a dita bolsa a outra oficina en que existan solicitudes que cumpran os requisitos exixidos.

Cada bolsa estará dotada cun importe máximo de 6.600,00 € brutos, distribuídos en pagamentos mensuais, a razón de 1.100,00 € brutos por mes e por bolsa ata un máximo de 6 meses.

Artigo 3. Condicións e incompatibilidades

1. A persoa beneficiaria adquire exclusivamente a condición de bolseira, coas obrigas e dereitos dela e conforme estas bases, sen ningún outro vínculo laboral ou administrativo co órgano convocante nin coas entidades, en cuxas dependencias se leve a cabo a formación.

2. A percepción destas bolsas é incompatible con calquera outra bolsa ou axuda financiada por calquera Administración, institucións ou entes públicos, así como con soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria das persoas interesada e coa percepción da prestación por desemprego.

Artigo 4. Centro de destino

A formación terá lugar nas dependencias dalgunha das oficinas do Instituto Galego do Consumo e da Competencia na nosa comunidade autónoma en función do establecido no artigo 2 destas bases.

Artigo 5. Requisitos da persoa beneficiaria

Poderán optar á concesión destas bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Ter nacionalidade española ou ser nacional de calquera Estado membro da Unión Europea, así como estar domiciliada/o na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4. Só se lle concederá validez ás titulacións ou aos cursos homologados polos órganos competentes en materia de política lingüística.

c) Estar en posesión dalgún título universitario de licenciado/a ou de grao, en dereito. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematado os estudos conducentes a el no ano 2007 ou posterior. Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros españois non estatais deberán estar homologados ou recoñecidos e producir plenos efectos xurídicos na data de presentación da solicitude.

d) Non gozar na actualidade de calquera outra bolsa ou axuda, salvo o subsidio por desemprego ou a renda activa de inserción para desempregados.

e) Non ter emprego remunerado nin percibir a prestación por desemprego.

f) Non padecer ningunha enfermidade nin limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseiro/a.

g) Non incorrer en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

h) Non incorrer en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Proceso de selección

1. Para a concesión das bolsas realizarase unha comparación entre as solicitudes presentadas, establecéndose unha orde de prelación entre elas, por cada oficina de destino, de acordo co proceso de selección e cos criterios de valoración establecidos a continuación. A dita orde de prelación faranse para cada unha das oficinas de destino sinaladas no artigo 2 destas bases.

2. En cada oficina resultará adxudicataria a solicitude que acade a maior puntuación da prelación resultante feita nesa oficina, como resultado da suma dos puntos obtidos nas dúas fases de que consta o proceso de selección.

a) A primeira fase consistirá na valoración dos méritos segundo os criterios establecidos no artigo seguinte, que se puntuará de 0 a 18 puntos.

En cada oficina pasarán á segunda fase as 8 primeiras persoas que acaden as 8 mellores puntuacións nesta primeira fase. En caso de empate na oitava mellor puntuación, pasarán á seguinte fase todas as solicitudes nesa posición que teñan a mesma puntuación.

b) A segunda fase consistirá nunha entrevista persoal, que se puntuará de 0 a 2 puntos.

3. A puntuación máxima no proceso de selección será de 20 puntos.

4. Se algunha das oficinas de destino queda deserta, poderá acumularse a dita bolsa a outra oficina de destino, segundo o establecido no artigo 17 destas bases.

Artigo 7. Criterios de valoración dos méritos

1. A Comisión de Valoración examinará as solicitudes presentadas e avaliará os méritos acreditados documentalmente, de acordo cos seguintes criterios:

a) Expediente académico:

1º. Pola nota media obtida na titulación con que concorre:

– Aprobado: 2 puntos.

– Notable: 3 puntos.

– Sobresaliente: 4 puntos.

– Matrícula de honra: 5 puntos.

2º. Forma de acreditación: certificación académica oficial.

b) Outras titulacións:

1º. Por estar en posesión doutras titulacións universitarias de licenciatura ou de grao: 1 punto por cada titulación, ata un máximo de 2 puntos.

2º. Forma de acreditación, só para o caso de opoñerse a súa consulta, de acordo co artigo 10: copia dos títulos ou xustificante do pagamento dos dereitos para a súa expedición.

c) Formación complementaria recibida, ata un máximo de 11 puntos, conforme o seguinte baremo:

1º. Por estar en posesión dun máster universitario en avogacía: 3 puntos.

2º. Formación complementaria universitaria, ata un máximo de 4 puntos:

– Por cada máster universitario ou certificado-diploma de estudos avanzados: 1 punto.

– Por cada curso de experto/a ou especialista universitario/a: 0,70 puntos.

Os ditos estudos deben ter relación directa co programa formativo establecido no artigo 1 das bases reguladoras. Para estes efectos, considerarase que o enunciado de, polo menos, a metade de horas/créditos impartidos nestes estudos debe estar directamente relacionado co dito programa formativo.

3º. Por cada curso de formación en materia de consumo, documentación ou Administración pública, ata un máximo de 2 puntos:

– De 20 horas ata 50 horas: 0,20 puntos.

– De máis de 50 horas ata 100 horas: 0,40 puntos.

– De máis de 100 horas: 0,60 puntos.

Non se valorarán as materias que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica nin os cursos que non acrediten as horas lectivas.

4º. Por cada curso de formación en materia de ofimática relacionada co tratamento de textos, mecanografía, xestión de bases de datos e follas de cálculo e presentacións, ata un máximo de 2 puntos:

– De 20 horas ata 50 horas: 0,20 puntos.

– De máis de 50 horas ata 100 horas: 0,40 puntos.

– De máis de 100 horas: 0,60 puntos.

Non se valorarán as materias que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica nin os cursos que non acrediten as horas lectivas.

5º. Forma de acreditación: copia dos títulos ou certificado de participación nas actividades formativas.

2. En caso de empate na puntuación obtida, este resolverase aplicando por orde os seguintes criterios:

a) A maior antigüidade na data de obtención do título.

b) A maior idade da persoa solicitante.

3. Todos os méritos recollidos neste artigo se computarán ata a data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

Artigo 8. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Debido á capacidade técnica das persoas físicas beneficiarias das presentes bolsas, que deben reunir a condición de tituladas universitarias, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente aos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente no presente procedemento.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que expira o último día do mes.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación académica oficial, en que conste a nota media do expediente académico da titulación universitaria coa que concorre.

b) Currículo en que se relacionen os estudos cursados e, se é o caso, a experiencia profesional.

c) Documentos acreditativos de todos os méritos alegados no currículo.

d) Xustificante do pagamento dos dereitos de expedición da titulación correspondente, se é o caso.

e) Títulos obtidos no estranxeiro ou en centros españois non estatais, se é o caso.

f) Certificado de Celga 4 ou equivalente non expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

g) Anexo V de elección de oficina de destino da bolsa.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa solicitante.

d) Certificado do Celga 4 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

e) Título/s universitario/s de licenciado ou grao.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT para a solicitude de axudas e subvención.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Atriga para percibir axudas ou subvencións.

i) Certificado do importe de prestación por desemprego, percibidos a data actual.

j) Certificado de situación actual de desemprego.

k) Certificado de condición de bolseiro.

l) Certificado das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, Incapacidade Temporal e Maternidade.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Prazo de duración do procedemento

Unha vez rematado o prazo para a presentación das solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas presentes bases reguladoras e non poderá exceder a súa duración do prazo establecido no artigo 19.3 destas bases reguladoras.

Artigo 14. Instrución do procedemento

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nas bases reguladoras ou na convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de cinco días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se non se fixer así, se terá por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se realizará se das comprobacións obtidas de conformidade co artigo 10 resulta que a persoa solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 40, 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os requirimentos de emenda poderanse realizar mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e esta producirá os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará na páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (http://consumo.xunta.gal). Se a instrución do procedemento o aconsella, poderase substituír a publicación pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 40 da mesma lei.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as súas causas.

Artigo 15. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 7, de efectuar a entrevista persoal e de propoñer a concesión ou a denegación das bolsas ás persoas interesadas.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

– A persoa titular da xerencia do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

– O/a xefe/a do Servizo de Protección ao Consumidor do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

– O/a xefe/a do Servizo de Información, Cooperación e Fomento do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

– Un/unha funcionario/a do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

3. A Comisión de Valoración constituirase na sede do Instituto Galego do Consumo e da Competencia. O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3 do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

4. Todos os membros terán dereito a voto.

Artigo 16. Primeira fase: valoración de méritos

1. Unha vez avaliados pola Comisión de Valoración os méritos acreditados documentalmente conforme os criterios establecidos no artigo 7, publicaranse na páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (http://consumo.xunta.gal) as listas coas puntuacións provisionais outorgadas ás persoas solicitantes agrupadas por oficinas de destino.

2. Contra estas puntuacións provisionais poderá presentarse reclamación no prazo de cinco días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación. Neste prazo de reclamacións non se terá en conta a achega de novos méritos que non fosen acreditados documentalmente no prazo de presentación das solicitudes.

3. Resoltas as reclamacións contra as puntuacións provisionais, publicarase na páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (http://consumo.xunta.gal) as listas coas puntuacións definitivas obtidas na primeira fase, agrupadas por oficinas de destino.

Artigo 17. Segunda fase: entrevista persoal

1. As 8 persoas que obteñan, por cada unha das listas por oficinas de destino, a mellor puntuación na primeira fase, serán convocadas para realizar unha entrevista persoal pola Comisión de Valoración, na sede do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, co fin de valorar a súa capacidade formativa en relación cos méritos achegados e os que son obxecto de valoración, motivación e iniciativa.

2. A convocatoria para a entrevista persoal realizarase mediante publicación na páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (http://consumo.xunta.gal), en que se indicará a data e a hora de realización da entrevista para cada unha das persoas convocadas. Independentemente da oficina para a que se solicitou a bolsa, a entrevista persoal levarase a cabo nas oficinas do Instituto Galego do Consumo e da Competencia de Santiago de Compostela.

3. De non se presentar á entrevista, entenderase que a persoa convocada renuncia á bolsa, polo que a súa solicitude será desestimada.

4. Realizadas as entrevistas persoais, a Comisión de Valoración elaborará a orde de prelación de candidatos/as por orde de puntuación e oficina de destino, que se publicará na páxina web do Instituto Galego de Consumo e da Competencia (http://consumo.xunta.gal).

5. No caso de que algunha bolsa quede vacante nalgunha das oficinas de destino, a Comisión de Valoración resolverá, por sorteo público, a oficina a que se acumula a dita bolsa vacante, sendo adxudicada ao seguinte solicitante na relación de persoas candidatas por orde de puntuación, á que se refire o punto 4 deste artigo.

Artigo 18. Audiencia

1. Despois de instruír o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de cinco días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas.

Artigo 19. Resolución

1. A Comisión de Valoración elevaralle ao director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia as persoas propostas por cada oficina de destino, segundo a orde de prelación acadada e a lista de reserva, para o caso de non aceptación ou renuncia das persoas propostas.

2. O director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ditará resolución mediante a cal se adxudicarán as bolsas ás cinco persoas propostas pola Comisión de Valoración nas oficinas de destino. A dita resolución será publicada na páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (http://consumo.xunta.gal) e notificada ás persoas adxudicatarias, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da mesma lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de tres meses contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 20. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Aceptación ou renuncia

1. Recibida a notificación da resolución de concesión da bolsa, a persoa beneficiaria deberá comunicar a súa aceptación ou renuncia no prazo máximo de cinco días hábiles conforme o modelo que figura como anexo IV desta convocatoria.

2. Transcorrido o dito prazo, se a persoa beneficiaria non se declara en ningún sentido, entenderase que renuncia á bolsa.

3. No caso de que a persoa beneficiaria non acepte a bolsa ou non se poida incorporar por calquera outro motivo ou renuncie á bolsa, poderá ser substituída polas persoas que figuren na lista de reserva en función da orde de prelación.

Artigo 22. Natureza xurídica da relación

1. A condición de persoa beneficiaria desta bolsa non xerará relación laboral ou contractual de ningún tipo coa Xunta de Galicia ou cos organismos ou entidades en cuxas dependencias se leve a cabo a formación.

2. En materia de seguridade social, será de aplicación, no que corresponda, o disposto no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro).

Artigo 23. Pagamento das bolsas

1. O pagamento da bolsa realizarase por períodos mensuais vencidos e logo de que o/a titor/a correspondente expida a certificación en que se faga constar que se cumpriu o programa formativo inicialmente proxectado e se acadaron os obxectivos previstos. No caso de producirse a incorporación ou o cesamento nun día distinto ao primeiro ou ao último de cada mes, a persoa beneficiaria percibirá o importe que proporcionalmente corresponda ao número de días que goce da bolsa.

De conformidade co disposto no artigo 65.4.f) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), a persoa beneficiaria da bolsa queda exenta da obriga de constituír garantía.

2. Os pagamentos produciranse logo da expedición da certificación mencionada no parágrafo anterior e unha vez cumpridos os demais requisitos exixidos na normativa de aplicación.

3. De acordo co establecido no artigo 7.j) da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e da modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio (BOE núm. 285, do 29 de novembro), estas bolsas están exentas do imposto sobre a renda das persoas físicas.

4. Os pagamentos xestionaranse pola habilitación do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, de xeito que os documentos contables sexan expedidos a favor desta para facer fronte ao pagamento das ditas bolsas.

Artigo 24. Obrigas da persoa beneficiaria

A persoa beneficiaria da bolsa terá as seguintes obrigas:

a) Aceptar por escrito as normas e obrigas establecidas nas bases reguladoras e na convocatoria das bolsas dentro do prazo de 5 días posteriores á notificación da resolución de concesión, segundo o modelo do anexo IV.

b) Presentar, xunto coa aceptación da bolsa, declaración de non percibir outras subvencións, bolsas, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria das persoas interesadas, segundo o modelo do anexo III.

c) Presentar, xunto coa aceptación da bolsa, declaración responsable coa conta bancaria onde deba aboarse a bolsa, segundo o modelo do anexo III.

d) Presentar, xunto coa aceptación da bolsa, certificación médica acreditativa de non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles coa realización das funcións que se desenvolverán.

e) Incorporarse á bolsa na data sinalada na resolución de concesión e cumprir un horario de trinta e cinco horas semanais, de acordo coa distribución que lle asine o Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

f) Xustificar o cumprimento dos requisitos establecidos.

g) Cumprir co programa de formación establecido cuns niveis de rendemento satisfactorios, presentando os traballos e informes que determine a Instituto Galego do Consumo e da Competencia. Así mesmo, deberá asistir ás actividades que o dito centro considere convenientes para a súa formación.

h) Non desenvolver outras tarefas que dificulten o cumprimento das súas obrigas como persoa bolseira.

i) Manter a confidencialidade e a reserva sobre a totalidade dos documentos que lle sexan confiados ou sexan elaborados en cumprimento das súas funcións como persoa bolseira. Esta confidencialidade é extensible a calquera dato que puidese coñecer con ocasión da realización da bolsa, especialmente os de carácter persoal, que non poderá copiar ou utilizar cun fin distinto ao da bolsa, nin tampouco ceder a outros nin sequera a efectos de estudo, consulta ou divulgación.

j) Comunicarlle á Instituto Galego do Consumo e da Competencia a obtención doutras bolsas ou axudas, así como calquera outra alteración dos requisitos impostos ás persoas beneficiarias para o outorgamento destas bolsas.

k) Comunicarlle a súa renuncia á Instituto Galego do Consumo e da Competencia con dous días de antelación á data de cesamento, no caso de que se produza con posterioridade ao inicio da formación.

l) Presentar ante a Instituto Galego do Consumo e da Competencia, no prazo dun mes a partir da finalización da formación, unha memoria detallada das actividades realizadas, en que especificará o programa formativo desenvolvido e os obxectivos acadados.

m) Desfrutar dun período de vacacións de vinte e dous días hábiles por ano ou o tempo proporcional ao período de desfrute da bolsa.

n) As demais que, con carácter xeral, se establecen no artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Modificación, revogación e réxime sancionador

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, logo da proposta motivada da persoa titular do Servizo de Consumo en cada provincia, do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, poderá revogar a concesión da bolsa se a persoa beneficiaria incumpre as condicións impostas para a súa concesión.

3. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a axuda percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o parágrafo anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 37 e seguintes da Lei de subvencións de Galicia, e no título V do Regulamento da dita lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro).

4. Á persoa beneficiaria da bolsa regulada nestas bases seralle de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia e no título VI do seu regulamento.

Artigo 26. Control e publicidade

1. Estas bolsas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

2. No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 27. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da resolución de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que as ditou ou debeu ditalas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación individual ou publicación no Diario Oficial de Galicia. Se o acto non for expreso, poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución individual ou publicación no Diario Oficial de Galicia, se esta é expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file