Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Venres, 20 de maio de 2022 Páx. 30058

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ACORDO do 9 de maio de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, polo que se someten a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico-PIA) do proxecto liña de alta tensión de infraestruturas de evacuación do parque eólico Carboeiro (expediente IN408A 2020/167).

En cumprimento do disposto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e pola Lei 9/2001, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental; na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia e demais normas vixentes de aplicación, sométese a información pública a solicitude relacionada coa instalación que se describe a seguir:

Solicitante/promotora: Green Capital Power, S.L. (CIF: B85945475).

Enderezo social: Torre Serrano, rúa/ Marqués de Villamagna, nº 3, planta 5ª, 28001 Madrid.

Enderezo para os efectos de notificacións: rúa Fernando de Casas Novoa, nº 35, bloque B, planta 2ª, porta B, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Denominación do proxecto: infraestruturas de evacuación do P.E. Carboeiro.

Número de expediente: IN408A 2020/167.

Concellos afectados: A Laracha, Cerceda e Carral (A Coruña).

Orzamento de execución material: 2.825.980,07 €.

Prazo de execución: sete (7) meses.

Obxecto:

Co fin de evacuar os 36 MW de enerxía eléctrica xerada no parque eólico (PE) Carboeiro, proxéctase unha liña de alta tensión (LAT) de 132 kV, con inicio no pórtico situado na subestación eléctrica transformadora (SET) do PE Carboeiro (termo municipal da Laracha) e fin no pórtico situado na subestación colectora Meirama (termos municipais de Cerceda e Carral). Ademais, será preciso realizar unha ampliación da devandita subestación colectora Meirama.

Características técnicas da instalación:

• A LAT obxecto da presente tramitación componse dun só tramo aéreo e ten unha tensión nominal de 132 kV.

• A súa lonxitude aproximada será de 14.458 metros.

• Constará dun circuíto simple en triángulo con condutor LARL-180, tendido sobre apoios de celosía de aceiro.

• O número de apoios proxectados é de 55.

• A LAT dispoñerá dun cable de fibra óptica tipo OPGW 2…48 para comunicacións.

• A ampliación da subestación colectora Meirama, situada nas coordenadas UTM fuso 29 ETRS89: X=548.035 e Y=4.779.635:

– Consistirá na ampliación do embarrado de 220 kV e na construción dunha posición combinada liña-transformador 220/132 kV.

– A nova posición combinada liña-transformador estará conectada a barras de 220 kV e equipada cun transformador de 30/40 MVA ONAN/ONAF, de relación de transformación 220/132 kV e regulación en carga.

– A aparellaxe de 220 kV e de 132 kV situarase no parque de intemperie e será de tecnoloxía convencional.

– Os sistemas auxiliares e de control aloxaranse no interior dun edificio prefabricado e estarán apoiados por un grupo electróxeno de instalación en intemperie.

– A alimentación de servizos auxiliares será externa. Con este fin instalarase un centro de transformación de 50 kVA de potencia aparente e relación de transformación 20/0,42 kV.

– Levarase a cabo unha extensión da urbanización da plataforma e un peche perimetral que independice as instalacións da ampliación proxectada do resto da subestación colectora.

• Nin a SET do PE Carboeiro (nº de expediente IN408A 2019/13, actualmente en tramitación e promovido por Green Capital Power, S.L.) nin a subestación colectora Meirama (nº de expediente IN408A 2018/27, en tramitación e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U.) forman parte do presente proxecto, fóra da ampliación desta última.

• O punto de conexión final á rede de transporte será na existente subestación Meirama 220 kV. Esta conexión tampouco é obxecto do presente proxecto, senón do PE Meirama (nº expediente IN408A 2018/27).

Obxecto da información pública:

A solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto sectorial das instalacións.

• Documentación que se expón:

1. O proxecto de execución (marzo 2022-visado 4.4.2022).

2. O estudo de impacto ambiental (EIA) (setembro 2021-asinado 4.3.2022).

3. O proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico-PIA) (novembro 2020-visado 16.12.2020).

O que se fai público, de conformidade co artigo 33.10 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e pola Lei 9/2001, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, para o coñecemento xeral, para que se poida examinar a documentación técnica anteriormente relacionada e, se é o caso, presentar as alegacións ou observacións que consideren oportunas dentro do prazo de trinta (30) días, que se contará a partir do día seguinte ao da última publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A documentación estará á disposición dos interesados nas dependencias da sección de Enerxía da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (rúa Vicente Ferrer, núm. 2, 2º andar, 15071 A Coruña, teléfonos 981 18 49 83 e 981 18 49 62), de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas, así como nos concellos da Laracha, Cerceda e Carral, tamén se poderá consultar no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través da seguinte ligazón:

https://ceei.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/instalacions-de-xeracion

A Coruña, 9 de maio de 2022

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña