Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Xoves, 19 de maio de 2022 Páx. 29604

III. Outras disposicións

Universidade da Coruña

EXTRACTO da Resolución do 4 de maio de 2022 pola que se publica a convocatoria complementaria, cos fondos resultantes de renuncias e vacantes, da Resolución do 5 de xullo de 2021 pola que se convocaron axudas para a recualificación do sistema universitario español para 2021-2023.

BNDS (Identif.): 624652.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

(https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/624652).

Primeiro. Modalidades

Axudas Margarita Salas para a formación de doutores novos.

Axudas para a recualificación do profesorado universitario funcionario ou contratado.

Axudas María Zambrano para a atracción de talento internacional.

Segundo. Beneficiarios

– Axudas Margarita Salas para a formación de doutores novos.

Persoas con título de doutor obtido na Universidade da Coruña. Persoas con título de doutor obtido en universidades privadas españolas. Persoas de nacionalidade española que obtiveron o título de doutor en universidades ou centros de investigación estranxeiros, públicos ou privados. Deberán transcorrer como máximo dous anos entre a data de obtención do título de doutor e a do peche do prazo de presentación de solicitudes.

– Axudas para a recualificación do profesorado universitario, funcionario ou contratado.

Profesores titulares de universidade e profesores contratados doutores da Universidade da Coruña que non superen 10 anos de servizos na figura que desempeñen no momento da solicitude. Profesores axudantes doutores da Universidade da Coruña.

– Axudas María Zambrano para a atracción de talento internacional.

Persoal docente e investigador, de nacionalidade española ou doutro país, cunha traxectoria posdoutoral acumulada non inferior a 24 meses en universidades ou centros de investigación españois ou situados fóra de España diferentes ao da defensa da tese de doutoramento. No momento de formular a solicitude, deben estar desenvolvendo proxectos de investigación e/ou impartindo docencia en universidades, centros de investigación ou organismos situados fóra de España e residir no país onde estes se sitúen.

Terceiro. Obxecto

– Axudas Margarita Salas para a formación de doutores novos. O seu obxecto é a formación de doutores novos mediante estadías de formación nunha universidade pública española ou ben en universidades e centros de investigación estranxeiros, así como en organismos públicos de investigación españois, sempre que o último ano da estadía se realice nunha universidade pública española seleccionada polas persoas solicitantes, podendo ser esta a UDC.

– Axudas para a recualificación do profesorado universitario funcionario ou contratado. O seu obxecto é a recualificación do profesorado universitario funcionario ou contratado, mediante estadías de formación nunha universidade ou centro de investigación público distinto a aquel con que manteñen a relación estatutaria ou laboral.

– Axudas María Zambrano para a atracción do talento internacional. O seu obxecto é a atracción a universidades públicas españolas de persoal docente e investigador con traxectoria posdoutoral acumulada en universidades ou centros de investigación estranxeiros.

Cuarto. Bases reguladoras

Real decreto 289/2021, do 20 de abril, do Ministerio de Universidades, e Orde UNI/551/2021, do 26 de maio.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación será dun mes, que contará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no taboleiro electrónico da UDC (https://sede.udc.gal/services/electronic_board).

A Coruña, 4 de maio de 2022

O reitor da Universidade da Coruña
P.D.
Salvador Naya Fernández
Vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia