Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 13 de maio de 2022 Páx. 28524

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2022 pola que se adhiren dúas entidades financeiras ao convenio para a habilitación dun marco de apoio ao acceso ao financiamento das pequenas e medianas empresas, subscrito coas sociedades de garantía recíproca domiciliadas en Galicia (financiamento Igape-pemes).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, na súa xuntanza do día 21 de febreiro de 2022, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes a aprobación das bases reguladoras do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca (SGR) e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes). As ditas bases publícanse mediante a Resolución do 13 de abril de 2022 (DOG núm. 76, do 21 de abril).

Xunto co texto das devanditas bases publicouse a relación das entidades financeiras que se adheriron ao convenio.

Tendo en conta que por erro non se incluíu unha salvedade coa entidade Banco Santander, S.A. no anexo publicado mediante a Resolución do 13 de abril de 2022, e que, con datas do 22 e do 29 de abril de 2022, adhírense, respectivamente, as entidades financeiras Bankinter, S.A. e Caixabank, S.A., procede actualizar o contido do dito anexo.

Polo que antecede e en virtude das facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Corrixir a información sobre a adhesión da entidade financeira Banco Santander, S.A., de xeito que figure a salvedade (1) no anexo.

Segundo. Engadir as entidades financeiras Bankinter, S.A. e Caixabank, S.A. á relación de entidades financeiras adheridas ao convenio para a habilitación dun marco de apoio ao acceso ao financiamento das pequenas e medianas empresas, subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as sociedades de garantía recíproca domiciliadas en Galicia, asinado o 11 de abril de 2022.

Segundo. Publicar a relación completa e corrixida das sociedades de garantía recíproca e entidades de crédito adheridas, substituíndo, en consecuencia, o anexo VII, publicado coas bases reguladoras (DOG núm. 76, do 21 de abril de 2022), polo que se publica con esta resolución.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2022

Fernando Guldrís Iglesias
Director do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO VII

Relación de sociedades de garantía recíproca e entidades de crédito adheridas

IG535A - Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas (financiamento Igape-pemes)

Cooperativas de crédito

Bancos

S.G.R.

– Caixa Rural Galega, Sociedad Cooperativa de Crédito Limitada Gallega

– Abanca Corporación Bancaria, S.A.

– Banco Santander, S.A. (1)

– Banco Bilbao Vizcaya Argentaria, S.A.

– Banco de Sabadell, S.A.

– Bankinter, S.A.

– Caixabank, S.A. (2)

– Afianzamientos de Galicia, Sociedad de Garantía Recíproca (Afigal, S.G.R.)

– Sociedad de Garantía Recíproca de la Pequeña y Mediana Empresa de Pontevedra y Ourense (Sogarpo, S.G.R.)

(1) Non se adhire á liña I.2 do anexo I, operacións avaladas para o financiamento de tráfico comercial (Reaval Funcionamento).

(2) Non se adhire ás liñas I.2 e I.3 do anexo I, operacións avaladas para o financiamento de tráfico comercial (Reaval Funcionamento) e garantías ante terceiros vinculadas a operacións de tráfico ou avais técnicos (Reaval Garantías).