Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Mércores, 11 de maio de 2022 Páx. 28002

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a selección de empresas e proxectos, en réxime de concorrencia competitiva, que participarán no programa do Polo de aceleración do sector dos videoxogos, financiado ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 como resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT207J).

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no artigo 27.19 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia e o fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ten a responsabilidade de promover e fomentar a cultura galega, tendo na Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) o ente instrumental en que centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, das empresas e industrias culturais privadas.

A Axencia Galega das Industrias Culturais, creada pola Lei 4/2008, do 23 de maio, concíbese, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5, como unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego.

O obxectivo da Axencia é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singularizadores. A Axencia pretende fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade galega e, ao tempo, aumentar a exportación. Os destinatarios da actividade da axencia son as empresas culturais privadas dedicadas principalmente á produción, distribución ou comercialización de produtos culturais.

Neste contexto, a Axencia Galega das Industrias Culturais (en adiante, Agadic) está desenvolvendo un programa de impulso da innovación no sector audiovisual e do videoxogo co obxectivo de posicionar Galicia como un referente na xeración de contidos e producións competitivas a nivel global e, particularmente, fomentar a competitividade tecnolóxica e non tecnolóxica das empresas galegas de toda a cadea de valor tanto no campo do audiovisual como do videoxogo.

Por iso, desde a Axencia Galega das Industrias Culturais deseñouse, entre as liñas de acción para o impulso do Hub audiovisual e industria cultural creativa, unha liña específica dirixida á captación e apoio ao talento, para que a través de polos de aceleración se poida instrumentalizar un elenco de ferramentas que permita a profesionalización empresarial da base creativa da industria galega, particularmente en campos como os videoxogos e contidos interactivos.

Estas liñas de traballo incluídas no Hub audiovisual-industria creativa, susceptibles de ser financiadas cos fondos REACT-UE, concordan perfectamente co espírito da UE cando recomenda que a intervención dos fondos Feder no ámbito da cultura deben dirixirse a apoiar sectores culturais estreitamente ligados á innovación e á creatividade, co fin de propiciar industrias altamente competitivas que contribúan ao emprego e ao crecemento.

Concretamente, esta actuación corresponde a:

Eixe prioritario: 20. Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía.

Prioridade de investimento 13i. Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais, e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía.

Obxectivo específico OE 20.1.3.2-OE REACT-UE 3.2.

Actuación CPSO 20.1.3.2.4. Axudas para o impulso da industria cultural e creativa galega.

Campo de intervención 067-Desenvolvemento empresarial das pemes, apoio ao espírito de empresa e a incubación (incluído o apoio a empresas incipientes e empresas derivadas).

Liña de actuación 81-Medidas de impulso do sector audiovisual.

Para a Agadic, o segmento dos videoxogos e contidos interactivos é un campo que presenta grandes oportunidades hoxe en día e, por iso, necesítase do acompañamento da Administración para que afloren as empresas que teñen neste segmento o seu núcleo principal.

Con esta convocatoria preténdese dar un impulso á profesionalización de empresas de nova creación do sector do videoxogo a través da aceleración intensiva na produción e comercialización de bens e servizos.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo, para a selección de empresas e proxectos, en réxime de concorrencia competitiva, que participarán no programa de desenvolvemento do Polo de aceleración de videoxogos, financiado ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, no marco do eixe REACT-UE, actuación 20.1.3.2.4 de axudas para o impulso da industria cultural e creativa galega, e proceder á súa convocatoria para o exercicio 2022 (código de procedemento CT207J).

2. A participación no programa de desenvolvemento do Polo de aceleración de videoxogos ten a consideración de axuda en especie establecida na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As actuacións recollidas nesta liña de acción financiaranse ao 100 % con Feder no marco do eixe REACT-UE, no marco do obxectivo específico 20.1.3.2-OE REACT-UE 3.2, Apoio a medidas de axuda económica nas rexións máis dependentes dos sectores máis afectados pola crise COVID-19, concretamente encaixa na liña de actuación 81, Medidas de impulso ao sector audiovisual, categoría de intervención 067, polo que deberán cumprirse as obrigas específicas e demais disposicións que se establecen ao respecto nestas bases reguladoras.

Segundo. Financiamento

1. Estas actuacións financiaranse con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Galega das Industrias Culturais asignados para tal finalidade nos orzamentos do ente para os anos 2022 e 2023 na aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0 (código de proxecto 2020 00001), coa distribución do cadro que segue:

Importe

Anualidade

200.000,00 €

2022

90.000,00 €

2023

Terceiro. Solicitudes

1. Para poder ser beneficiario das axudas que comporta participar no programa de desenvolvemento do Polo de aceleración de videoxogos deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I desta resolución, que irá xunto cos documentos que se especifican no artigo 9 das bases reguladoras.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Prazo de duración do procedemento de concesión

O prazo de duración do procedemento de concesión de axudas non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes que se presenten a esta convocatoria serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

Quinto. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais: http://agadic.gal

b) Os teléfonos 881 99 60 77/881 99 60 78.

c) No enderezo electrónico agadic@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

Sexto. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Sétimo. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2022

Román Rodríguez González
Presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais

ANEXO

Bases reguladoras para a selección de empresas e proxectos que participarán no programa de desenvolvemento do Polo de aceleración do sector dos videoxogos financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, no marco do eixe REACT-UE (código de procedemento CT207J)

Artigo 1. Obxecto

1. As presentes bases teñen por obxecto aprobar as condicións polas cales se rexerá a selección de empresas e proxectos por parte da Agadic para a súa participación no desenvolvemento e execución do Polo de aceleración do sector de videoxogos, coa finalidade de incentivar e estimular a profesionalización empresarial do sector de videoxogos e contidos interactivos.

2. O obxectivo principal do Polo de aceleración dos videoxogos é iniciar un proceso de vertebración sectorial, desenvolvendo o talento de toda a cadea de valor do sector dos videoxogos e contidos interactivos para:

– Aumentar a base de empresas do sector dos videoxogos.

– Fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados nacionais e internacionais.

– Conseguir unha maior especialización empresarial e unha maior distribución xeográfica destas empresas.

3. A participación no programa de desenvolvemento do Polo de aceleración de videoxogos ten a consideración de axuda en especie establecida na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Réxime das subvencións

1. O procedemento de concesión destas axudas tramitaranse en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. O programa está dirixido a proxectos emprendedores polo que as beneficiarias deberán ser novas empresas, físicas ou xurídicas, con menos de 10 meses de existencia, desde o seu inicio de actividade en calquera dos ámbitos da cadea de valor da industria dos videoxogos e contidos interactivos, con sucursal ou oficina permanente na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.

Ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar dentro da definición de peme segundo o anexo I do Regulamento núm. 651/2014 da Comisión.

b) Que realicen o seu traballo maioritariamente na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que estean dadas de alta nas epígrafes 763, 355.2, 845 ou 899 do IAE.

d) Que estean ao día nas súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiario da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

e) Que cumpran a normativa de axudas de minimis segundo o previsto no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013).

Artigo 4. Financiamento e concorrencia

1. A concesión destas axudas, que terán a modalidade de axuda en especie, financiarase cun crédito total de 290.000,00 euros, imputables á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0, código de proxecto 2021 0001, dos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais, para as anualidades de 2022 e 2023.

2. Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

3. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000,00 euros nun período de tres exercicios fiscais.

4. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse á Agadic tan pronto como se coñeza e, en todo caso, no momento en que a entidade colaboradora presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, requirirase ao solicitante unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

5. Poderán ampliarse os créditos dedicados a esta convocatoria logo da declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda, o que permitirá atender novas solicitudes, de acordo coa orde de prelación de solicitudes establecida no artigo 1.3.

6. No caso de existiren solicitudes que non acadan o dereito á subvención por terse esgotado o orzamento dispoñible, pasarán a formar unha lista de agarda formada polas entidades solicitantes que poderán ser susceptibles de recibir a axuda se se produce un incremento de crédito, ben por dispoñer de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta liña de axudas.

7. Estas axudas están financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 no eixe REACT-UE (obxectivo específico OE 20.1.3.2-OE REACT-UE 3.2) como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19. Ademais, responde a:

– Prioridade de investimento 13i. Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais, e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía.

– Actuación CPSO 20.1.3.2.4. Axudas para o impulso da industria cultural e creativa galega.

– Campo de intervención 067-Desenvolvemento empresarial das pemes, apoio ao espírito de empresa e a incubación (incluíndo o apoio a empresas incipientes e empresas derivadas).

– Liña de actuación 81-Medidas de impulso do sector audiovisual.

– Indicador de resultado: R030A-Taxa de supervivencia nacional/rexional de pemes no 4º ano de vida.

8. Os indicadores de produtividade relativos a esta convocatoria son:

– Indicador de produtividade C001-Número de empresas que reciben axudas.

– Indicador de produtividade C002-Número de empresas que reciben subvencións.

– Indicador de produtividade C004-Número de empresas que reciben axudas non financeiras.

– Indicador de produtividade C005-Número de novas empresas beneficiarias da axuda.

Artigo 5. Entidade colaboradora

A realización do programa de desenvolvemento do Polo de aceleración de videoxogos farase en colaboración coa entidade colaboradora seleccionada ao abeiro da Resolución do 17 de marzo de 2022 pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para xestión e organización das actividades que conforman o programa de desenvolvemento do Polo de aceleración do sector dos videoxogos (código de procedemento CT207J).

Artigo 6. Actividade subvencionable e gastos subvencionables

1. Esta convocatoria ten por finalidade subvencionar a participación de empresas nas actividades do programa de desenvolvemento do Polo de aceleración dos videoxogos. Estas actividades descríbense a seguir:

1) Aceleración intensiva, consistente en actuacións de consultoría tanto grupal como individual, accións de mentorización e workshops de innovación.

2) Accións de difusión, comunicación e presentación de proxectos.

3) Participación en eventos e actividades profesionais no ámbito nacional ou internacional.

4) Accións de consultoría de avaliación e resultado.

2. Os créditos que figuran na seguinte táboa son os custos máximos admisibles para cada unha das actividades previstas, que responderán a prezos de mercado, podéndose facer axustes entre actividades, de ser necesario, sempre que non se modifique o importe total:

Concepto de gasto

Unidades

Custo unitario

Total

Consultoría individual

800 horas

100,00 €

80.000,00 €

Consultoría grupal

120 horas

175,00 €

21.000,00 €

Mentorización

200 horas

100,00 €

20.000,00 €

Accións IVG

8 accións

5.000,00 €

40.000,00 €

Presentación de proxectos

80 horas

100,00 €

25.000,00 €

Evento

17.000,00 €

Mobilidade internacional

20 bolsas

4.000,00 €

80.000,00 €

Consultoría de seguimento

160 horas

100,00 €

16.000,00 €

Campañas de difusión

2 campañas

4.000,00 €

8.000,00 €

Total

290.000,00 €

3. A subvención en especie que recibirá cada empresa participante terá unha contía máxima estimada de 14.500,00 €.

Artigo 7. Presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Prazo para presentar as solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación exixida ou non se reunen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirida para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. Deberá achegarse xunto coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación complementaria:

– Documentación administrativa:

1.1. Certificado do acordo social da solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine e nome da entidade, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

1.4. Copia da documentación acreditativa de que cada proxecto é obra orixinal e de posuír os dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.

1.5. As seguintes declaracións responsables recollidas no anexo I:

1.5.1. Declaración responsable de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

1.5.2. Declaración responsable de que os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos, e de que acepta as condicións e obrigas recollidas para cada liña de axudas nesta convocatoria.

1.5.3. Declaración responsable de que non está incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

1.5.4. Declaración responsable de que non está incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1.5.5. Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

1.5.6. Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que solicita a participación.

1.5.7. Declaración responsable de que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

1.5.8. Declaración responsable de que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación.

1.5.9. Declaración responsable de ser peme.

1.6. Dossier relativo á empresa en que se indique o seu interese por participar nesta convocatoria (anexo II), que deberá conter:

1.6.1. Descrición das intencións da empresa en canto á escolla dos proxectos, liña de traballo xeral, definición da estratexia e previsións de negocio e outros aspectos que se terán en conta nos criterios de valoración que se recollen no artigo 16 das presentes bases.

1.6.2. Historial creativo e profesional da empresa facendo fincapé na liña de traballo que se está seguindo.

1.6.3. Historial profesional do equipamento que participan na empresa.

1.7. Un dossier do proxecto que se presenta para esta convocatoria (anexo II), que deberá conter:

1.7.1. Datos identificativos do proxecto que conteña unha memoria descritiva do proxecto de videoxogo ou contido dixital interactivo e unha demo.

1.7.2. Estratexia de desenvolvemento, cronograma de realización dos traballos.

1.8. Calquera outra documentación que a persoa solicitante xulgue conveniente para a mellor defensa do proxecto.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron achegados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración.

Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas, agás que as persoas interesadas se opoñan á consulta.

– DNI/NIE da persoa solicitante.

– NIF da entidade solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Procedemento de concesión das subvencións: instrución e competencia para a avaliación das solicitudes

1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1.1. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

1.2. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resultase de obrigado cumprimento.

1.3. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria ás persoas interesadas, ás persoas profesionais e expertas na materia, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

En todo caso, a Dirección da Agadic poderá requirirlles aos/ás solicitantes que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

3. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das axudas concedidas para os fins programados, e levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases.

Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención.

Artigo 15. Comisión de Valoración

1. Para a avaliación das solicitudes presentadas constituirase unha Comisión de Valoración que será nomeada polo director da Agadic e que será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes, de acordo cos criterios fixados na base seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados ante o órgano instrutor.

2. A Comisión de Valoración estará formada polas seguintes persoas: tres profesionais de recoñecido prestixio nos ámbitos dos videoxogos e contidos interactivos e/ou audiovisual, dos cales un exercerá como presidente e un profesional pertencente ao cadro de persoal da Agadic de entre os grupos I, II e III. Actuará como secretaria ou secretario unha persoa do cadro de persoal da Agadic.

3. A condición de vogal da comisión ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso. Os membros da comisión declararán por escrito non ter relación coas entidades solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria.

4. A comisión puntuará cada un dos criterios e para cada unha das solicitudes, de forma motivada, farán a proposta das solicitudes subvencionables.

Previamente á súa cualificación concretarán cada un dos criterios subxectivos para aplicalos de forma homoxénea e a dita concreción será incorporada na acta redactada polo/a secretario/a. Unha vez examinados os proxectos, a comisión emitirá informe motivado das puntuacións de cada unha das solicitudes.

Artigo 16. Criterios de valoración

A puntuación total é de 100 puntos, repartidos segundo consta no cadro que sigue:

1

Calidade do proxecto

65 puntos

Xeración de contidos dixitais

25 puntos

Carácter global

10 puntos

Innovación da idea ou proxecto

20 puntos

Potencial de crecemento

10 puntos

2

Equipo promotor

35 puntos

Currículo

10 puntos

Experiencia

5 puntos

Carácter multidisciplinar

5 puntos

Dedicación

5 Puntos

Estrutura do capital humano

8 puntos

20 % da estrutura do capital humano e feminino

2 puntos

Para os efectos desta convocatoria, enténdese por:

1. Calidade do proxecto.

A puntuación máxima que se pode obter nesta epígrafe son 65 puntos, divididos como segue:

1.1. Xeración de contidos dixitais (ata 25 puntos):

Nesta epígrafe valoraranse con ata 25 puntos as ideas ou proxectos de xeración de contidos dixitais en calquera dos soportes existentes, entendendo como tal a produción de contidos directamente relacionados con videoxogos, realidade virtual, artes visuais interactivas, artes musicais interactivas, etc.

Para o resto de actividades relacionadas cos contidos dixitais valorarase de 0 a 20 puntos.

1.2. Carácter global (ata 10 puntos):

Valorarase o ámbito a quen vai dirixida a idea ou proxecto de forma previa á solicitude:

• Se o público obxectivo ten carácter específico, puntuarase con 5 puntos.

• Se o público obxectivo ten carácter xeral, puntuarase con 10 puntos.

1.3. Innovación da idea ou proxecto (ata 20 puntos):

Se a idea ou proxecto que se vai desenvolver ten carácter innovador (disrupción, tecnoloxías, etc.) será valorado de 0 a 20 puntos.

1.4. Potencial de crecemento (ata 10 puntos):

Poderase outorgar ata 10 puntos a aquelas ideas ou proxectos que presenten un proxecto de expansión concreto que supoña un potencial de crecemento da empresa que doutra forma non se podería conseguir. Nel valoraranse conceptos como, posicionamento estratéxico en novos mercados, contratos que se vaian subscribir ou que estean a piques de ser subscritos, novos desenvolvementos, xeración de emprego, etc.

2. Equipo promotor.

A puntuación máxima que se pode obter nesta epígrafe son 35 puntos, divididos como segue:

2.1. Currículo (10 puntos):

Valorarase con 10 puntos cando máis da metade do equipo promotor teña unha titulación específica de formación profesional, grao ou posgrao de deseño, desenvolvemento e/ou comercialización de videoxogos.

Valorarase con 5 puntos que no equipo promotor haxa algunha persoa con estudos de grao e posgrao relacionados coas tecnoloxías da información e das comunicacións.

2.2. Experiencia (5 puntos):

Valorarase con 5 puntos que no equipo promotor haxa, polo menos, unha persoa que teña experiencia relacionada co obxecto ou core da idea ou proxecto que presenta, sempre que teñan relación cos contidos dixitais, cun mínimo de 6 meses.

2.3. Carácter multidisciplinar (5 puntos):

Valorarase con 5 puntos que no equipo promotor haxa máis de tres disciplinas académicas diferentes, que poderán ser xustificadas mediante os títulos académicos correspondentes, certificacións ou outras titulacións, regradas ou non.

2.4. Dedicación (5 puntos):

Puntuarase con 5 puntos cando a metade ou máis membros do equipo promotor que se dediquen exclusivamente á idea ou proxecto que van desenvolver.

2.5. Estrutura do capital humano (10 puntos):

Valoraranse aquelas ideas ou proxectos que conten con maior número de persoas. Así, os equipos que teñan 4 ou máis persoas obterán 8 puntos, os equipos formados por 3 persoas, 5 puntos, e os que estean compostos por 2 persoas obterán unha puntuación de 2 puntos.

Cando máis do 20 % da estrutura do capital humano sexa emprego feminino, engadiranse 2 puntos.

Artigo 17. Audiencia

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada que deberá serlles notificada aos/ás interesados/as para que, nun prazo de 10 días, poidan formular alegacións de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo/a interesado/a.

Artigo 18. Resolución e notificación

1. Concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor, á vista do expediente, elevará a proposta de resolución definitiva á Presidencia da Agadic para ditar a resolución de concesión que deberá estar debidamente motivada e na cal se indicará o importe de subvención proposto para a súa concesión.

2. O presidente do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do Acordo do 24 de xullo do 2012, DOG núm. 164), deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución.

3. A resolución expresará, cando menos:

a) A relación de entidades beneficiarias da axuda.

b) O importe global da axuda para cada entidade, que será equitativa para todas as entidades, e a desagregación do dito importe por anualidades.

c) A lista de solicitudes denegadas, xunto coa súa causa de denegación.

d) A desestimación expresa do resto das solicitudes.

4. En todo caso, deberá notificarse a cada beneficiario/a un documento en que deberá figurar, como mínimo, a identificación do/da beneficiario/a, a axuda en especie que supón e as obrigas que correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operacións que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

5. A aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión da operación e os seus datos na listaxe de operacións prevista no artigo 115.2 do RDC e de acordo cos requisitos previstos no anexo XII do dito regulamento, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda https://www.dgfc.sepg.hacienda.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx

6. No expediente da subvención tamén se fará constar o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que os/as beneficiarios/as cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.

7. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao de remate do prazo para a presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

8. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, a notificación individual de concesión da axuda poderase acompañar tamén coa publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://gain.xunta.gal, con indicación da data da convocatoria, do/da beneficiario/a, da cantidade concedida e da finalidade da axuda outorgada.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e na forma que se determinen nas resolucións de concesión, debendo obter a autorización previa da Axencia Galega das Industrias Culturais para realizar calquera cambio.

2. Cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión polo órgano concedente.

3. Tamén se poderá acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do/da beneficiario/a se se cumpren os seguintes requisitos:

a) Que a modificación sexa autorizada expresamente polo órgano concedente.

b) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais ou que tivesen sido determinantes para a concesión da axuda, a determinación do/da beneficiario/a, nin dane dereitos de terceiros.

c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevidas que non puideron preverse no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non poderían supor a denegación da subvención, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. A solicitude de modificación debe ser formulada polo representante legal da entidade beneficiaria, expresando os motivos dos cambios que se propoñen e xustificando a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

Salvo naqueles supostos en que proceda a aplicación do establecido no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non se admitirán cambios con data anterior á entrada en rexistro da solicitude de modificación.

5. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao/á interesado/a. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa e notificaráselle ao/á interesado/a.

Artigo 20. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da dita norma.

Artigo 21. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais. O prazo para interpor o recurso de reposición será dun mes, se o acto for expreso ou desde o día seguinte a aquel en que se producise o acto presunto. Transcorrido o dito prazo, unicamente se poderá interpor recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 22. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención e a acreditalo ante o órgano concedente, así como ao cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas normas reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión, e no documento no cal se establecen as condicións da axuda.

b) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto de casos previstos na Lei 9/2007.

c) Subministrar á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

d) Cumprir a normativa aplicable ao Feder, en particular, o Regulamento (UE) núm. 1303/2013 e o Regulamento (UE) núm. 1301/2013, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

e) Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión, ás comprobacións do artigo 125 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Consello e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Comunicar á Axencia Galega das Industrias Culturais a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

g) Solicitarlle á Axencia Galega das Industrias Culturais autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actuacións aprobadas que estean suxeitas á autorización previa. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento subvencionable suporá a non admisión das cantidades desviadas.

h) Dar publicidade ás axudas recibidas nos contratos de servizos, así como en calquera outro convenio ou contrato relacionado coa execución da actuación, incluída a subcontratación, e en axudas, publicacións, relatorios, equipos, material inventariable e actividades de difusión de resultados financiadas con elas, mencionando expresamente a súa orixe e o financiamento con fondos estruturais da Unión Europea. Ademais, deberán publicar a concesión da axuda na páxina web e mantela actualizada. Na páxina web deberán figurar, como mínimo, os obxectivos e os principais avances. Concretamente, na documentación, carteis, propaganda ou publicacións que se elaboren para a súa difusión pública deberá figurar o logotipo da Xunta de Galicia e a frase «Axencia Galega das Industrias Culturais», así como financiado con cargo aos fondos Feder. Así mesmo, deberá informarse que foi apoiado pola Xunta de Galicia.

As instrucións detalladas relativas ás obrigas de publicidade da axuda estarán á disposición na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais (http://www.agadic.gal), na súa epígrafe de axudas.

i) Ao tratarse de subvencións financiadas con fondos estruturais da Unión Europea, en concreto, do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 como resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, no marco do obxectivo específico OE 20.1.3.2-OE REACT-UE 3.2. Apoio a medidas de axuda económicas nas rexións máis dependentes dos sectores máis afectados pola crise COVID-19, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, punto 2.2, do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 e atendendo ao sinalado no capítulo II do Regulamento de execución (UE) núm. 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, o beneficiario deberá, durante a realización da operación:

I. Recoñecer o apoio do Feder á operación mostrando, en todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo o emblema da Unión, así como referencias á Unión Europea, ao fondo Feder e unha mención a que a operación está financiada como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19. Tamén se incluirá o lema «Unha maneira de facer Europa».

II. Informar o público do apoio obtido do Feder durante a realización do proxecto facendo unha breve descrición na páxina web da entidade beneficiaria, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión. Cando se mencione o fondo Feder completarase cunha referencia relativa a que se financia como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19.

j) Conservar os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso durante un período de 3 anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas anuais en que estean incluídos os gastos da operación (artigo 125.4.d) e 140.1 do Regulamento 1303/2013).

O órgano concedente informará ao/á beneficiario/a da data de inicio a que se refire esta obriga.

k) As entidades beneficiarias deberán:

Na futura documentación de cada proxecto individual (materiais de promoción e distribución) e nos títulos de crédito da produción resultante deberá figurar «coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais, Xunta de Galicia», utilizando as súas marcas principais:

http://www.agadic.gal/identidade

https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/marca-principal

O cartón deberá incluír ademais a referencia ao financiamento con fondos Feder. Así mesmo, en todos os materiais de promoción, distribución e publicidade da obra (carteis, músicas, portadas ou outros materiais), farase constar que a produción foi subvencionada polo Feder e pola Xunta de Galicia, utilizando igualmente a marca principal.

2. Facer constar na súa publicidade, incluída a realizada a través de páxinas web, ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o financiamento dos seus proxectos pola Xunta de Galicia e polo Feder. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do/da beneficiario/a da subvención.

Artigo 23. Xustificación da execución

1. O prazo para presentar a documentación xustificativa da participación do programa rematará o 1 de agosto de 2023.

2. A documentación xustificativa que se deberá presentar electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, ademais dos formularios establecidos para o efecto, de ser o caso, é a seguinte:

a) Memoria do resultado da participación da entidade beneficiaria nas actividades do programa do Polo de aceleración.

b) Enquisa de satisfacción.

c) Declaración responsable de ter participado en cada unha das actividades do programa.

3. A entidade seleccionada como entidade colaboradora ratificará a documentación xustificativa das entidades participantes.

Artigo 24. Perda do dereito á axuda e reintegro

1. É causa de perda da axuda en especie no suposto de falta de xustificación da execución das actividades que conforman o programa de desenvolvemento do Polo de aceleración, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a reintegrar total ou parcialmente a contía da axuda en especie percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito da axuda en especie e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.

3. O incumprimento dos fins para os cales se concedeu a axuda en especie, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do proxecto ou das obrigas contidas nestas bases, será causa de perda do dereito ou de reintegro da axuda.

4. O alcance do incumprimento determinarase en proporción ao nivel de execución dos obxectivos e actividades concretas do programa que non se realizan ou se realizan de xeito insuficiente.

5. Consideraranse especialmente os seguintes casos de incumprimento:

a) Non comunicar á Axencia Galega das Industrias Culturais a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

b) Non comunicar á Axencia Galega das Industrias Culturais a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

c) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 11.d) destas bases.

Nestes casos procederá o reintegro parcial establecendo un factor de corrección do 2 % sobre o valor da axuda en especie.

Artigo 25. Réxime sancionador

Aos/ás beneficiarios/as das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Fiscalización e control

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Axencia Galega das Industrias Culturais, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento aos/ás beneficiarios/as as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, propoñerase o reintegro da subvención concedida.

3. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión do programa operativo Feder, así como ás verificacións do artigo 125.5 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 27. Normativa aplicable

1. Será de aplicación a seguinte normativa:

1.1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e supletoriamente a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións.

1.2. Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

1.3. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

1.4. Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

1.5. Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, Real decreto 1084/2015, do 4 de decembro, que a desenvolve, e Real decreto 1090/2020, do 9 de decembro, que modifica o anterior.

2. As axudas obxecto desta convocatoria réxense polas normas comunitarias aplicables por razón do financiamento pola Unión Europea e polas normas nacionais de desenvolvemento ou transposición destas. En particular, seralles de aplicación a seguinte normativa comunitaria:

2.1. Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derrogase o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello.

2.2. Regulamento (UE) núm. 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre as disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1080/2006.

2.3. Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

2.4. Orde HAC/114/2021, de 5 de febreiro, pola que se modifica a Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

2.5. Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se transpoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

2.6 Regulamento (UE) 2020/460 do Parlamento Europeo e o Consello, do 30 de marzo de 2020, polo que se modifican os regulamentos (UE) núm. 1301/2013, (UE) núm. 1303/2013 e (UE) núm. 508/2014, no relativo a medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistemas de atención sanitaria dos Estados membros e noutros sectores das súas economías, en resposta ao gromo da COVID-19 (Iniciativa de investimento en resposta ao coronavirus).

2.7. Regulamento (UE) 2020/558 do Parlamento e o Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifican os regulamentos (UE) 1301/2013 e (UE) 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimento europeos en resposta ao gromo de COVID-19.

2.8. Regulamento (UE) 2020/2221 que establece as normas e disposicións de execución referentes aos recursos adicionais achegados en calidade de axuda á recuperación para a cohesión e os territorios de Europa (REACT-UE), co fin de prestar asistencia para favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e para preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía.

2.9. Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos107 e 108 do Tratado de funcionamento de la Unión Europea ás axudas de minimis.

Artigo 28. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario/a, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 29. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto:

http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director da Axencia Galega das Industrias Culturais para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2022

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia
Galega das Industrias Culturais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file