Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Luns, 9 de maio de 2022 Páx. 27506

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 28 de abril de 2022 pola que se clasifica de interese social a Fundación Grupo Printes.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Grupo Printes, con domicilio na parcela número 32 do polígono empresarial de Vilamarín, en Ourense.

Feitos:

1. O 27 de setembro de 2021, Francisco José García Quirós, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Grupo Printes constituírona Tania González Fernández, Juan Serafín Rodríguez Delgado e Francisco José García Quirós, mediante escritura pública outorgada en Ourense o 3 de agosto de 2021, ante a notaria María Isabel Louro García, co número de protocolo 1.550.

Logo de requirimento do 2 de novembro de 2021 do Servizo de Entidades Xurídicas e Corporativas desta secretaría xeral técnica, o 27 de xaneiro de 2022 achegan unha nova escritura outorgada en Ourense o 25 de xaneiro de 2022, ante a mesma notaria indicada anteriormente, co número 112 do seu protocolo, na cal emendan o solicitado no dito requirimento.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto «promover a inclusión de persoas en risco de exclusión social, mediante a realización de actividades sociais, deportivas, asistenciais e formativas, e calquera outra actividade de interese xeral para Galicia que sexa de análoga natureza e seralle propia calquera actividade que, aínda que sexa indirectamente, estea ordenada para eses fins».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Francisco José García Quirós como presidente; Tania González Fernández como tesoureira; e Juan Serafín Rodríguez Delgado como secretario.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta de clasificación como de interese social da Fundación Grupo Printes, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese social e a súa adscrición á Consellería de Política Social.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 18 de abril de 2022

DISPOÑO:

Clasificar de interese social a Fundación Grupo Printes, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Política Social.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2022

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Turismo