Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Martes, 3 de maio de 2022 Páx. 26494

III. Outras disposicións

Instituto de Estudos do Territorio

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2022 pola que se amplía o crédito das axudas previstas na Resolución do 20 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas e se establece a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento MT402A), tramitado como expediente anticipado de gasto.

A Resolución do 20 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas, xestionadas por este instituto, e se establece a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento MT402A), tramitado como expediente anticipado de gasto, establece no seu punto sexto.1 que ás axudas que se establecen na devandita resolución se destina un orzamento total de 1.000.000 de euros, que se imputarán á aplicación orzamentaria 08.80.541E.780.0, código de proxecto 2021 00002, dos orzamentos do Instituto de Estudos do Territorio para o ano 2022.

Esta resolución establece ademais que, de conformidade co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co previsto no artigo 30.2. do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establécese este orzamento sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán recibir a subvención oportuna.

Nestes casos, o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios en que publicou a convocatoria, sen que esta publicación implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo dos prazos para resolver.

Dada a insuficiencia de crédito da Resolución do 20 de decembro de 2021 para facer fronte ao importe que supón atender todas as solicitudes presentadas, parece oportuno incrementala en 600.000 euros máis, debido a que existe crédito dispoñible na aplicación orzamentaria 08.80.541E.780.0, que cumpre os requisitos establecidos no artigo 30.2. do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Con este incremento preténdese dar cumprimento ao obxectivo de aumentar a sensibilidade cidadá en relación coas alteracións ou cos impactos na paisaxe, é dicir, nas cales diversas actuacións xeraron transformacións que deterioraron o carácter ou a calidade da paisaxe; así como sensibilizar e fomentar a colaboración cidadá en coordinación coas administracións públicas.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Punto único. Incremento dos créditos

Increméntase o crédito destinado ao financiamento das axudas previstas na Resolución do 20 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas, xestionadas por este instituto, e se establece a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento MT402A), tramitado como expediente anticipado de gasto. O importe total do devandito incremento, que se realizará na aplicación orzamentaria 08.80.541E.780.0, é o seguinte:

Código de proxecto

Importe

2021 00002

600.000 €

A publicación desta resolución non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto de Estudos do Territorio