Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 29 de abril de 2022 Páx. 25897

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 28 de abril de 2022 pola que se modifica o prazo de xustificación da Orde do 3 de setembro de 2021 pola que establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, financiadas co instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MR351A).

Mediante a Orde do 3 de setembro de 2021 (DOG num. 182, do 21 de setembro), convocáronse para o ano 2021 as axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, financiadas co instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

No artigo 27 da convocatoria establécese que as entidades beneficiarias terán ata o 1 de maio de 2022 para presentar a documentación xustificativa da subvención.

O encarecemento das materias primas, xunto cos problemas de subministración, provocou atrasos nos prazos de fabricación da maquinaria agrícola, que dificultan que os beneficiarios destas axudas poidan cumprir co prazo de execución.

Coa finalidade de facer viables os procesos de execución e xustificación dos investimentos, sen que con iso se cause prexuízo a terceiros, considérase necesario a ampliación do prazo de xustificación ata o 1 de xullo de 2022.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación do prazo de execución e xustificación

Amplíase ata o 1 de xullo de 2022 (incluído) o prazo para executar e xustificar estas axudas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural