Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 29 de abril de 2022 Páx. 25889

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 26 de abril de 2022 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal da empresa que presta servizos de limpeza nos hospitais Provincial e Montecelo de Pontevedra, que se desenvolverá con carácter indefinido a partir do día 2 de maio de 2022.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito tanto na Administración como nas empresas privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O desempeño da asistencia sanitaria pública non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este, o que implica a necesidade de conxugar o citado exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, en prol de preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

As organizacións Confederación Intersindical Galega (CIG), Comisións Obreiras (CC.OO.) e Unión Xeral de Traballadores (UGT) comunicaron a convocatoria dunha folga do persoal da empresa Acciona Facility Services, que presta servizos de limpeza nos hospitais Provincial e Montecelo de Pontevedra, que se desenvolverá con carácter indefinido desde as 6.00 horas do día 2 de maio de 2022.

Dado que a folga afectará o servizo de limpeza dos centros que conforman o complexo hospitalario de Pontevedra, resulta obvio que a suspensión da dita actividade pode implicar niveis de contaminación que porían en risco a saúde tanto das persoas doentes e usuarias como dos profesionais deste tipo de institucións. Polo tanto, esta soa circunstancia determina de seu a procedencia de fixar servizos mínimos.

Pero é que, ademais, cómpre subliñar o contexto en que se vai desenvolver esta folga, nun escenario de crise sanitaria internacional que motivou, como é público e notorio, a progresiva adopción, evolución e adaptación de medidas preventivas, de contención, seguimento e de actuación en materia de saúde pública e asistencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia da evolución da pandemia do coronavirus COVID-19.

A aparición do novo coronavirus causante da síndrome respiratoria aguda grave (SARS-CoV-2), xurdido no mes de decembro de 2019, creou un escenario mundial que está a requirir a adopción de medidas e accións que permitan facer un seguimento da situación e do avance dos casos, o que implica para as autoridades a previsión de escenarios e o deseño de protocolos para afrontar as múltiples situacións que se están a producir, coa maior eficacia posible.

Neste sentido, o abrocho do coronavirus denominado COVID-19 motivou que a Organización Mundial da Saúde (OMS) o declarase como emerxencia de saúde pública de importancia internacional, o que deu inicio a unha serie de actividades que se puxeron en marcha en todo o Estado e nas comunidades autónomas en canto que axentes integrantes do Sistema nacional de saúde.

Entre esas medidas e actuacións encóntranse as pautas e protocolos definidos polas autoridades en relación coa sanidade ambiental; en particular coa limpeza, desinfección e ventilación dos centros e espazos públicos e especificamente das institucións sanitarias, en que se habilitaron circuítos asistenciais específicos para pacientes infectados/as ou con sospeita de infección polo coronavirus COVID-19, diferenciados das canles asistenciais ordinarias e nos cales cómpre estremar as medidas de limpeza das dependencias onde se atenden este tipo de casos, así como dos lugares con que tivesen contacto (salas de espera, consultorios médicos, etcétera), seguindo as recomendacións establecidas polos respectivos servizos de medicina preventiva.

Polo demais e desde que comezou a pandemia, nos centros do Servizo Galego de Saúde e das entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade veñen adoptándose unha serie de medidas dirixidas a garantir a dispoñibilidade de profesionais, esencial para atender a carga asistencial, tanto a través de actuacións de protección daqueles como co obxecto de flexibilizar e axilizar os procedementos previstos para atender e reforzar as necesidades de persoal derivadas desta situación.

Outro tanto cabe aducir respecto aos efectivos das empresas contratadas para facilitar e prestar os servizos complementarios á asistencia sanitaria, como é o caso da limpeza, reforzando a súa realización no senso descrito e que dubidosamente podería levarse a efecto sen establecer as imprescindibles limitacións en relación co exercicio desta folga.

Así pois, para a fixación dos servizos mínimos óptase nesta orde por reiterar os criterios reitores aplicados por esta consellería en anteriores folgas do mesmo sector e ámbito, en atención á actual e extraordinaria situación de pandemia e no que atinxe a concretas canles e aspectos asistenciais.

Con base no que antecede e logo da audiencia e do acordo co comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo único

1. A folga referida na parte expositiva, dado o seu carácter indefinido e as actuais circunstancias sanitarias, entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos segundo os criterios que se establecen nesta orde.

a) Días laborables:

I. Áreas de urxencias, laboratorio de urxencias, radiodiagnóstico de urxencias, UCI, área cirúrxica, reanimación poscirúrxica, reanimación cardíaca, oncoloxía radioterápica, hematoloxía, hospital de día, diálise e unidades de hospitalización por COVID: o persoal preciso para garantir o 100 % das presenzas e prestación de limpeza habituais na actualidade.

II. Áreas de radioloxía intervencionista, esterilización e hospitalización (non COVID): o persoal preciso para garantir o 70 % das presenzas e prestación de limpeza habituais actualmente.

III. Restantes áreas: o persoal preciso para garantir o 50 % das presenzas e prestación de limpeza habituais na actualidade.

b) Domingos e días festivos: o persoal preciso para garantir o 100 % das presenzas e prestación de limpeza habituais nos ditos días.

Debido á hixiene necesaria para a prestación dos servizos sanitarios, neste eido sempre resulta preciso garantir, con carácter xeral, que as instalacións estean en perfectas condicións de limpeza e hixiene, no que concirne a zonas de hospitalización de doentes, vestiarios de persoal, áreas críticas, servizos de urxencias e quirófanos, así como nas zonas comúns de uso xeral, pois as eventuais diminucións dos parámetros de limpeza nalgunha delas poden incidir directamente tamén nas outras.

Pero é que, ademais, a excepcional situación xurdida por causa da pandemia orixinada polo coronavirus SARS-CoV-2 (COVID-19) require dunha serie de medidas específicas para evitar o contaxio da enfermidade infecciosa nas dependencias das institucións sanitarias, tanto respecto aos propios profesionais como ás persoas usuarias dos servizos, así como entre aqueles e estas.

Así e no que respecta a esta área de actividade, por mor da crise sanitaria e consonte os protocolos establecidos para o efecto, cómpre extremar, en prol de evitar o contaxio da infección por COVID-19 nas dependencias sanitarias, a limpeza e desinfección daqueles espazos máis directamente relacionados coa prevención, detección, manexo e tratamento de pacientes e de profesionais con patoloxía indiciaria ou confirmada de infección polo SARS-CoV-2, dependencias cuxa plena operatividade e seguridade resultan imprescindibles nas actuais circunstancias.

Dentro das medidas para a prevención da enfermidade, os protocolos asistenciais de limpeza nos centros sanitarios prevén actuacións tales como:

– Unha maior frecuencia nos circuítos ou itinerarios de limpeza ordinarios.

– A realización de tarefas de limpeza periódica de superficies (pomos de portas, mesas) e espazos de uso común.

– A realización dunha limpeza rigorosa despois de cada atención sanitaria efectuada nas dependencias especificamente dedicadas á asistencia a pacientes sospeitosos/as de padecer a enfermidade provocada polo coronavirus. Neste caso, a limpeza debe facerse nun breve período de tempo despois da actividade sanitaria pois, doutro xeito, a sala de atención ou a correspondente superficie non estaría en condicións de ser usada por outras persoas.

Polo tanto e no contexto da actual e excepcional situación sanitaria, resulta necesario adoptar os criterios expostos, sen prexuízo de que os efectivos de servizos mínimos que resulten poidan ampliarse sempre que resulte estritamente necesario para evitar riscos inminentes para a saúde; nomeadamente, nos casos en que sexa precisa a realización da limpeza coa maior brevidade de salas de atención e outros espazos especificamente habilitados para a asistencia a pacientes infectados/as ou sospeitosos/as de padecer unha patoloxía derivada do coronavirus SARS-CoV-2, así como para abordar as tarefas de limpeza adicionais ás ordinarias ou habituais nos espazos e superficies, motivadas polo cumprimento dos protocolos asistenciais de prevención de transmisión do coronavirus; circunstancias estas que, de producirse, deberán quedar expresamente recollidas no expediente.

2. A determinación do persoal necesario con base nos criterios anteriores faraa a empresa de modo coordinado coa Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, e a súa fixación deberá estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe contar no expediente de determinación de servizos mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será determinada pola empresa e notificada ao persoal designado.

O persoal designado que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

No anexo desta orde recóllese o número de presenzas mínimas acordado para cubrir as xornadas de folga.

3. Sen prexuízo do que establecen os puntos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Servizo de limpeza do Complexo Hospitalario de Pontevedra
(hospitais Provincial e Montecelo*)

Centro

Mañá

Tarde

Noite

Luns-venres

Sábado

Domingo

Luns-venres

Sábado

Domingo

Luns-domingo

H. Montecelo

22

17

14,57

18

9

7

2

H. Provincial

18

14

12

12

9

4

1

* A unidade (1) equivale á presenza dun efectivo a xornada completa.