Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 26 de abril de 2022 Páx. 25091

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 5 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para o fomento e a promoción de rodaxes audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do Programa Hub da industria creativa galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT207G).

BDNS (Identif.): 621797.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas (traballadoras autónomas) ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes dadas de alta cunha antigüidade mínima, e sen interrupcións, dun ano na epígrafe IAE 961.1 e con sucursal ou oficina permanente de, polo menos, un ano previo a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.

Segundo. Obxecto

Determinar as condicións polas cales se regulará a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais, para o fomento e promoción de rodaxes audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do Programa Hub da industria creativa galega, para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento CT207G).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 5 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para o fomento e a promoción de rodaxes audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do Programa Hub da industria creativa galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT207G).

Cuarto. Importe

Estas subvencións financiaranse cun crédito total de 2.000.000 euros, para as anualidades 2022 e 2023, imputables á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0, código de proxecto 2021 00001, da Axencia Galega das Industrias Culturais, coa seguinte distribución: 1.000.000 para 2022 e 1.000.000 para 2023.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 1 de setembro de 2022. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2022

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais