A Orde do 14 de febreiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de apoio ao peche do lecer nocturno, financiado con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (Diario Oficial de Galicia nº 31, do 15 de febreiro), establece no seu artigo 7 o crédito orzamentario que financia as subvencións reguladas nesta orde para o ano 2022.
Así mesmo, establece no seu artigo 7.4 que se poderá ampliar a contía máxima deste crédito para esta convocatoria. O incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa.
En consecuencia, como existen outras dotacións que poden ser utilizadas para os mesmos fins, cómpre ampliar o importe dos créditos destinados ás axudas deste programa, que poderán ser concedidas ao abeiro da orde que se cita nesta disposición, coa finalidade de facer chegar estas ao maior número de beneficiarios posible.
Por todo o exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo primeiro
Amplíase o importe total das axudas establecidas na Orde do 14 de febreiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de apoio ao peche do lecer nocturno, financiado con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (Diario Oficial de Galicia nº 31, do 15 de febreiro), que se van conceder ao abeiro desta orde de convocatoria, na seguinte contía e aplicación orzamentaria que figura dotada nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022:
Programa de apoio ao peche do lecer nocturno 11.04. 322C 470.8, co código de proxecto 2022 00157, na contía de 1.200.000 € con fondos REACT-UE.
Artigo segundo
Estas modificacións non afectan o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.
Disposición derradeira única
Esta orde entrara en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2022
Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade