Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 25 de abril de 2022 Páx. 24850

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2022 pola que se convoca o webinario Cara a unha reforma do sistema de acceso ao emprego público.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar no marco do ciclo de conferencias sobre Presente e futuro do emprego público na Administración post-COVID o webinario Cara a unha reforma do sistema de acceso ao emprego público, de acordo coas bases que se indican a continuación:

Primeira. Obxectivos e contidos

A COVID-19 puxo de relevo a importancia do noso sector público. O talento dos recursos humanos dispoñibles na Administración pública foi unha variable crucial, tanto para combater a pandemia en si mesma, como para afrontar con éxito os seus devastadores efectos sobre a economía e a sociedade. Ao mesmo tempo, o reto que supuxo a pandemia puxo de manifesto algunhas limitacións, de xeito que a reforma do emprego público está chamada a ser un asunto relevante na denominada nova normalidade, para alumear un cambio de modelo que atenda ás necesidades que se veñen expoñendo.

Neste sentido, en España, algunhas administracións públicas elaboraron informes oficiais sobre a reforma dos sistemas de acceso ao emprego público e, nalgún caso, as conclusións dos ditos informes están xa en vías de execución. Trátase, ademais, dunha tendencia que é probable que se estenda proximamente a outras administracións públicas.

O obxectivo deste webinario é abordar o debate aberto arredor da conveniencia dunha eventual reforma dos sistemas de acceso ao emprego público, mediante o exame do contido dos devanditos informes oficiais e outras reflexións adicionais.

Segunda. Persoas destinatarias

Esta actividade está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais; da Administración institucional, da Administración local, da Administración de xustiza e das universidades do Sistema universitario de Galicia.

Terceira. Desenvolvemento

Data: xoves 19 de maio de 2022.

Modo de impartición: telepresenza.

Horario: das 12.00 ás 14.00 horas.

Duración: 2 horas lectivas.

O funcionamento básico da plataforma de telepresenza require que cada alumno/a dispoña dos seguintes compoñentes:

1. Computador de escritorio, portátil ou smartphone.

2. Conexión estable a internet.

3. Navegador web Google Chrome ou Mozilla Firefox nas últimas versións.

4. Altofalantes (se o monitor ou equipo non dispón deles).

Para o uso da ferramenta de telepresenza o alumnado contará cun manual de usuario na ligazón https://egap.xunta.gal/ecloud/s/bkDbq6zgpCe4NMQ onde se explica como acceder á plataforma de telepresenza e descríbense os compoñentes que o equipo necesita para un funcionamento básico da plataforma.

Cuarta. Número de prazas

Cen (100).

Quinta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área na cal está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e, despois, seleccionar en nome do curso: Webinario Cara a unha reforma do sistema de acceso ao emprego público.

3. O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 11 de maio de 2022.

4. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co establecido na base segunda desta convocatoria respecto das persoas destinatarias.

5. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado desde que se detecte o feito.

Sexta. Comprobación de datos

1. Os datos persoais proporcionados polas persoas interesadas para a xestión das solicitudes de participación nas accións formativas convocadas a través desta resolución, así como aqueloutros que se recollan ou elaboren con motivo do desenvolvemento desta, serán tratados pola EGAP na súa condición de responsable do tratamento, coa finalidade de levar a cabo a selección do alumnado, a impartición da formación e a xestión xeral desta.

A lexitimación para o tratamento dos datos é o cumprimento dunha misión realizada en interese público conforme o disposto no artigo 6.1.e) do Regulamento xeral de protección de datos (RXPD), con base no disposto na Lei 4/1987, do 27 de maio, da creación da Escola Galega de Administración Pública, e fundamentada nun interese público esencial (artigo 9.2.g) do RXPD). Os datos identificativos das persoas seleccionadas para participar nas accións formativas mencionadas anteriormente serán publicados conforme o detallado na base oitava desta resolución. Así mesmo, os datos dos alumnos e alumnas relativos á súa participación nesta acción formativa poderán ser comunicados aos órganos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia cando sexa estritamente necesario para o exercicio das súas competencias.

As sesións dos cursos impartidos na modalidade de telepresenza serán gravadas coa finalidade de ofrecer ao alumnado a posibilidade do seu visionado posterior como material de estudo, así como para a resolución de posibles reclamacións. En todo caso, o alumnado, se o considera oportuno, poderá desactivar a súa cámara e/ou micrófono e participar a través do chat de acordo coas indicacións da persoa docente. As ditas gravacións conservaranse ao dispor do alumnado e profesorado durante o tempo que dure a acción formativa ou, de ser o caso, ata que finalice a avaliación do alumnado. A retransmisión das sesións formativas, e a gravación destas, poderá ser accesible unicamente para o profesorado e o alumnado ao cal van dirixidas e ao persoal da EGAP autorizado.

Prohíbese expresamente a descarga, a difusión, a distribución ou a divulgación das gravacións, e, particularmente, a súa compartición en redes sociais xa que estes usos poden conculcar o dereito á protección de datos, o dereito á propia imaxe e os dereitos de propiedade intelectual, e poderían xerar responsabilidade disciplinaria, administrativa ou civil. As gravacións non poderán ser usadas para outros fins fóra do ámbito docente.

As persoas interesadas poderán solicitar ante a persoa responsable do tratamento o acceso, rectificación, limitación e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento por motivos relacionados coa súa situación particular, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos. Contacto delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

2. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes das accións formativas necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

3. No caso de que as persoas interesadas se poñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico <novas.egap@xunta.gal>

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

5. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recolleitos nesta convocatoria.

Sétima. Criterios de selección

A admisión levarase a cabo de acordo cos criterios indicados na base segunda desta convocatoria. A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas.

Oitava. Publicación da listaxe do alumnado seleccionado

Na epígrafe desta actividade da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/), publicarase a lista das persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das listaxes foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda ou foron excluídas de acordo co disposto na epígrafe segundo, punto 6, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Novena. Cambios ou substitucións na selección, renuncia, asistencia e seguimento da actividade

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por razóns de conciliación familiar.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada, co envío dun correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, como máximo o día 16 de maio de 2022, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listas de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade. O seguimento da actividade:

a) Son obrigatorias a asistencia á sesión desta actividade formativa e a puntualidade.

b) O seguimento da actividade:

1. Durante a actividade formativa realizaranse controis de seguimento desta actividade.

2. O non seguimento da actividade deberá xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de seguimento desta actividade formativa.

3. Aquelas persoas cun seguimento inferior ao 50 % das horas lectivas da actividade pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décima. Certificado oficial

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de seguimento desta actividade, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas rexistradas sempre que o seu seguimento fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o modo de seguimento da actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo primeira. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2022

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública