Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 22 de abril de 2022 Páx. 24546

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 20 de abril de 2022 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal do Hospital Ribera Povisa a partir do 25 de abril de 2022.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O desempeño da prestación da asistencia sanitaria pública non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este. O que implica a necesidade de conxugar o dito exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, en prol de preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

As seccións sindicais das organizacións CIG, CC.OO., UNENF, SGPS, SATSE e UGT, do comité de empresa do Hospital Ribera Povisa, comunicaron a convocatoria dunha folga que se desenvolverá desde as 7.00 horas do día 25 de abril de 2022, con carácter indefinido, e que afectará a totalidade das traballadoras e traballadores afectados polo convenio colectivo do hospital, sexa cal sexa a súa categoría profesional.

A determinación dos servizos esenciais que deban manterse durante esta folga debe valorar, en primeiro termo, eses aspectos, pois atinxe á prestación asistencial que se dispensa nunha institución con que o Servizo Galego de Saúde ten formalizado un concerto singular para a prestación de servizos de asistencia sanitaria especializada, incluídos na súa carteira de servizos, a determinada poboación beneficiaria da Seguridade Social e protexida polo citado organismo.

Ademais, cómpre subliñar o contexto en que se vai desenvolver a folga, nun escenario de crise sanitaria que ten motivado, como é público e notorio, a progresiva adopción, evolución e adaptación de medidas preventivas, de contención, seguimento e de actuación en materia de saúde pública e asistencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia da evolución da pandemia do coronavirus COVID-19.

Con base no que antecede e logo da audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga referida na parte expositiva deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen na presente orde.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía. E, ao mesmo tempo, responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado e, en especial, no actual contexto sanitario.

De acordo co anterior, debe garantirse a atención ás persoas usuarias que non se pode aprazar sen consecuencias negativas para a saúde. E con esa finalidade establécense os seguintes criterios reitores para o mantemento dos servizos esenciais na institución sanitaria afectada pola folga:

a) Persoal médico:

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente nos seguintes ámbitos:

– Servizos de urxencias e gardas médicas.

– Quirófanos urxentes para a atención das persoas usuarias que requiran intervención cirúrxica inaprazable.

– Salas de partos.

Nas áreas sinaladas é imprescindible a cobertura do 100 % da actividade urxente, dado que non é posible prever as necesidades, por non ser unha actividade programable e, posto que nestes casos é preciso dar unha resposta asistencial inmediata, ten que manterse a cobertura asistencial establecida nos supostos de urxencia.

2. Cobertura do 100 % da actividade nas seguintes áreas:

– Unidades de reanimación.

– Unidades de coidados intensivos, de adultos ou pediátricas e unidades coronarias, de ser o caso.

– Área de diálise.

– Área de tratamentos oncolóxicos (hospital de día).

As unidades de reanimación de coidados intensivos precisan manter a súa cobertura habitual, pois teñen que dar resposta aos quirófanos e ás posibles urxencias que, pola súa gravidade e ante unha posible falta axeitada de resposta, porían en perigo a vida dos/das pacientes.

No caso da diálise e os tratamentos oncolóxicos, a súa demora ou aprazamento poden carrexar un agravamento importante dos/das doentes. Neste senso, as descompensacións do equilibrio hidroelectrolítico por ausencia de tratamento renal substitutivo e a suspensión do tratamento antineoplásico teñen un papel fundamental no aumento de morbilidade dos/das pacientes.

3. Cobertura do 100 % da actividade inaprazable nas unidades de hospitalización por COVID e nas áreas de medicina preventiva, saúde laboral e microbioloxía.

Por mor da crise epidemiolóxica téñense reforzado, precisamente, as unidades e servizos máis directamente relacionados co ingreso de doentes e coa prevención, detección, manexo e tratamento tanto de pacientes como de profesionais con patoloxía suxestiva ou confirmada de infección polo SARS-CoV-2; unidades cuxa plena operatividade resulta, arestora, imprescindible en prol de preservar a saúde e mesmo a vida das persoas.

4. Cobertura da actividade cirúrxica dos/das pacientes, tanto hospitalizados/as como ambulatorios/as, con respecto ás patoloxías que poñan en perigo a súa vida ou agraven o seu estado de saúde, en especial procesos neoplásicos.

Nestes casos a morbilidade e o prognóstico dos/das pacientes poderían agravarse de forma significativa no suposto de que se modificase a planificación realizada. A historia natural de moitas enfermidades graves e oncolóxicas pode evitarse dando a resposta más áxil posible.

5. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir a atención urxente dos/das doentes hospitalizados/as e as altas clínicas.

Os/as pacientes ingresados/as precisan do control axeitado que permita asegurar o seguimento da súa evolución e a supervisión do tratamento, evitando estadías innecesarias que poidan modificar ou complicar a dita evolución. A hospitalización é necesaria nos casos en que a situación clínica do/da paciente o determina, e a súa prolongación excesiva pode ter implicacións clínicas prexudiciais.

6. No ámbito de consulta, así como das interconsultas dos/das pacientes hospitalizados/as que o requiran, atenderanse as consideradas como urxentes no criterio do persoal facultativo. Así mesmo, atenderanse as consultas inaprazables dos/das doentes oncolóxicos/as que requiran tratamento citostático incluíndo os/as doentes desprazados/as.

Dada a importante variedade das patoloxías que se atenden nos centros sanitarios, establécese como criterio de urxencia ou de realización ineludible o do/da facultativo/a responsable da asistencia da persoa enferma. Con isto garántese a necesaria asistencia sanitaria que debe prestarse aos/ás doentes para tentar evitar complicacións e manter o seguimento necesario das súas patoloxías.

7. Garantirase, así mesmo, a realización de determinacións e probas complementarias urxentes e as que se refiren aos/ás pacientes hospitalizados que, no criterio do persoal facultativo, sexan necesarias e inaprazables.

Ao igual que no caso anterior, á vista da grande variedade das patoloxías que se atenden nos centros sanitarios, establécese como criterio de urxencia ou de determinación ineludible o do persoal facultativo responsable da asistencia do/da enfermo/a. Os atrasos na realización destas probas poden comprometer a situación clínica da persoa doente.

8. Garantirase a prescrición de sangue, medicamentos e produtos sanitarios.

Dada a grande variedade das patoloxías que se atenden nos centros sanitarios, establécese como criterio de urxencia ou de dispensa ineludible o do/da facultativo/a responsable da asistencia e a medicación da persoa enferma. As demoras na dispensa dos hemoderivados e os medicamentos poden comprometer a situación clínica do/da paciente.

9. Garantirase a atención necesaria a pacientes subsidiarios/as de hospitalización a domicilio e coidados paliativos.

No caso da hospitalización a domicilio, requírese garantir a prestación asistencial, ao igual que na hospitalización convencional. No que atinxe aos coidados paliativos, dado o limitado prognóstico vital e a complexidade da situación clínica dos/das pacientes tense que garantir o nivel de coidados necesario.

b) Persoal de enfermaría e categorías sanitarias de formación profesional:

Respecto a este colectivo, a xustificación dos criterios reitores obedece substancialmente ao xa sinalado para o caso do persoal facultativo, dado que a asistencia debe ser necesariamente realizada en equipo, sen poder levarse a efecto sen a colaboración do conxunto dos/das profesionais implicados/as.

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente nun triplo ámbito:

– Servizos de urxencias.

– Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención dos/das usuarios/as que requiran intervencións cirúrxicas inaprazables.

– Salas de partos.

2. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir os coidados dos/das pacientes hospitalizados/as, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

3. No ámbito das consultas estableceranse servizos mínimos nun dobre ámbito:

– Apoio a atención das consultas especializadas consideradas como urxentes ou preferentes.

– Así mesmo, atenderanse as consultas inaprazables dos/das pacientes oncolóxicos/as que requiran tratamento citostático incluíndo os/as desprazados/as.

4. No ámbito dos servizos centrais, garantirase a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiran aos/ás doentes hospitalizados/as que, no criterio do persoal facultativo, sexan necesarias e inaprazables, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

5. Garantirase a dispensación de medicamentos, hemoderivados e produtos sanitarios, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

6. Unidades especiais: o número necesario para garantir o coidado dos/das pacientes, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

c) Persoal de xestión e servizos (non sanitario):

1. Urxencias: un número de efectivos que garanta a cobertura do 100 % da actividade urxente.

Na liña indicada para outros colectivos, os dispositivos de urxencias constitúen un servizo vital de atención ininterrompida as 24 horas e todos os días do ano, sendo imprescindible para a prestación do servizo a existencia de persoal de apoio ao propiamente sanitario.

2. Área de hospitalización: un número de efectivos equivalente ao dos domingos ou festivos.

Nesta área é necesaria una prestación continuada do persoal non sanitario equivalente aos efectivos que de xeito habitual prestan servizo nos festivos e domingos, considerándose que por debaixo desas presenzas non se garante a atención aos/ás doentes ingresados/as.

3. Cita previa: un número de efectivos que garanta a atención ao/á paciente que o requira, cun mínimo dun efectivo por centro e ata un máximo do 50 % dos efectivos da quenda.

A situación é variable debido ás diferentes organizacións e infraestruturas dos centros sanitarios, polo que ante una situación de folga e coas incidencias que dela poden derivarse, é preciso manter os mínimos servizos de atención nesta área ás persoas usuarias.

4. Atención ao paciente: un número de efectivos que garanta a atención ao/á doente que o requira, cun mínimo dun efectivo por centro e ata un máximo do 50 % dos efectivos da quenda.

Ao igual que no caso anterior e debido á diferente casuística da organización e infraestrutura dos centros, perante una situación de folga e as incidencias que dela poidan derivarse, cómpre establecer uns mínimos efectivos de atención nesta área, fundamental no apoio ás persoas usuarias e na resolución das problemáticas propias deste ámbito.

5. Servizos de mantemento: un número equivalente ao dos domingos ou festivos.

Nestas áreas de traballo, das que depende o funcionamento de todas as instalacións e equipamentos dos centros, é necesaria una prestación continuada equivalente aos efectivos que de xeito habitual prestan servizo nos festivos e domingos, considerándose que por debaixo desas presenzas non se garante a actividade mínima que garanta o axeitado funcionamento das instalacións e equipos.

6. Servizo de lavandaría e lenzaría: un número equivalente ao dos domingos e festivos.

Neste ámbito é preciso garantir a dispoñibilidade de roupa de doentes e lenzaría para camas e padiolas, así como a dotación de roupa para o persoal que debe traballar en áreas críticas, urxencias e quirófanos; e tamén para resolver as cuestións puntuais que se precisen para una prestación axeitada dos servizos. Considérase que os mínimos necesarios para a súa atención son os que de xeito habitual prestan servizo nos festivos e domingos.

7. Limpeza:

7.1. Áreas de urxencias, laboratorio de urxencias, radiodiagnóstico de urxencias, UCI, área cirúrxica, reanimación postcirúrxica, reanimación cardíaca, oncoloxía radioterápica, hematoloxía, hospital de día, diálise e unidades de hospitalización por COVID: o persoal preciso para garantir o 100 % das presenzas e prestación de limpeza habituais na actualidade.

7.2. Áreas de radioloxía intervencionista, esterilización e hospitalización (non COVID): o persoal preciso para garantir o 70 % das presenzas e prestación de limpeza habituais na actualidade.

7.3. Restantes áreas: o persoal preciso para garantir o 50 % das presenzas e prestación de limpeza habituais na actualidade.

Por mor da hixiene necesaria para a prestación dos servizos sanitarios, neste eido sempre resulta preciso garantir con carácter xeral que as instalacións estean en perfectas condicións de limpeza e hixiene, no que atinxe a zonas de hospitalización de doentes, vestiarios de persoal, áreas críticas, servizos de urxencias e quirófanos, así como nas zonas comúns de uso xeral, pois as eventuais diminucións dos parámetros de limpeza nalgunha delas pode incidir directamente tamén nas outras.

Pero é que ademais, a excepcional situación xurdida por mor da pandemia orixinada polo novo coronavirus SARS-CoV-2 (COVID-19) require dunha serie de medidas específicas para evitar o contaxio da enfermidade infecciosa nas dependencias das institucións sanitarias, tanto respecto aos propios profesionais como ás persoas usuarias dos servizos, así como entre aqueles e estas.

Así e no que atinxe a esta área de actividade, por mor da situación sanitaria e consonte os protocolos establecidos para o efecto cómpre extremar, de cara a evitar o contaxio da enfermidade infecciosa por COVID-19 nas dependencias sanitarias, a limpeza e desinfección daqueles espazos máis directamente relacionados coa prevención, detección, manexo e tratamento de pacientes e de profesionais con patoloxía indiciaria ou confirmada de infección polo SARS-CoV-2; dependencias cuxa plena operatividade e seguridade resultan imprescindibles nas actuais circunstancias.

8. Hostalaría: un número mínimo igual ao dos domingos ou festivos, co máximo do 60 % dos efectivos da quenda, en función do tamaño das prestacións dependentes de hostalaría en cada centro.

Nesta área de traballo é preciso garantir a dispoñibilidade de alimentos dos/das doentes e do persoal de garda. Considérase que os mínimos necesarios para a súa atención son os efectivos que de xeito habitual prestan servizo nos festivos e domingos, para manter unha actividade que garanta que non se rompan os stocks de alimentos preparados nas unidades, sen que sexa posible asumila sen romper a cadea de produción nos restantes días da semana. Por iso, neste caso, considérase necesario tomar como referencia o 60 % do persoal da quenda de traballo, imprescindible para garantir un mínimo funcionamento da cadea de elaboración, empratado, distribución e recollida de comidas e utensilios.

9. Servizos administrativos:

– Información: o número de profesionais necesarios para garantir a debida información aos/ás pacientes e usuarios/as.

A situación é variable debido á diferente organización e estrutura física de cada centro, polo que ante una situación de folga e coas incidencias que dela poden derivarse, é preciso manter unha mínima dotación para prestar atención e información ás persoas usuarias.

– Persoal: o número imprescindible para garantir a atención das incidencias e xestións derivadas da folga e, como máximo, ata o 40 % dos efectivos da quenda.

Nunha xornada de folga, os servizos de recursos humanos deben asumir unha serie de tarefas específicas relacionadas con ela e coa propia xestión dos servizos mínimos, incluíndo a recompilación de información, resolución de incidencias, etcétera, que fan que nesa xornada sexa preciso manter una dotación mínima que permita realizar todas esas xestións, ademais daqueloutras tarefas que non admitan demora por estaren suxeitas a prazos fixados normativamente.

– Subministracións: o número imprescindible para garantir os pedidos urxentes cun máximo do 25 % dos efectivos da quenda.

Neste ámbito de traballo cómpre garantir a dispoñibilidade de todo tipo de material, sanitario e non sanitario, para a correcta atención das persoas ingresadas e das atendidas no servizo de urxencias. Para iso é preciso manter efectivos nas unidades administrativas encargadas da tramitación e xestión dos pedidos de material.

– Almacén: un número imprescindible para a xestión do almacén cun máximo do 25 % dos efectivos da quenda.

Nesta área de actividade, ao igual que no caso anterior, é preciso unha dotación de efectivos nos almacéns encargados da xestión dos pedidos de material que inclúe a súa preparación e envío ás unidades de subministracións.

– Contabilidade: un número imprescindible para as xestións urxentes co máximo do 25 % dos efectivos da quenda.

É necesario garantir a tramitación e xestións de carácter urxente que poidan ser requiridas respecto ás tarefas administrativas de contabilidade.

d) Persoal das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC): na quenda da mañá, 1 efectivo de presenza física; nas quendas da tarde e da noite, 1 efectivo localizado por quenda. Estes efectivos resultan imprescindibles para atender as incidencias urxentes ou de carácter inaprazable nas áreas de actividade da súa competencia.

e) Outras áreas de traballo ou servizos: establecerase con carácter xeral un número equivalente ao dos domingos ou festivos.

Nas restantes áreas de actividade nas que sexa necesaria unha prestación continuada dos servizos para o seu correcto funcionamento, e que nese senso xa dispoñen de persoal os domingos e festivos, os mínimos necesarios son os que traballan de xeito habitual neses días, considerándose que por debaixo das citadas presenzas non se garante a prestación do servizo esencial que garanta o axeitado funcionamento da institución sanitaria.

Artigo 2

A determinación do persoal necesario con base nos criterios anteriores deberá estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de servizos mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios do centro con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será determinada pola dirección do centro e notificada aos profesionais designados.

O persoal designado para a cobertura dos servizos mínimos que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro traballador ou traballadora que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

Conforme os criterios descritos, no anexo desta orde recóllese o número de presenzas mínimas acordado para cubrir as xornadas de folga.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos precedentes non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os preceptos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base, así mesmo, nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Efectivos de servizos mínimos

– Servizos sanitarios de atención hospitalaria do Hospital Ribera Povisa.

Enfermaría

Plantas de Hospitalización

Persoal de domingos

Planta COVID

Persoal habitual

Quirófano e esterilización.

Postoperatorio. URPA

Persoal de domingos e quirófanos oncolóxicos e inaprazables incluídas as P1 entre un 30 e un 50 % con información da programación cirúrxica ao Comité de Folga cada xoves.

Consultas ambulatorias

Persoal necesario para atender as consultas de pacientes oncolóxicos, preferentes e/ou urxentes e Clínica Dor

(r/ Gran Vía: 3 TCAE e 2 enferm. (30 %); r/ Barcelona: 2 TCAE e

1 enferm.) mañá e 1 enferm. de tarde en cada policlínica.

Nefroloxía

Persoal habitual (enferm. 6M + 4T) e (TCAE 2M e 2T)

Hospital de Día

Persoal habitual

Partos

Persoal habitual (1 TCAE en cada quenda)

Urxencias-UCO

Persoal habitual

UVI-UDI-UMI

Paciente Crónico Complexo

Persoal habitual

Urxencias Pediatría

1 enferm. e 1 TCAE mañá

1 enferm. e 1 TCAE tarde

Queimados

Persoal habitual

Dixestivo

2 enferm. e 2 TCAE mañá e tarde

(50 % persoal habitual)

HADO-Paliativos

Persoal habitual

UCMA

1 enferm. e 1 TCAE mañá

1 enferm. e 1 TCAE tarde

Gardas intervencionismo,

supervisión e equipo transplante

Persoal habitual

Fisioterapia

Persoal de fin de semana (2 fisioterapeutas)

Servizos centrais

Laboratorio

4 técnicos mañá + 1 tarde e 1 noite

(50 % persoal habitual)

Microbioloxía

Persoal habitual

Banco de Sangue

Persoal habitual

Anatomía Patolóxica

3 téc. + 1 admtvo. mañá e 1 téc. tarde

(50 % persoal habitual)

Farmacia

4 enferm. mañá + 1 tarde

3 TCAE mañá e 1 tarde

Litotripsia

1 enferm. mañá (martes e xoves)

Radioloxía Xeral

3 téc. mañá e tarde

1 TCAE mañá e tarde

Mamografías

1 téc. mañá e tarde

TAC

1 téc. mañá e tarde

1 TCAE mañá e tarde

RMN

1 téc. mañá e tarde

Intervencionismo

1 enferm. téc. mañá e tarde + 1 t/p

Radioterapia

Persoal habitual

Medicina Nuclear

Persoal habitual

Radiofísica

Persoal habitual

Administrativos/as

Arquivo

1 admtvo. mañá

Recepción

4 admtvos. mañá, 4 tarde + 1 quenda partida

Urxencias

Persoal habitual

Atención ao Paciente

1 admtvo.

Dirección Xeral

1 admtvo.

Persoal

2 admtvos.

Dpto. Financeiro

2 admtvos.

Telefonistas

1 mañá + 1 tarde

Servizos xerais

Mantemento

Persoal de domingos + 1 electrónico mañá, 1 tarde

Informática

2 mañá, 2 tarde

Limpeza

Persoal habitual

Almacén

2 almaceneiros + 1 admtvo.

Servizo de Hostalaría

Persoal de domingos

Lenzaría

1 persoa

Servizos médicos

Plantas de Hospitalización

80 % persoal habitual

Laboratorio

80 % persoal habitual

Anatomía Patolóxica

80 % persoal habitual

Dixestivo

50 % persoal habitual

Farmacia

80 % persoal habitual

Radioloxía Xeral

50 % persoal habitual

Quirófano e Postoperatorio

50 % persoal habitual

Nefroloxía

Persoal habitual

Urxencias-UCO

Persoal habitual

UVI-UDI-UMI

Persoal habitual

Intervencionismo

Persoal habitual

Queimados

Persoal habitual

HADO

Persoal habitual

Clínica de Día

Persoal habitual

Radioterapia

Persoal habitual

Medicina Nuclear

Persoal habitual

Microbioloxía

Persoal habitual

Consultas ambulatorias

Persoal necesario para atender as consultas de pacientes oncolóxicos, preferentes e/ou urxentes

Dor

80 % persoal habitual