Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Luns, 11 de abril de 2022 Páx. 22922

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

EXTRACTO da Orde do 29 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais (código de procedemento SA500A).

BDNS (Identif.): 619890.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, e outras organizacións, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar legalmente constituídas, polo menos, con dous anos de antelación á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico. As entidades solicitantes deberán de estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS). O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio pola Administración. Este requisito entenderase cumprido coa presentación da solicitude de inscrición dentro do prazo de presentación das solicitudes que establece o artigo 8.3. En todo caso, a entidade deberá de estar debidamente inscrita no momento de pagamento da subvención.

b) Carecer de ánimo de lucro.

c) Ter o seu domicilio social ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

e) Que teña entre os seus fins estatutarios actividades de axuda e apoio aos colectivos aos que se dirixe a subvención: persoas con trastorno mental ou adiccións.

f) As entidades que formen parte dunha federación ou persoa xurídica similar de ámbito autonómico poderán solicitar as axudas a través de estas.

g) Desenvolver as súas actividades de xeito efectivo, contando con medios persoais e materiais necesarios, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

2. Dentro dos límites da lexislación autonómica tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de organizacións sen personalidade xurídica nos seguintes termos:

a) Cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no número 1 deste artigo.

b) Deberán indicar os compromisos asumidos por cada un dos seus membros e o importe da subvención a aplicar a cada un deles.

c) Deberán nomear unha persoa en representación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.

d) Non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. No caso de que algunha das entidades solicitantes sexa unha federación, confederación ou persoa xurídica similar que integre no seu seo a varias entidades, poderá propoñer de entre estas unha ou varias entidades para executar os programas, as cales actuarán no nome e por conta da entidade solicitante.

4. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria de axudas ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais e dos trastornos adictivos (código de procedemento SA500A).

O contido dos programas que se desenvolverán durante o ano 2022 deberá axustarse, de conformidade coa tipoloxía de cada programa recollido no anexo I, ás seguintes liñas de actuación:

Liña I. Proxectos de investimento en melloras nos centros sanitarios cuxa actividade principal sexa o desenvolvemento de programas asistenciais e psicosociais ou preventivos en materia de trastornos mentais (incluídos os trastornos adictivos).

Liña II. Programas de intervención comunitaria en persoas con trastorno mental severo (incluídos os trastornos adictivos).

Liña III. Programas de prevención de recaídas en alcoholismo e adiccións comportamentais.

Liña IV. Programas de incorporación social e fomento do emprego en persoas con trastornos mentais (incluídos os trastornos adictivos).

Liña V. Programas de prevención do suicidio.

Habilítase na sede electrónica da Xunta de Galicia o código SA500A para este procedemento administrativo.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 29 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais (código de procedemento SA500A).

Cuarto. Contía

Para o financiamento destas axudas destínase crédito por un importe total de oitocentos corenta e un mil cento setenta e sete euros (841.177,00 €) que se financiarán con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022. Do dito importe, douscentos sesenta e cinco mil trescentos dezaoito euros (265.318,00 €) corresponden á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF destinado á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario e o resto a fondos propios libres.

As aplicacións orzamentarias, códigos de proxecto e os créditos de cada liña desagréganse de acordo co indicado na seguinte táboa:

Liñas de actuación

Aplicación

Código

Importe

Liña I:

5001.413A.781.30

201800005

165.318,00 €

Liña II:

5001.413A.481.32

2021 00001

445.462,00 €

Liña III:

5001.413A.481.21

2014 00027

65.198,50 €

Liña IV:

5001.413A.481.21

2014 00027

65.198,50 €

Liña V:

5001.413A.481.34

2022 00004

100.000,00 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O dito prazo deberá computarse de conformidade co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sexto. Outros datos

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (anexo II) co código SA500A.

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na cal fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/Chave365).

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade