Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Xoves, 7 de abril de 2022 Páx. 22442

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

ACORDO do 30 de marzo de 2022 polo que se anuncia a apertura dunha convocatoria pública para a presentación de solicitudes de autorizacións para a utilización de instalacións de atracada en pantaláns en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia para embarcacións profesionais, principalmente de terceira e cuarta lista, nos portos de Ribadeo, Burela, Morás, Celeiro, O Barqueiro, Barallobre, Mugardos, Ares, O Freixo, O Testal, Ribeira, Palmeira, O Carril, Campelo e Bueu (código de procedemento IF503A).

Ao atoparse as instalacións de atracada para embarcacións profesionais destinadas ao sector pesqueiro do Freixo, O Testal, Ribeira, Palmeira, Carril, Campelo e Bueu en proceso de remodelación, é preciso que as embarcacións que desexen obter unha praza de amarre, utilicen ou non na actualidade unha atracada, soliciten a correspondente autorización.

Por este motivo, anúnciase a apertura dunha convocatoria pública para a presentación de solicitudes nos citados portos.

Por outra banda, as autorizacións outorgadas nos portos de Ribadeo, Burela, Morás, Celeiro, O Barqueiro, Barallobre, Mugardos e Ares precisan ser renovadas.

As autorizacións de atracada solicitaranse e adxudicaranse de conformidade co establecido no procedemento IF503A publicado na sede electrónica da Xunta de Galicia, para o que deberán achegar a documentación indicada no dito procedemento.

As instalacións que se poñen á disposición son as indicadas na web de Portos de Galicia www.portosdegalicia.com, na seguinte ligazón:

https://www.portosdegalicia.gal/solicitudes_atracadas_profesionais

Neste sitio poderase consultar a tipoloxía de prazas de atracada postas á disposición, as frotas a que van dirixidas, así como a súa localización. Non obstante, a distribución, o tamaño, ou calquera outra característica das prazas, poderase modificar durante a convocatoria por motivos de explotación portuaria debidamente xustificada.

Nos portos onde exista máis demanda que oferta de prazas, os criterios de selección serán os indicados na condición décimo primeira da Resolución do 29 de marzo de 2022 pola que se aproba o procedemento de autorización para a utilización de instalacións de atracada en pantalán, fondeo e depósito en seco, en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, para embarcacións profesionais de 3ª, 4ª e 5ª lista.

Como criterio específico ao procedemento, para os efectos de asignación de prazas de amarre, as vendas/ou descargas realizadas pola embarcación solicitante nun porto distinto do porto onde se solicita a atracada diminuirase multiplicando o importe declarado por 0,75, se se trata dun porto autonómico, e por 0,5 se se trata dun porto estatal.

A este respecto, para xustificar a descarga nun porto por parte das embarcacións profesionais para servizo da acuicultura, deberase presentar certificado de descarga no dito porto, emitido pola asociación ou entidade que acredite as ditas descargas, en que se especifique o porto e os kg por especies descargadas no período indicado no procedemento. Estes datos poderán ser contrastados por Portos de Galicia.

Como característica específica, no porto de Carril as embarcación de acuicultura de servizo aos parques de cultivo, de ser o caso, acreditarán a súa actividade mediante o volume de vendas na lonxa de Carril.

Nos portos do Freixo, O Testal, Ribeira, Palmeira, Carril, Campelo e Bueu, tendo en conta que se trata de remodelacións de pantaláns existentes que precisan reasignación de atracada, considérase o disposto no punto 6 da condición décima da resolución, polo que segundo o indicado no citado procedemento, ábrese un prazo específico de presentación de solicitudes dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Transcorrido o prazo de presentación, analizaranse as solicitudes achegadas nese período segundo os criterios xerais e específicos da convocatoria, e realizarase unha proposta de asignación de atracadas entre todas as presentadas. A asignación de prazas realizarase atendendo ás características da embarcación e da instalación en canto a calado e lonxitude de atracada, ou outros condicionantes que puidesen existir.

Non obstante, dado que o procedemento queda aberto, poderanse presentar solicitudes a partir desa data, pero non serán tidas en conta na primeira asignación de prazas, sendo posible a súa autorización se existen prazas vacantes.

Nos portos de Ribadeo, Burela, Morás, Celeiro, O Barqueiro, Barallobre, Mugardos e Ares, posto que se trata dunha renovación de prazas de amarre, a convocatoria queda aberta.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2022

Susana Lenguas Gil
Presidenta de Portos de Galicia