Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 6 de abril de 2022 Páx. 22089

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 1 de abril de 2022 pola que se modifica a Orde do 31 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR605A).

BDNS (Identif.): 610155.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Modifícase o artigo 1, Obxecto, no seu punto 2, alínea a):

«a) Liña I (medida Feader 8.3 axudas para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes): axudas para realizar tratamentos silvícolas (prácticas preventivas, de carácter local e a pequena escala, que permitan crear descontinuidades verticais e horizontais da cuberta vexetal e o control selectivo de combustible, como son rozas, desmestas, rareos e podas), coa finalidade de prevención de incendios e as axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras, e especificamente en piñeirais de piñeiro do país (Pinus pinaster), piñeiro insigne (Pinus radiata) e piñeiro negral (Pinus nigra)».

Segundo. Modifícase o artigo 2, Ámbito de aplicación, no seu punto 1:

«1. O disposto nesta orde será de aplicación para todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con exclusión:

a) Dos bosques ou outras superficies forestais que sexan propiedade da Administración central ou autonómica.

b) Dos bosques e outras superficies forestais propiedade da Coroa.

c) Dos bosques que pertenzan a empresas públicas.

d) Dos bosques propiedade de persoas xurídicas, cando polo menos o 50 % do seu capital pertenza a algunha das institucións anteriormente citadas.

e) Dos terreos cun proceso iniciado de expropiación forzosa.

f) Dos terreos que dentro da Rede Natura 2000 teñan hábitats prioritarios establecidos na Directiva 92/43/CEE, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.

g) Para as actuacións incluídas no artigo 5.1.a).3º (axudas para as accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras), a totalidade dos terreos dentro da Rede Natura 2000, na súa totalidade, zonas de protección lateral do Camiño de Santiago ou se están afectadas pola normativa de patrimonio cultural de Galicia, conforme o Decreto 232/2008, do 2 de outubro, sobre o Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia».

Terceiro. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes remata o día 29 de abril de 2022.

2. Os traballos solicitados na solicitude de axuda non poderán iniciarse antes da inspección previa a que se refire o artigo 17 desta orde e estarán condicionados á aprobación da axuda.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural