Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 31 de marzo de 2022 Páx. 20991

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ANUNCIO do 16 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, polo que se emprazan os interesados no procedemento ordinario 8/2022, seguido na Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

MJTR interpuxo recurso contencioso-administrativo en relación coa falta de resposta ao recurso de reposición interposto contra a Orde do 4 de xuño de 2020 (DOG do 22 de xuño) pola que se convoca procedemento de acceso aos corpos de catedráticos de ensino secundario, de artes plásticas e deseño e de escolas oficiais de idiomas. O citado recurso contencioso-administrativo tramítase como procedemento ordinario 8/2022 na Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

No recurso de reposición, a persoa recorrente criticaba o anexo II da orde, no cal se recolle o baremo de méritos, en concreto a epígrafe II, relativa aos cursos de formación e perfeccionamento.

No Oficio do 31 de xaneiro de 2022 da Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, emitido con ocasión do procedemento ordinario 8/2022, requíreselle a esta consellería que se anuncie o recurso contencioso-administrativo no Diario Oficial de Galicia. Así pois, tendo en conta o dito requirimento, de conformidade co disposto no artigo 45.1.a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e en cumprimento do sinalado no artigo 49 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, publícase este anuncio para que lles sirva de notificación aos eventuais interesados.

As persoas que poidan resultar interesadas poden comparecer e constituirse como parte no proceso xudicial indicado, na Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (praza de Galicia, s/n, na cidade da Coruña), no prazo de nove días contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2022

Jesús Manuel Álvarez Bértolo
Director xeral de Centros e Recursos Humanos