Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 30 de marzo de 2022 Páx. 20461

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

DECRETO 37/2022, do 24 de marzo, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos da expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de mellora do comportamento hidráulico do río Broi, en Viladesuso, Oia, fase 2, no termo municipal de Oia (Pontevedra).

O Concello de Oia (Pontevedra), en sesión do día 27 de maio de 2021, acordou solicitar á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa do proxecto de mellora do comportamento hidráulico do río Broi, en Viladesuso, Oia, fase 2, ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu á información pública.

O 13 de decembro de 2021 tivo entrada no rexistro da Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia a solicitude do Concello de Oia (Pontevedra) e o seu expediente. Con data do 15 de decembro de 2021 foi requirida diversa documentación ao Concello, a cal foi remitida con datas do 13 de xaneiro, 15 e 16 de marzo de 2022. O expediente contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración da urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que a actuación consistente na mellora do comportamento hidráulico sobre a canle do río Broi pretende actuar nunha zona onde ano tras ano se veñen producindo inundacións cada inverno, con cuantiosos danos en bens materiais e risco para as persoas e propiedades, que resulta imprescindible atallar de maneira definitiva, o cal só será posible coa execución prevista,que supón ocupar e dispor de franxas de terreos de distintos propietarios particulares.

De acordo coa explicación técnica contida no propio proxecto, trátase dun río tremendamente torrencial e cun gran poder erosivo, potenciado polo aumento de caudal e a diminución do tempo ao pico do hidrograma, consecuencias directas dos incendios de 2006 sobre a bacía, coa perda de cobertura vexetal e a creación de sedimento fino e impermeable (as cinzas).

Como consecuencia disto, a cantidade de auga que infiltra o terreo é menor, aumentando o caudal de escorrentía; resumidamente, chega máis auga e máis rápido ao leito, en caso de choiva. Asemade, a abundancia de cinzas obstrúe estruturas de paso. A isto súmase que se trata dunha zona de elevada pendente e substrato rochoso, o que provoca que nos últimos invernos se produce o arrastre de pezas de rocha con tamaños anormais nunca observados antes.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de marzo de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de mellora do comportamento hidráulico do río Broi, en Viladesuso, Oia, fase 2, no termo municipal de Oia (Pontevedra), que deben, de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Pontevedra, vinte e catro de marzo de dous mil vinte e dous

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro
de Presidencia, Xustiza e Turismo