Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 28 de marzo de 2022 Páx. 19935

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2022 pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para a xestión e organización das actividades que conforman o programa de desenvolvemento do Polo de aceleración do sector de videoxogos para impulso do sector financiado ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 como resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19 (código de procedemento CT207I).

A Axencia Galega das Industrias Culturais (en adiante, Agadic) está a desenvolver un programa de impulso da innovación no sector audiovisual e do videoxogo co obxectivo de situar Galicia como un referente na xeración de contidos e producións competitivas a nivel global e, particularmente, fomentar a competitividade tecnolóxica e non tecnolóxica das empresas galegas de toda a cadea de valor tanto no campo do audiovisual como do videoxogo.

Neste sentido, a Axencia Galega das Industrias Culturais deseñou, entre as liñas de acción para o impulso do Hub audiovisual e industria cultural creativa, unha liña específica dirixida á captación e apoio ao talento, para que a través de polos de aceleración se poida instrumentalizar un elenco de ferramentas que permita a profesionalización empresarial da base creativa da industria galega, particularmente en campos como os videoxogos e contidos interactivos.

Por primeira vez, desde a Agadic establécese unha acción específica para o desenvolvemento do sector dos videoxogos, un segmento con amplas posibilidades de crecemento ao que se quere dar un impulso.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, prevé a posibilidade de contar con entidades colaboradoras no procedemento de xestión de axudas públicas. Neste sentido, o seu artigo 9 establece que será entidade colaboradora aquela que, actuando en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, entregue e distribúa os fondos públicos ás persoas beneficiarias cando así se estableza nunhas bases reguladoras, ou colabore na xestión da subvención.

Igualmente, establece no artigo 13.4 que cando as entidades colaboradoras sexan persoas suxeitas a dereito privado, seleccionaranse previamente mediante un procedemento sometido aos principios de publicidade, concorrencia, igualdade e non discriminación, e a colaboración formalizarase mediante convenio, salvo que polo obxecto da colaboración resulte de aplicación plena a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

Polo exposto, en virtude as atribucións e competencias

RESOLVO:

Artigo 1. Convocatoria

Convócase o procedemento para a selección da entidade colaboradora que participará na xestión e na realización de todas as actividades que compoñen o programa de desenvolvemento do Polo de aceleración do sector dos videoxogos, de acordo coa Resolución da Axencia Galega das Industrias Culturais pola que se establezan as bases de participación no devandito Polo de aceleración (código de procedemento CT207I).

Por iso, desde a Axencia Galega das Industrias Culturais deseñouse, entre as liñas de acción para o impulso do Hub audiovisual e industria cultural creativa, unha liña específica dirixida á captación e apoio ao talento, para que a través de polos de aceleración se poida instrumentalizar un elenco de ferramentas que permita a profesionalización empresarial da base creativa da industria galega, particularmente en campos como os videoxogos e contidos interactivos.

Estas liñas de traballo incluídas no Hub audiovisual-industria creativa financiadas ao 100 % cos fondos REACT-UE, concordan perfectamente co espírito da UE cando recomenda que a intervención dos fondos Feder no ámbito da cultura deben dirixirse a apoiar sectores culturais estreitamente ligados á innovación e á creatividade, co fin de propiciar industrias altamente competitivas que contribúan ao emprego e ao crecemento.

Concretamente, esta actuación corresponde a:

Eixe prioritario: 20. Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais, e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía.

Prioridade de investimento 13.i) Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais, e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía.

Obxectivo específico OE 20.1.3.2 OE REACT-UE 3.2.

Actuación CPSO 20.1.3.2.4: axudas para o impulso da industria cultural e creativa galega.

Campo de intervención 067: desenvolvemento empresarial das pemes, apoio ao espírito de empresa e á incubación (incluído o apoio a empresas incipientes e empresas derivadas).

Liña de actuación 81: medidas de impulso do sector audiovisual.

Indicador de resultado: R03A: taxa de supervivencia nacional/rexional de pemes no 4º ano de vida.

Artigo 2. Obxecto da colaboración

O obxecto da colaboración é o deseño, a xestión e o desenvolvemento das actividades do programa de desenvolvemento do Polo de aceleración: consultoría, mentoring, presentación e difusión de proxectos, participación en eventos do sector dos videoxogos das entidades seleccionadas como beneficiarias para participar no devandito Polo de aceleración.

Para estes efectos, subscribirase o oportuno convenio de colaboración entre a entidade colaboradora e a Agadic, segundo o modelo que figura como anexo I desta convocatoria.

Artigo 3. Requisitos e condicións de solvencia

Poderán ser entidades colaboradoras as entidades asociativas con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar, validamente constituídas e que cumpran os seguintes requisitos:

– Non ter ánimo de lucro.

– Desenvolver o seu traballo no ámbito territorial en Galicia.

– Ter experiencia e coñecemento do sector dos videoxogos.

– Ter experiencia acreditada na organización e participación en actividades de difusión do sector dos videoxogos no eido da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Poder acreditar a súa solvencia económica por algún dos medios previstos no artigo 87.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

A entidade colaboradora actuará en nome do órgano concedente para todos os efectos relacionados co programa, xestionando e desenvolvendo as actividades en que participarán as entidades seleccionadas para ser beneficiarias do Polo de aceleración de videoxogos.

Artigo 4. Prazo de duración

O prazo de duración da colaboración estenderase desde o momento da sinatura do correspondente convenio á finalización da súa vixencia, que non poderá ser superior ao 30 de outubro de 2023.

O convenio poderá ser obxecto de prórroga dentro dos límites establecidos no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Obrigas e compromisos da entidade colaboradora

Sen prexuízo do establecido no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, son obrigas da entidade colaboradora:

– Estar ao día no pagamento das obrigas coa Facenda pública do Estado e da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

– Non estar incursa en ningunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

– Cumprir cos criterios establecidos no convenio asinado coa Agadic.

– Actuar en nome da Agadic na realización das actividades obxecto do Polo de aceleración.

– Conservar a documentación relacionada con esta convocatoria durante o período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas anuais en que estean incluídos os gastos da operación (artigo 125.4.d) e 140.1 do Regulamento 1303/2013). O órgano concedente informará o beneficiario da data de inicio a que se refire esta obriga.

– Cumprir, en materia de protección de datos, co Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos; coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; e as demais disposicións vixentes sobre a materia.

– Deixar clara constancia nos seus rexistros contables e así facilitar a axeitada xustificación da axuda e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas, de acordo co disposto no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para isto, deberá manter un sistema de contabilidade separada ou código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta resolución.

– Cumprir a normativa aplicable ao Feder, en particular, o Regulamento (UE) núm. 1303/2013 e ao Regulamento (UE) núm. 1301/2013, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

– Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión, ás comprobacións do artigo 125 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Consello e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

– Comunicar á Agadic os logros acadados nos indicadores de produtividade:

• CO01-Número de empresas que reciben axudas.

• CO02-Número de empresas que reciben subvencións.

• CO04-Número de empresas que reciben axudas non financeiras.

• CO05-Número de novas empresas beneficiarias da axuda.

– Dar publicidade ás axudas recibidas nos contratos de servizos, así como en calquera outro convenio ou contrato relacionado coa execución da actuación, incluída a subcontratación, e en axudas, publicacións, relatorios, equipos, material inventariable e actividades de difusión de resultados financiadas con elas, mencionando expresamente a súa orixe e o financiamento con fondos estruturais da Unión Europea. Ademais, deberán publicar a concesión da axuda na páxina web e mantela actualizada. Na páxina web deberán figurar, como mínimo, os obxectivos e os principais avances. Concretamente, na documentación, carteis, propaganda ou publicacións que se elaboren para a súa difusión pública deberá figurar o logotipo da Xunta de Galicia e a frase «Axencia Galega das Industrias Culturais» así como financiado con cargo aos fondos Feder. Así mesmo, deberá informarse que foi apoiado pola Xunta de Galicia.

Ao tratarse de operacións financiadas con fondos estruturais da Unión Europea, en concreto, do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 como resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, no marco do Obxectivo específico OE 20.1.3.2- OE REACT-UE 3.2 «Apoio a medidas de axuda económicas nas rexións máis dependentes dos sectores máis afectados pola crise da COVID-19, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, punto 2.2, do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 e atendendo ao sinalado no capítulo II do Regulamento de execución (UE) núm. 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, o beneficiario deberá, durante a realización da operación:

1. Recoñecer o apoio do Feder á operación mostrando en todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo o emblema da Unión, así como referencias á Unión Europea, ao Fondo Feder e unha mención a que a operación está financiada como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19. Tamén se incluirá o lema «Unha maneira de facer Europa».

2. Informar o público do apoio obtido do Feder durante a realización do proxecto facendo unha breve descrición na páxina web da entidade beneficiaria, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión. Cando se mencione o Fondo Feder completarase cunha referencia relativa a que se financia como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19.

Artigo 6. Criterios de selección da entidade colaboradora

A puntuación total é de 35 puntos, repartidos segundo consta no cadro que segue:

Proposta técnica

15 puntos

Proposta en materia de comunicación directa cos operadores do sector

10 puntos

Experiencia na realización de actividades semellantes no sector do videoxogos

10 puntos

Os criterios obxectivos que servirán de base para a adxudicación deste procedemento de selección son os seguintes:

Proposta técnica que describa con amplitude e detalle precisos todos os elementos necesarios para a articulación da colaboración solicitada (ata 15 puntos).

– Congruencia entre as ferramentas propostas e os resultados que se pretenden acadar, valorarase de 1 a 5 puntos.

– Flexibilidade na adaptación do servizo ás necesidades da empresa receptora, valorarase de 1 a 5 puntos.

– Proporcionalidade entre as distintas actividades que hai que desenvolver, valorarase cun máximo de 1 a 5 puntos.

Proposta en materia de comunicación directa cos operadores do sector (ata 10 puntos); valoraranse as accións de comunicación que permitan aos operadores do sector coñecer a existencia do Polo de aceleración e aos seus participantes.

Cada acción proposta valorarase con 2 puntos, ata un máximo de 10 puntos.

Experiencia na realización de actividades semellantes no sector dos videoxogos (ata 10 puntos).

– Valoraranse as actividades, impartidas ou recibidas, no sector dos videoxogos ou actividades análogas. Cada actividade valorarase con 1 punto ata un máximo de 6 puntos.

– Notoriedade do equipo humano participante, valorarase cun máximo de 4 puntos.

– Experiencia do equipo humano participante, valorarase cun máximo de 4 puntos.

Artigo 7. Lugar, forma e prazo de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, segundo o modelo que se inclúe como anexo II a esta resolución.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realiza a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo máximo de presentación das solicitudes será de quince días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación administrativa:

– Escritura de constitución/modificación.

– Poderes acreditativos da representación da persoa que asina a solicitude de participación.

– Proposta técnica, memoria e toda a documentación que a xuízo da entidade permita á Administración valorar a solicitude conforme os criterios obxectivos fixados no artigo sexto.

– As seguintes declaracións responsables, recollidas no anexo II:

• Declaración responsable de non estar incursa nas prohibicións para obter a condición de entidade colaboradora do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

• Declaración responsable do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 3 sen prexuízo da súa verificación ou acreditación posterior.

• Declaración responsable de que ten a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto obxecto desta convocatoria.

• Declaración responsable de cumprimento dos requisitos de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352/1 do 24.12.2013).

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen achegados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración.

Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderase solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

3. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento do procedemento o exixa ou existan dúbidas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– NIF da entidade solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT, coa Administración pública da Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Órganos competentes

A dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais é o órgano competente para a instrución deste procedemento, así como para realizar a proposta de resolución ao presidente do Consello Reitor a quen corresponderá ditar a resolución que corresponda.

A Comisión de Valoración é o órgano competente para valorar as propostas presentadas e o seu funcionamento rexerase polo establecido para os órganos colexiados na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. Estará formado por 3 vogais designados polo director da Axencia entre persoas do seu cadro de persoal. A súa presidencia recaerá na persoa responsable da Dirección da Agadic, ou persoa en quen delegue, e a secretaría será desempeñada por unha persoa do cadro de persoal da Agadic, que non terá dereito a voto.

Previamente á cualificación das solicitudes, elaborará unha acta en que concrete os criterios definidos no artigo 6 para aplicalos de xeito obxectivo. Así mesmo, tras a súa avaliación deixarase constancia documental cun informe da motivación das puntuacións.

Artigo 11. Resolución

A Dirección da Agadic, á vista do informe técnico do persoal da Axencia que valorará as solicitudes, realizará unha proposta motivada de resolución para elevar á presidencia do Consello Reitor da Agadic.

A aceptación como entidade seleccionada implica a aceptación da inclusión da operación e os seus datos na listaxe de operación prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello de 17 de decembro de 2013 (RDC) e de acordo cos requisitos previsto no anexo XII do devandito regulamento, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Hacienda https://www.dgfc.sepg.hacienda.gob.es/sitios/dgfc/es_ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás entidades interesadas será de 10 días naturais, contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as entidades interesadas, poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo de conformidade co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para os efectos desta convocatoria, o presente convenio de colaboración terá a condición de documento polo cal se establecen as condicións da axuda (DECA).

Artigo 12. Notificacións

As notificacións das resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou móbil que consten na solicitude.

Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Agadic practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Subcontratación

A entidade colaboradora poderá subcontratar a execución dalgunhas das actividades que conforman o programa do Polo de aceleración, agás as funcións de mediación, supervisión e control do desenvolvemento das actividades obxecto do Polo de aceleración e sempre que a subcontratación non aumente o custo da actividade sen achegar valor engadido a esta.

Para estes efectos a entidade colaboradora respectará o previsto no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 16. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 17. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá pór tales feitos en coñecemento do Servicio Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto:

https://www.conselleriadefacenda.eswww.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

A detección de irregularidades pode implica a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entra en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, na páxina web da Agadic e no seu taboleiro.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2022

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

ANEXO I

Convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais e (entidade colaboradora) para a xestión e realización das actividades do programa de desenvolvemento do Polo de aceleración no sector dos videoxogos para impulso do sector financiado ao 100 % no marco do eixo REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 como resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19

Santiago de Compostela, xxxx de xxxxx do 2022

Reunidos:

Dunha parte, Román Rodríguez González, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, en nome e representación da Axencia Galega das Industrias Culturais con NIF Q6550009B e enderezo na Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás, s/n, Santiago de Compostela, en calidade de presidente do Consello Reitor no exercicio das facultades e demais funcións que lle foron conferidas por razón do seu cargo pola Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, e o Decreto 150/2012, do 12 de xullo, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais, modificado polo Decreto 53/2021, do 18 de marzo, polo que se modifica o Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais.

Doutra parte, xxx en nome e representación da entidade ... na súa condición de ... en virtude das facultades emanadas de ....

Ambas as dúas partes interveñen no nome e representación das súas respectivas institucións no exercicio das competencias que lles están legalmente atribuídas, e recoñécense mutua e reciprocamente capacidade para se obrigaren mediante o presente convenio nos termos que nel se conteñen e, para o efecto,

Manifestan:

Primeiro. A Axencia Galega das Industrias Culturais está a desenvolver un programa de impulso da innovación no sector audiovisual e do videoxogo co obxectivo de situar Galicia como un referente na xeración de contidos e producións competitivas a nivel global e, particularmente, fomentar a competitividade tecnolóxica e non tecnolóxica das empresas galegas de toda a cadea de valor tanto no campo do audiovisual como do videoxogo.

Segundo. Que a Axencia Galega das Industrias Culturais deseñou entre as liñas de acción para o impulso do Hub audiovisual, unha dirixida á captación e apoio ao talento, para que a través de polos de aceleración se poida instrumentalizar un elenco de ferramentas que permita a profesionalización empresarial da base creativa da industria galega, particularmente en campos como o videoxogo. Esta liña de acción conta co financiamento do Fondo Europeo Feder que financia actividades ao 100 % dentro do eixo REACT-UE, do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 como resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, no marco do Obxectivo específico OE 20.1.3.2- OE REACT-UE 3.2 «Apoio a medidas de axuda económicas nas rexións máis dependentes dos sectores máis afectados pola crise da COVID-19, concretamente encaixa na liña de actuación 81 «Medidas de impulso ao sector audiovisual», categoría de intervención 067 e actuación CPSO 20.1.3.2.4 Axudas para o impulso da industria cultural e creativa galega.

Terceiro. O programa do Polo de aceleración está dirixido a proxectos emprendedores polo que as beneficiarias deberán ser novas empresas, físicas ou xurídicas, con menos de 10 meses de existencia, desde o seu inicio de actividade en calquera dos ámbitos da cadea de valor da industria dos videoxogos e contidos interactivos, con sucursal ou oficina permanente na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.

Cuarto. A entidade xxxxxxx conforme a Resolución da Agadic de data xxx de xxx de 2022 resultou seleccionada como entidade colaboradora na xestión e realización do programa do Polo de aceleración do sector de videoxogos.

Quinto. Ambas as partes, por razóns de eficacia na xestión e co fin de acadar unha mellor prestación dos servizos aos beneficiarios do programa e, de conformidade cos artigos 9 e 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordan subscribir o presente convenio de colaboración de acordo ás seguintes

Cláusulas:

Primeira. Obxecto da colaboración

Constitúe o obxecto do presente convenio establecer o marco da colaboración entre as partes asinantes para a xestión das axudas e fondos destinados aos participantes nas actividades que comprenden o programa do Polo de aceleración do sector de videoxogos e que serán seleccionados entre empresas novas do sector, co fin de fortalecer e impulsar este segmento.

Segunda. Entidade colaboradora

Xxxxxx é unha entidade colaboradora que cumpre cos artigos 3 e 6 da resolución pola que se convoca o procedemento de selección de entidades colaboradoras para a xestión das actividades destinadas a desenvolver o programa do Polo de aceleración do sector dos videoxogos, incluído como parte das liñas de actuación do Hub audiovisual e das industrias culturais de Galicia.

Terceira. Obrigas da entidade colaboradora

A entidade colaboradora, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do establecido na resolución pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para a xestión e desenvolvemento das actividades do programa, ten as seguintes obrigas:

1. Desenvolver as actividades que forman parte do Polo de aceleración para os beneficiarios da convocatoria . Estas actividades consisten en:

• Captación de proxectos e empresas participantes. A asociación porá en marcha unha campaña para a captación de proxectos e empresas para dar a coñecer o Polo de aceleración e divulgar a convocatoria de selección de proxectos e empresas para participar no programa.

• Organizar a aceleración intensiva. A aceleración intensiva consiste nunha etapa de consultoría de 140 horas de duración por proxecto seleccionado cunha duración estimada de 5/6 meses. As actividades de aceleración intensiva están pensadas en forma presencial e telemática. Os servizos de consultoría previstos son:

• Consultoría individual: 40 horas por proxecto participante en materias como: modelo de negocio e plan de empresa (20); aspectos financeiros (6 horas); comercialización e márketing (8 horas) outros, segundo necesidades específicas (6 horas). A entidade colaboradora deberá deseñar un plan de consultoría a medida para cada proxecto seleccionado segundo as súas necesidades, polo que esta previsión de materias e horas é estimativa.

• Consultoría grupal: 40 horas en materias comúns aos proxectos como: definición e validación do modelo de negocio, análise de mercado e marketing; organización e xestión de empresas; internacionalización, dereitos e propiedade intelectual; captación de financiamento... a entidade colaboradora deberá elaborar o plan de consultoría grupal en función dos intereses conxuntos dos proxectos seleccionados.

• Mentorización: 10 horas por proxecto desenvolta por empresarios, directivos ou persoas con ampla experiencia empresarial no sector dos videoxogos e creación de contidos interactivos. A entidade colaboradora seleccionará ás persoas responsables da mentorización acorde co perfil dos proxectos seleccionados.

• Accións de innovación no sector dos videoxogos de Galicia. Organización e desenvolvemento de xornadas cunha duración de entre 4 e 8 horas, na cal expertos de relevancia nacional e internacional en temáticas de interese para o sector expoñan experiencias e interactúen cos participantes no programa.

• Evento final de presentación de proxectos. Exposición pública de proxectos para o que se reservará un tempo de consultoría específico.

• Xestionar a mobilidade internacional. Esta medida prevé a participación dos beneficiarios do programa en eventos e actividades profesionais internacionais, como conferencias, feiras, misións comerciais directas e congresos de carácter internacional relevantes no eido dos videoxogos e contidos interactivos.

• Consultoría de seguimento. Baixo esta epígrafe recóllese a última fase para os proxectos que desenvolvesen con éxito a fase de aceleración intensiva, obtendo un acompañamento de consultoría para abordar cuestións xurdidas ao longo do programa.

2. Ser a depositaria dos fondos para sufragar os custos de todas as actividades que conforman o programa do Polo de aceleración de videoxogos, sen que en ningún caso estes fondos se consideren integrantes do seu patrimonio.

3. Xestionar, controlar e supervisar o correcto destino dos fondos depositados na conta para o programa e, de ser caso, coas instrucións específicas dadas pola Agadic.

4. Informar puntualmente da execución contable do programa, coa finalidade de realizar un seguimento continuo.

5. Reintegrar os fondos públicos no suposto de incumprimento dos requisitos e obrigas establecidas para a concesión da participación no programa e, en todo caso, nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Cumprir, en materia de protección de datos, co Regulamento (UE) nº 2016/678 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e coas demais disposicións vixentes sobre a materia.

7. Dispoñer de libros e rexistros contables para facilitar a adecuada xustificación dos fondos e a comprobación das condicións establecidas.

8. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes as actuacións realizadas.

9. Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar Agadic, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa compensación concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión, ás comprobacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

10. Comunicar a Agadic os logros acadados nos indicadores:

• CO01-Número de empresas que reciben axudas.

• CO02-Número de empresas que reciben subvencións.

• CO04-Número de empresas que reciben axudas non financeiras.

• CO05-Número de novas empresas beneficiarias da axuda.

11. Cumprir cos requisitos e obrigas impostas pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, particularmente, co disposto nos seus artigos 10 e 12, así como polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

12. Cumprir a normativa aplicable ao Feder, en particular, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 e ao Regulamento (UE) nº 1301/2013, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

13. Dar publicidade nas publicacións, relatorios, equipos, material inventariable e actividades de difusión de resultados derivados da axuda o financiamento con fondos estruturais da Unión Europea. Ademais, deberá publicar na páxina web, como mínimo, os obxectivos e os principais avances. Concretamente, na documentación, carteis, propaganda ou publicacións que se elaboren para a súa difusión pública deberá figurar o logotipo da Xunta de Galicia e a frase «Axencia Galega das Industrias Culturais» así como financiado con cargo aos fondos Feder. Así mesmo, deberá informarse que foi apoiado pola Xunta de Galicia.

As instrucións detalladas relativas ás obrigas de publicidade da axuda estarán á disposición na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais (http://www.agadic.gal).

Ao tratarse dunha actividade financiada con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, punto 2.2, do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 e atendendo ao sinalado no capítulo II do Regulamento de execución (UE) núm. 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, o beneficiario deberá, durante a realización da operación:

1. Recoñecer o apoio do Feder á operación mostrando en todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo o emblema da Unión, así como referencias á Unión Europea, ao Fondo Feder e unha mención a que a operación está financiada como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19. Tamén se incluirá o lema «Unha maneira de facer Europa».

2. Informar o público do apoio obtido do Feder durante a realización do proxecto facendo unha breve descrición na páxina web da entidade beneficiaria, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión. Cando se mencione o Fondo Feder completarase cunha referencia relativa a que se financia como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19.

Cuarta. Obrigas da Agadic

A Axencia Galega das Industrias Culturais previo ao inicio do programa, deberá liberar o crédito necesario para realizar o pagamento total do custo das actividades que compoñen o programa do Polo de aceleración do sector dos videoxogos.

Definir a imaxe do programa en todos os soportes físicos e dixitais.

Compensar os gastos en que incorra a entidade colaboradora ao abeiro do artigo 13.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinta. Operativa da xestión do programa

O programa de actividades do Polo de aceleración en videoxogos consiste no acompañamento a empresas de nova creación que estean traballando no sector dos videoxogos para desenvolver produtos, bens e servizos para a súa comercialización.

A Agadic realizará unha convocatoria pública para a selección das empresas e dos proxectos que serán os beneficiarios deste programa do Polo de aceleración de videoxogos, un máximo de 20 beneficiarios en dúas quendas, cunha duración de un máximo de 6 meses por quenda.

A entidade colaboradora deseñará dúas programacións de aceleración intensiva para realizar as actividades que se sinalan na cláusula terceira deste convenio. Para o caso de que a entidade subcontrate parcialmente as actuacións obxecto do convenio, coa excepción das súas funcións de intermediación, supervisión e control deberá respectar o establecido no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na seguinte táboa figuran os custos máximos admisibles, que deberán responder a prezos de mercado, por concepto de gasto que abranguen o total do programa de desenvolvemento do Polo de aceleración:

Concepto de gasto

Unidades

Custo unitario

Total

Consultoría individual

800 horas

100 €

81.000,00 €

Consultoría grupal

120 horas

175 €

21.000,00 €

Mentorización

200 horas

100 €

20.000,00 €

Accións innovación videoxogos

8 accións

5.000 €

40.000 €

Presentación de proxectos

80 horas

100 €

25.000,00 €

Evento

17.000 €

Mobilidade internacional

20 bolsas

4.000 €

80.000,00 €

Consultoría de seguimento

160 horas

100

16.000,00 €

Campañas de difusión

2 campañas

3.500

7.000,00 €

Total

290.000,00 €

Estes conceptos de gasto, ao ser unha previsión, poden sufrir variacións de tal forma que incrementen ou diminúan o importe establecido, sen que iso supoña alteracións da finalidade para a que foron concebidos e sempre que non se modifique o importe total destinado á actuación.

A entidade colaboradora implementará o desenvolvemento das actividades segundo a proposta técnica remitida na selección de entidade colaboradora, coas achegas e suxestións que poida realizar a Agadic, en todo momento, para o correcto desenvolvemento e consecución do fin que se persegue con esta iniciativa.

Rematado o programa, a empresa colaboradora entregará unha memoria cos resultados individualizados deste, e realizará unha enquisa de satisfacción entre os participantes.

Sexta. Compensación económica

A entidade xxx recibirá unha compensación económica polos gastos de xestión, seguimento e control das actividades que conforman o programa do Polo de aceleración de videoxogos por importe de 70.000 euros financiados ao 100 % con fondos REACT-UE con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B 770.0, código de proxecto 2021.0001, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia coa seguinte distribución:

Anualidade 2022: 50.000 euros.

Anualidade 2023: 20.000 euros.

De conformidade co disposto no artigo 72 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, o Consello da Xunta poderá autorizar a exención de constitución de garantías ás entidades colaboradoras.

Esta compensación económica está destinada a sufragar os custos derivados da execución (xestión, seguimento e control) do Polo de aceleración, se serán os gastos elixibles todos aqueles conceptos cuxa natureza respondan de xeito indubidable ás actividades obxecto deste convenio que non poderán ser superiores ao valor no mercado, tales como: persoal, que deberá ser contratado en exclusividade para o proxecto; desprazamentos, aloxamento e manutención, de ser o caso, por asistencia a eventos vinculados co desenvolvemento do proxecto (o custo por aloxamento e manutención non poderá superar os 150 euros/día e para os gastos de desprazamento cando sexa en vehículo particular calcularase a razón de 0,22 €/km); gastos dunha liña de teléfono en exclusiva para o proxecto para o tempo de duración deste; gastos en adquisición de equipamento ou material vinculados directamente ao desenvolvemento do proxecto e necesarios para a súa execución; gastos por custos indirectos que serán calculados a un tipo fixo de ata o 15 % dos custos directos de persoal subvencionable seguindo o establecido nos artigos 67 e 68.1.b) do Regulamento (UE) 1303/2013.q.

Porén, non serán tidos en conta os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda, en cumprimento do artigo 29 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o establecido no punto 2.c) da Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) para o período 2014-2020.

A entidade colaboradora terá que cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a una única beneficiaria non excederá os 200.000 euros durante un período de tres exercicios fiscais consecutivos.

Esta compensación é incompatible con calquera axuda, subvención, ingreso ou recurso para o mesmo fin obxecto do convenio.

A entidade colaboradora, unha vez asinado o convenio, poderá solicitar pagamentos parciais do importe de compensación, ata o 80 % deste (artigo 62.2, Decreto 11/2009), sen constituír ningunha garantía, logo da aprobación do Consello da Xunta de Galicia en aplicación dos artigos 67.4 e 72.2 do Decreto 11/2009, Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Sétima. Protección de datos

1. Os datos persoais recollidos neste convenio serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia –Agadic– coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da concesión da compensación económica a través deste convenio.

2. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme as referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

3. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia coa finalidade de cumprir co obxecto deste convenio.

En particular, os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administración Pública, coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, segundo o disposto nos artigos 125, punto 2, artigo 140, puntos 3 e 5 e anexo XIII, punto 3, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e as súas disposicións de desenvolvemento.

4. As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora no procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

5. Así mesmo, a entidade conveniante someterase ao disposto no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos) e a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e coas demais disposicións vixentes na materia.

6. A referencia á publicidade, en cumprimento da normativa de transparencia e subvencións, axustarase á normativa europea, en particular:

– Na futura documentación de cada proxecto (materiais de promoción e distribución) deberá figurar «coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais, Xunta de Galicia», utilizando as súas marcas principais:

http://www.agadic.gal/identidade

https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/marca-principal

– O cartón deberá incluír, ademais, a referencia ao financiamento con fondos Feder. Así mesmo, en todos os materiais farase constar que a produción foi subvencionada polo Feder e pola Xunta de Galicia, utilizando igualmente a marca principal.

– Facer constar na súa publicidade, incluída a realizada a través de páxinas web, ou na información que xeren en relación cos proxectos subvencionados, o financiamento destes pola Xunta de Galicia e polo Feder. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta da persoa beneficiaria.

Oitava. Prazo de duración

Este acordo entrará en vigor ao día seguinte da súa sinatura e os seus efectos estenderanse ata o 30 de outubro de 2023.

Novena. Interpretación do convenio

As cuestións xurdidas acerca da interpretación, modificación ou efectos do convenio serán resoltas pola Agadic e os seus acordos poñerán fin á vía administrativa.

Contra estes acordos cabe interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o mesmo órgano que ditou a resolución, segundo o previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase interpoñer directamente ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación do acto que poña fin á vía administrativa, se o dito acto for expreso. Se non o fora, o prazo será de seis meses e contarase, para o solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décima. Resolución, reintegro e gradación dos incumprimentos do convenio

Son causas de resolución deste convenio:

– O transcurso do prazo de vixencia do convenio sen que se acordase a súa prórroga.

– O acordo unánime das partes asinantes.

– O incumprimento total ou parcial das estipulacións contidas nas cláusulas ou no articulado da orde pola que se convoca o procedemento de selección de entidades colaboradoras, sen prexuízo da tramitación dos compromisos adquiridos con anterioridade sobre expedientes de axudas en curso.

– A decisión xudicial declaratoria da nulidade do convenio.

– Calquera outra causa distinta das anteriores prevista na lexislación vixente.

Para os efectos do reintegro das subvencións, aplicarase o disposto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Neste sentido, a entidade colaboradora procederá ao reintegro total ou parcial da axuda e aos xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da devandita Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.

Consideraranse incumpridos os obxectivos do convenio cando non se xustifique, polo menos, o 60 % dos custos previstos nel. O alcance do incumprimento determinarase en proporción ao investimento deixado de practicar ou practicado indebidamente, e minorarase proporcionalmente a achega pública.

Nos seguintes casos de incumprimento reducirase a intensidade da compensación económica do seguinte xeito:

a) Se se incumprise a obriga de dar publicidade do financiamento do proxecto, consonte o establecido nesta resolución, aplicarase un factor de corrección do 2 %.

b) Se se incumprisen as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do proxecto, dando lugar a un informe final negativo, o incumprimento valorarase en función deste e suporá a aplicación dun factor de corrección igual á porcentaxe de incumprimento sinalada no informe técnico.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando á intensidade da axuda o factor que resulte do produto de todos os factores de corrección. No caso de que algún dos factores de corrección sexa negativo, a intensidade da axuda será cero.

A aplicación do factor de corrección realizarase coa revisión da xustificación da última anualidade e, de ser o caso, requirirase a entidade colaboradora para que proceda á devolución dos fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación do expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.

No caso das condicións que constitúan obrigas que a entidade colaboradora deba acreditar na fase de xustificación (deberes de publicidade, comunicación doutras axudas, etc), estas deberán xustificarse en todo caso para proceder ao pagamento, polo que a gradación fixada neste punto soamente resultará aplicable para supostos de reintegro no caso de que se detecten en controis posteriores ao pagamento por algún incumprimento relativo a estas obrigas.

Décimo primeira. Xustificación e pagamento

A entidade colaboradora xustificará ante a Agadic a realización das actividades propostas no programa do Polo de Aceleración do sector dos videoxogos, para o que deberá remitir:

1. Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións obxecto deste convenio, con indicación das actividades realizadas. Deberá incluír documentación gráfica das actuacións efectuadas coa inclusión dos logotipos da Xunta de Galicia e do Fondo Europeo Feder.

2. Memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas e dos gastos derivados da xestión, seguimento e control do programa que, a lo menos, conterá:

– Unha relación clasificada de gastos de todas as actividades, con identificación do acredor (denominación e NIF), número de factura ou documento de valor probatorio, concepto do gasto claramente expresado, importe, data de emisión, forma de pagamento (transferencia, etc.), data de pagamento e importe.

– As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior e a documentación acreditativa do pagamento.

– En relación aos documentos que acrediten os custos de persoal: a copia das nóminas e relación nominal de traballadores (RNT, TC2) e o seu pagamento (xustificantes bancarios das nóminas e recibos de liquidación á Seguridade Social [RLC, TC1]) así como as retencións de IRPF. Para estes efectos, terán a consideración de gasto realizado en prazo os ingresos a conta do IRPF ou cotas da Seguridade Social liquidables con posterioridade á data de execución. O importe destes ingresos e cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto en que se reflicta o importe da retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación, e a entidade obrigada queda a presentar os documentos acreditativos do pagamento no prazo máximo de dous meses contados desde a presentación das liquidacións correspondentes.

– Unha memoria económica explicativa e aclaratoria dos gastos realizados para a realización das actividades: desviacións ou variacións económicas realizadas con respecto ás partidas inicialmente orzamentadas no proxecto económico presentado para a firma do convenio, que deben ser explicadas e motivadas convenientemente na memoria; en caso de gastos relativos a aloxamento, mantenza, viaxes, traslados…, de ser o caso, débese especificar nesta memoria a relación de persoas a que se refiren os gastos e da súa relación coa actividade subvencionada; e todas aquelas cuestións que se considere precisen explicación.

3. Os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba solicitar a entidade colaboradora, de ser o caso.

4. A Agadic poderá consultar a través de medios de interoperabilidade os datos elaborados polas administracións públicas sobre a situación de que a entidade se atopa ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, agás que medie oposición expresa da entidade, en cuxo caso a entidade deberá achegar a documentación que a continuación se relaciona:

– A acreditación de estar ao día de obrigas tributarias e coa Seguridade Social, mediante:

– Certificación positiva de atoparse ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, expedida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

– Certificación positiva de non ter contraída ningunha débeda de natureza tributaria coa Facenda Pública da Comunidade Autónoma, expedida pola Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

– Certificación positiva de atoparse ao día no cumprimento das súas obrigas coa Seguridade Social, expedida pola Tesourería da Seguridade Social.

5. Certificado ou documentación pertinente do organismo competente de exención ou suxeición á obriga de declarar o IVE.

En canto á forma de presentación, os xustificantes de gasto así como os seus xustificantes de pagamento, deberán entregarse clasificados segundo os puntos da relación clasificada de gastos presentada. A documentación correspondente á xustificación presentarase de forma electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal).

6. O prazo para presentar a documentación xustificativa por parte da entidade beneficiaria remata o 12 de decembro de 2022 para a anualidade 2022 e o 1 de agosto para a anualidade de 2023.

7. Unha vez recibida a documentación xustificativa, e realizadas as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade obxecto deste convenio polos órganos competentes da Axencia, procederase ao seu pagamento.

Décimo segunda. Natureza xurídica e xurisdición competente

Este convenio ten natureza administrativa, e queda fóra do ámbito da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, que o exclúe expresamente no artigo 6.2.

As controversias derivadas da aplicación ou interpretación deste convenio serán resoltas en última instancia pola persoa titular da Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais, cuxas resolucións poñen fin á vía administrativa. Será competente a xurisdición contencioso-administrativa para resolver na vía xurisdicional as citadas controversias.

Décimo terceira. Réxime xurídico

Para todo o non previsto neste convenio observarase a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, así como as restantes normas xerais de dereito administrativo.

Así mesmo, réxense polas normas comunitarias aplicables por razón do financiamento pola Unión Europea e polas normas nacionais de desenvolvemento ou transposición destas. En particular, seralles de aplicación a seguinte normativa comunitaria:

1. Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e derrógase o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello.

2. Regulamento (UE) núm. 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre as disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1080/2006.

3. Orde HFP/1979/2016, de 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

4. Orde HAC/114/2021, do 5 de febreiro, pola que se modifica a Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos Programas Operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

5. Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

6 Regulamento (UE) 2020/460 do Parlamento Europeo e o Consello, do 30 de marzo do 2020, polo que se modifican os Regulamentos (UE) núm. 1301/2013, (UE) núm. 1303/2013 e (UE) núm. 508/2014, no relativo a medidas específicas para mobilizar inversións nos sistema de atención sanitaria dos Estados membros e noutros sectores das súas economías, en resposta ao brote da COVID-19 (Iniciativa de investimento en resposta ao coronavirus).

7. Regulamento (UE) 2020/558 do Parlamento e o Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifican os Regulamentos (UE) 1301/2013 e (UE) 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimento europeos en resposta ao gromo da COVID-19.

8. Regulamento (UE) 2020/2221 que establece as normas e disposicións de execución referentes aos recursos adicionais achegados en calidade de Axuda á Recuperación para a Cohesión e os Territorios de Europa (REACT-UE), co fin de prestar asistencia para favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e para preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía e o Regulamento (UE) 2020/241, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.

En proba de conformidade cos termos do presente convenio, as partes asínano e rubrícano, no día e data da sinatura dixital.

Santiago de Compostela,

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

xxx

missing image file
missing image file
missing image file