Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 24 de marzo de 2022 Páx. 19454

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2022 pola que se amplía a dotación do Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes (código de procedemento VI438A).

O Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes (en diante, Fondo de cooperación) foi creado mediante a Resolución da presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo (no sucesivo, IGVS) do 20 de setembro de 2016 (Diario Oficial de Galicia núm. 182, do 23 de setembro).

Posteriormente, a Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 83, do 2 de maio) regulou, nos seus artigos 82 e 83, o citado fondo dentro das medidas de fomento da rehabilitación edificatoria e da rexeneración e a renovación urbanas.

A creación do Fondo de cooperación obedeceu á necesidade de arbitrar un mecanismo que facilitase a participación dos concellos nas intervencións públicas en materia de rehabilitación e rexeneración urbanas, de tal xeito que puidesen acometer actuacións de recuperación e posta en valor do patrimonio construído co obxecto de recuperar ámbitos en deficiente estado de conservación, como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do ambiente, da paisaxe e do territorio coa finalidade de mellorar a calidade de vida da cidadanía, facilitando que poida dispoñer dunha vivenda digna e axeitada.

Con este fin, de acordo co previsto no ordinal segundo da Resolución do 20 de setembro de 2016, o Fondo de cooperación dotouse inicialmente cun importe de 10.000.000 euros procedente das cantidades que, en concepto de fianzas dos alugueiros e subministracións, deben depositar os/as propietarios/as e empresas á disposición do IGVS, respectando a disposición máxima prevista legalmente.

Esta dotación inicial resulta insuficiente para atender o crecente número de solicitudes de financiamento presentadas polos concellos nas sucesivas convocatorias efectuadas desde a súa creación, polo que se considera necesario proceder á súa ampliación.

O artigo 82.3 da Lei 1/2019, do 22 de abril, establece que o Fondo de cooperación se dotará co importe que, logo da autorización pola consellería competente en materia de facenda, se estableza por resolución da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo, e será publicado para o seu coñecemento público no Diario Oficial de Galicia.

Polo exposto, segundo o disposto no artigo 82.3 da Lei 1/2019, do 22 de abril e no Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS, e logo da autorización da Consellería de Facenda,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliación da dotación do Fondo de cooperación

Ampliar a dotación inicial do Fondo de cooperación prevista no ordinal segundo da Resolución do 20 de setembro de 2016 en 10.000.000 euros.

En virtude do anterior, o Fondo de cooperación quedará dotado con 20.000.000 euros.

Segundo. Eficacia da resolución

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo