Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 22 de marzo de 2022 Páx. 18934

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se acorda a inscrición do hórreo situado no lugar de Covás, na parroquia de Santiago de Catasós, no termo municipal de Lalín no Rexistro de Bens de Interese Cultural.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural e, en exercicio desta apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio), en diante (LPCG).

No artigo 8.2 da LPCG establécese que: «Terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei. Os bens de interese cultural poden ser inmobles, mobles ou inmateriais».

Os hórreos galegos teñen unha especial consideración na LPCG e, como consecuencia, entre os obxectivos xerais da lei está a súa protección. Así se recolle no capítulo III do título VII da LPCG, relativo aos bens que integran o patrimonio etnolóxico e, especialmente, nos ditados do artigo 91.1: «Para os efectos desta lei, integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia»; e do artigo 91.3.a): «Para os efectos da súa posible declaración de interese cultural ou catalogación presúmese o valor etnolóxico dos seguintes bens sempre que conserven de forma suficiente a súa integridade formal e construtiva e os aspectos característicos que determinan a súa autenticidade: a) os hórreos...».

Ademais, o artigo 92 da LPCG establece que: «Son bens de interese cultural e quedan sometidos ao réxime xurídico previsto para este tipo de bens nesta lei, sen necesidade da tramitación previa do procedemento previsto no seu título I, os hórreos, os cruceiros e os petos de ánimas dos que existan evidencias que poidan confirmar a súa construción con anterioridade a 1901».

O 29 de setembro de 2021 entra no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia unha solicitude de catalogación dun hórreo situado no lugar de Covás na parroquia de Santiago de Catasós no Concello de Lalín. Na documentación existente no expediente administrativo e achegada pola solicitante, consta que a construción do hórreo se realizou con anterioridade a 1901.

Ademais, segundo se recolle no informe do Servizo de Inventario, as características formais e construtivas do hórreo, axústanse de forma suficiente á tipoloxía tradicional dos hórreos galegos, mantendo na mesma forma a antigüidade, integridade e autenticidade que xustifica a súa protección como un ben coa consideración de ben de interese cultural. Por este motivo, é preciso que o ben mencionado se anote adecuadamente no Rexistro de Bens de Interese Cultural e que tal circunstancia sexa obxecto da oportuna publicidade, tal como se establece no artigo 23 da LPCG que manifesta que os bens declarados de interese cultural inscribiranse no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, cuxa xestión correspóndelle á consellería competente en materia de patrimonio cultural.

Por tanto, vista a solicitude presentada e o informe técnico do Servizo de Inventario, no exercicio das competencias recollidas no artigo 24 do Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e en virtude do disposto no artigo 23, Rexistro de Bens de Interese Cultural, da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar a inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural, como ben inmoble, do hórreo situado no lugar de Covás, na parroquia de Santiago de Catasós, no termo municipal de Lalín, no Rexistro de Bens de Interese Cultural.

Segundo. Comunicar esta resolución á Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura e Deportes aos efectos da súa anotación no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración Xeral do Estado.

Terceiro. Publicar a presente resolución no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento, e notificalo ao seu titular e ao Concello de Lalín.

Disposición derradeira

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da notificación.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2022

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO

Descrición do ben

1. Denominación.

Hórreo de Covás.

2. Localización.

• Provincia: Pontevedra.

• Concello: Lalín.

• Parroquia: Santiago de Catasós.

• Lugar: Covás.

• Coordenadas de localización (UTM ETRS89 Fuso 29) X: 573626.02, Y: 4721114.38.

• Referencia catastral: 3713106NH7231S0001MI.

3. Descrición.

Trátase dun hórreo mixto de pedra e madeira do estilo Mahía composto por catro claros, o que lle proporciona á planta rectangular da cámara unha marcada dimensión lonxitudinal que facilita unha boa circulación do aire. A construción apóiase en 5 cepas de pedra dispostas transversalmente á dimensión lonxitudinal do hórreo, cos seus correspondentes tornarratos de tipo mesa tamén no mesmo material, que marcan o límite dos claros e serven de apoio aos sinxelos linteis, columnas e penais, que tamén son de pedra.

Os claros van pechados con doelas de madeira dispostas de forma vertical, aseguradas polo exterior cunha travesa horizontal ou faixa que divide en dúas partes iguais o panel. O acceso ao interior da cámara resólvese cunha sinxela porta de madeira suxeita por dúas bisagras de ferro. A cuberta a dúas augas, de tella curva do país, sobresae discretamente do volume da planta cun pequeno beiril.

4. Estado de conservación.

No 2021 o estado xeral de conservación do hórreo presenta algunhas deficiencias nas madeiras dos claros e na cuberta derivadas nun proceso de degradación material e estrutural producido co paso do tempo.

5. Uso.

Uso de carácter tradicional asociado ás necesidades domésticas da casa á que pertence, tanto de almacenamento como de conservación da colleita.

6. Réxime de protección.

6.1. Categoría:

Natureza: ben inmoble.

Categoría: monumento.

Interese: etnolóxico e arquitectónico.

Nivel de protección: integral.

6.2. Réxime de protección:

O hórreo como elemento singular do patrimonio etnolóxico protexido rexerase polos ditados do réxime de protección e conservación que definen os títulos II e III da Lei 5/2016, do 5 de maio, do patrimonio cultural de Galicia; en concreto, pode resumirse en:

– Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

– Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a permitirlle o acceso aos ditos bens ao persoal habilitado para a función inspectora nos termos previstos no capítulo I do título X, ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios.

– Deber de comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, os titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigadas a comunicar á consellería competente en materia de patrimonio cultural calquera dano ou prexuízo que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

– Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre o ben permitirán a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente.

– Dereito de tenteo e retracto: calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute dos bens de interese cultural deberalle ser notificada, de forma que faga fe, á consellería competente en materia de patrimonio cultural, con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar aquela. En todo caso, na comunicación da transmisión deberá acreditarse tamén a identidade da persoa adquirente.

– Uso: en calquera caso a protección do ben implica que as intervencións que se pretenda terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural e que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

7. Delimitación e contorno de protección.

En tanto non se desenvolva un procedemento específico de delimitación do ben e do seu contorno de protección nin se recolla convenientemente no planeamento urbanístico, aplicarase o recollido para os contornos de protección con carácter subsidiario no artigo 38 da LPCG.