Mediante o Acordo do 15 de novembro de 2021, da Presidencia da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), iniciouse o procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de Oímbra, no concello de Oímbra (Ourense) (DOG núm. 247, do 27 de decembro), que motivou a elaboración do estudo de viabilidade previsto no artigo 84 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, que foi aprobado polo Acordo do 8 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral da Agader, e do que se deduce a conveniencia de levar a cabo o desenvolvemento do polígono agroforestal e a declaración de utilidade pública e interese social deste.
A persoa titular da Dirección Xeral da Agader formulou a proposta prevista no artigo 85.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería do Medio Rural e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de marzo de dous mil vinte e dous,
DISPOÑO:
Artigo 1. Declaración de utilidade pública e interese social
Declárase de utilidade pública e interese social o polígono agroforestal de iniciativa pública de Oímbra, no concello de Oímbra (Ourense).
Artigo 2. Delimitación do perímetro do polígono
O perímetro do polígono agroforestal é o que figura no documento con código de verificación electrónica (CVE) r1scy6eAD9 verificable en https://sede.xunta.gal/cve, sen prexuízo da súa posible modificación segundo o disposto no artigo 85.2.a) da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
Artigo 3. Vida útil mínima
A vida útil mínima do polígono agroforestal será de dez (10) anos.
Artigo 4. Usos e actividades admisibles e boas prácticas agroforestais
Os usos e actividades admisibles, así como as boas prácticas agroforestais aplicables son as establecidas no estudo de viabilidade aprobado, con código de verificación electrónica (CVE) VpE0dbcrR1, 6i2dfLpwe1 e MgdU5kIf68 verificable en https://sede.xunta.gal/cve, en que se indican as actividades primarias e secundarias que se determinaron tendo en conta a zonificación realizada no catálogo parcial de usos.
Neste caso, como actividade principal, establécense os cultivos agrícolas de ciclo curto e/ou gandaría en extensivo, que prevé o aproveitamento para vacún de carne, gando porcino, ovino e cabrún. Calquera das modalidades elixidas deberá ser en extensivo e terán prioridade aquelas explotacións que inclúan unha produción integrada e/ou en ecolóxico.
Como actividade secundaria determínase a idoneidade da zona para a plantación de árbores para obtención de froito e/ou gandaría en extensivo; en calquera caso, deberase manter a vexetación de ribeira existente e teranse en conta as limitacións sectoriais que poidan afectar a actividade proposta.
Artigo 5. Autorizacións
Autorízase a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a redacción do proxecto básico do polígono agroforestal co contido previsto no artigo 86 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
Autorízase a consellería con competencias en medio rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, para a execución dos procedementos de investigación da titularidade na forma prevista nos artigos 90 e 19 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
Autorízanse o órgano territorial competente en materia de medio rural onde radiquen os predios e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a execución dos procedementos de declaración de abandono da forma establecida no título IV, capítulo I, da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
Autorízase a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a execución dos procedementos de reestruturación da propiedade na forma prevista no artigo 93 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
Artigo 6. Interese público
A declaración de utilidade pública e interese social implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para os efectos da aplicación da tramitación de urxencia do procedemento e aos informes ambientais e sectoriais polos órganos autonómicos e da Administración local da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o establecido polo artigo 85.3 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Autorización para o desenvolvemento
Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de medio rural para ditar as disposicións complementarias que requira a execución deste decreto.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Ourense, tres de marzo de dous mil vinte e dous
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural