Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 16 de marzo de 2022 Páx. 17905

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 2022 pola que se sinalan as datas para o levantamento das actas previas á ocupación e de ocupación definitiva dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción denominado Mellora na rede de saneamento de Marín na contorna do río Lameira, no termo municipal de Marín, Pontevedra (EF. 21001).

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu ordinal 2º a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Con data do 22 de febreiro de 2022 publicouse no DOG núm. 36 o Decreto 18/2022, do 10 de febreiro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción denominado Mellora na rede de saneamento de Marín na contorna do río Lameira, no termo municipal de Marín, Pontevedra (EF. 21001).

En consecuencia, a tramitación do expediente expropiatorio debe axustarse ao disposto no artigo 52 da vixente Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 e concordantes do seu Regulamento do 26 de abril de 1957.

No procedemento expropiatorio o Concello de Marín terá a condición de entidade beneficiaria, cos dereitos e obrigas derivados da normativa na materia.

Conforme o anterior, Augas de Galicia convoca os titulares de bens e dereitos afectados para que comparezan no lugar, data e horas que se detallan a continuación, co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación, nas cales se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Lugar: Pavillón de Deportes O Sequelo, rúa do Souto, termo municipal de Marín.

Data: 11 de abril de 2022.

Hora: das 10.30 ás 13.30 horas.

A relación de titulares, bens e dereitos afectados foi publicada o día 29 de xullo de 2021 no Boletín Oficial del Estado núm. 180, o día 4 de agosto de 2021 no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra núm. 148 e o día 27 de xullo de 2021 no diario Diario de Pontevedra; podendo ter sido examinada a devandita relación, xunto cos planos parcelarios nas oficinas de Augas de Galicia en Santiago de Compostela e no Concello de Marín.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente estarán expostos no Concello de Marín e en Augas de Galicia (praza de Camilo Díaz Baliño, 7-9, 15704 Santiago de Compostela), e publicarase na seguinte ligazón da páxina web de Augas de Galicia:

https://augasdegalicia.xunta.gal/seccion-tema/c/Participacion_cidadana_procesos_info_publica?content=/Portal-Web/Contidos_Augas_Galicia/Seccions/documentos-en-informacion-publica/seccion.html&std=contenido-1.html

Así mesmo, realizarase a convocatoria aos interesados para o levantamento das actas previas mediante notificación individual.

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, xuntando os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade (e, se é o caso, outra documentación que se requira, xustificante do pagamento do IBI...), así como certificado de conta con códigos IBAN e BIC, co fin de proceder aos sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria, podendo facerse acompañar pola súa conta, se o consideran oportuno, dos seus peritos e notarios.

Así mesmo, en cumprimento do disposto no artigo 49 do Regulamento de expropiación forzosa, o Concello de Marín, unha vez levantadas as actas previas á ocupación e habilitado o crédito oportuno, procederá ao pagamento, mediante transferencia bancaria, do importe dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación. No suposto de non ter presentado o certificado de titularidade da conta bancaria, con códigos IBAN e BIC, e a copia do DNI, consignarase o importe na Caixa Xeral de Depósitos conforme o disposto no artigo 51 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957.

En cumprimento do artigo 55 do Regulamento de expropiación forzosa, neste mesmo acto convócase ao acto de formalización das actas de ocupación, o cal terá lugar, logo de producirse o aboamento dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación, no lugar e data que se indican:

Lugar: Pavillón de Deportes O Sequelo, rúa do Souto, termo municipal de Marín.

Data: 4 de xullo de 2022.

Hora: das 10.30 ás 13.30 horas.

No mesmo acto ofertaranse aos propietarios as valoracións establecidas pola Administración para cada un dos predios en concepto de mutuo acordo.

O presente acordo faise público, para xeral coñecemento, e advírteselles aos titulares que na acta figurarán os donos da cousa ou titulares do dereito expropiado e non se admitirá representación senón por medio de poder debidamente autorizado (notarial, xudicial ou do consulado), xa sexa xeral ou particular para este caso, debendo achegar a documentación necesaria para acreditar a sucesión en caso de figurar o terreo a nome de herdeiros, e que deberá identificarse co documento nacional de identidade.

Co fin de que os actos derivados dos procedementos expropiatorios se realicen de acordo coas medidas preventivas do risco de contaxio ante a situación provocada polo coronavirus COVID-19, serán aplicables as medidas de prevención recollidas no anexo da Resolución do 12 de xuño de 2020 e posteriores modificacións, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2022

A presidenta de Augas de Galicia
P.D. (Resolución do 30.1.2012; DOG núm. 21, do 31 de xaneiro)
Teresa Mª Gutiérrez López
Directora de Augas de Galicia