Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 15 de marzo de 2022 Páx. 17510

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 31/2022, do 3 de marzo, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Sarria do treito antigo da estrada LU-P-5602 da rede de estradas da Deputación Provincial de Lugo.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Sarria, o 25 de maio de 2021, solicitou á Deputación Provincial de Lugo o cambio de titularidade do treito da estrada provincial LU-P-5602 Samos (LU-633) Pintín-Sarria (LU-633), de 467 metros de lonxitude, o cal pertence ao treito vello da estrada LU-P-5602, comprendido entre as coordenadas UTM29 ETRS89: X=634.233, Y=4.736.991 (p.q. 13+608 itinerario principal) e X=633.776, Y=4.736.927 (p.q. 14+142 itinerario principal).

O Pleno da Deputación Provincial de Lugo, o 29 de xullo de 2021, aceptou a proposta de transferencia.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, indica que a estrada LU-P-5602 cumpre co estipulado no número 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que forme parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente, a través da rede de estradas da Administración cedente ou da rede de estradas de titularidade de administracións de maior ámbito territorial, polo que se formula a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de marzo de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Sarria do treito antigo da estrada LU-P-5602:

Denominación

PQi

Coordenadas UTM (ETRS89) fuso29

PQf

Coordenadas UTM (ETRS89) fuso29

Marxe

Lonx. (km)

Treito antigo da estrada LU-P-5602 no núcleo de Aguiada

13+608

X= 634.233

Y= 4.736.991

14+142

X= 633.776

Y= 4.736.927

MD

0,467

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Sarria, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, tres de marzo de dous mil vinte e dous

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade