BDNS (Identif.): 613096.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta convocatoria as seguintes entidades:
a) Institucións sen ánimo de lucro.
b) Entidades locais.
As axudas, no ámbito das entidades locais, están dirixidas a concellos de Galicia, mediante solicitude individual ou mediante xestión compartida, a través da solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, as mancomunidades de concellos e consorcios locais de Galicia constituídos exclusivamente por concellos; así mesmo, poderán ser beneficiarias as entidades resultantes dunha fusión municipal.
Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta convocatoria as deputacións provinciais.
Segundo. Obxecto e finalidade
Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a financiar os gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado para o ano 2022, de acordo co establecido na presente orde.
Estas axudas contribúen á promoción e cooperación cultural, á difusión e animación sociocultural e, en definitiva á promoción da cultura en Galicia, por considerar que as artes escénicas e musicais son elementos claves da creatividade artística e da dinamización cultural da nosa comunidade autónoma.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 25 de febreiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro e entidades locais galegas, destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2022.
Cuarto. Importe
As subvencións reguladas nesta orde concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2022, seguintes: 10.40.432B.481.2 por un importe inicial máximo de 30.000 €, para os solicitantes dentro do grupo de institucións sen fin de lucro e 10.40.432B.460.0, por un importe inicial máximo de 20.000 €, para o grupo de solicitantes de entidades locais.
A axuda máxima por beneficiario que concederá a consellería será de 6.000 €, que en ningún caso poderá exceder o 70 % do orzamento total do proxecto que se vai realizar. Este importe de 6.000 € ascenderá a 7.500 € cando se trate de solicitudes conxuntas de entidades locais, é dicir, solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local de acordo co establecido no artigo 3 desta orde.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
As entidades solicitantes relacionadas no artigo 3 da orde de convocatoria que desexen acollerse a estas axudas deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.
Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2022
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade
P.D. (Orde do 9.2.2021)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación e Universidade