Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 9 de marzo de 2022 Páx. 16771

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 7 de marzo de 2022 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal médico do Servizo de Otorrinolaringoloxía da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza a partir do 10 de marzo de 2022.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O desempeño da prestación da asistencia sanitaria pública non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este. O que implica a necesidade de conxugar o citado exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, en prol de preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A Federación de Sanidade e Sectores Sociosanitarios de CC.OO. de Galicia comunicou a convocatoria dunha folga no ámbito do persoal médico (facultativo especialista de área) do Servizo de Otorrinolaringoloxía da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, que se desenvolverá con carácter indefinido todos os martes e xoves, desde as 00.00 horas ata as 24.00 horas, a partir do xoves día 10 de marzo de 2022.

A presente folga resulta idéntica á convocada inicialmente pola mesma organización sindical para os días 1, 10, 13, 21 e 29 de decembro de 2021, a cal motivou que esta consellería emitise unha orde de fixación de servizos mínimos, publicada no Diario Oficial de Galicia (núm. 230) do 30 de novembro de 2021, aplicable ao mesmo persoal e servizo sanitario. E tamén é por completo idéntica á convocada posteriormente pola devandita organización para o mesmo colectivo e servizo, neste caso con carácter indefinido todos os martes a partir do día 11 de xaneiro de 2022, desde as 00.00 horas ata as 24.00 horas de cada martes. A cal, pola súa vez, determinou que esta consellería emitise unha nova orde de fixación de servizos mínimos (recollida no DOG núm. 5, do 10 de xaneiro de 2022), remitíndose á orixinaria.

Atendendo eses precedentes e ante o mantemento das necesidades sanitarias, procede remitirse nova e integramente aos termos da orde que determinou os servizos esenciais para a folga iniciada o mes de decembro de 2021 no devandito servizo, os cales serán de aplicación tamén ás novas xornadas de folga, circunstancia da que se lle deu traslado ao propio comité de folga.

Con base no que antecede,

DISPOÑO:

Artigo único

A convocatoria de folga indefinida referida na parte expositiva entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se establecen nesta orde.

Os cales, por remisión, serán os contidos na Orde desta consellería do 26 de novembro de 2021, pola que se determinaron os servizos mínimos durante a folga que afectou o persoal médico do Servizo de Otorrinolaringoloxía da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza a partir do día 1 de decembro de 2021 (orde publicada no DOG núm. 230, do 30 de novembro, nas páxinas 58445 e ss.).

Deste xeito, para determinar os servizos esenciais que se deberán respectar todos os martes e xoves durante a nova folga indefinida que se inicia o día 10 de marzo, aplicarase integramente o articulado da antedita orde, en que se recolle o número de presenzas mínimas acordado para cubrir as xornadas de folga no Servizo de Otorrinolaringoloxía da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade