Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 25 de febreiro de 2022 Páx. 13798

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 12 de xaneiro de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a internacionalización dixital das empresas galegas (Galicia Exporta Dixital 2022), financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG401D).

BDNS (Identif.): 611651.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión.

b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia e que teñan nel, antes da solicitude da axuda, polo menos tres traballadores por conta allea.

c) Que teñan un importe de facturación no último exercicio con obriga de depósito de contas anuais no Rexistro Mercantil, ou de presentación da declaración da renda, como mínimo do dobre do orzamento do proxecto presentado pola empresa na súa solicitude de axuda.

d) Que teñan capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

e) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de axuda, a través do procedemento do Igape IG192.

f) Que estean ao día nas súas obrigas coa Facenda Pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto apoiar as empresas galegas nos seus procesos de internacionalización dixital conscientes de que o desenvolvemento das tecnoloxías dixitais supón un enorme potencial para a mellora da competitividade nos mercados internacionais, considerando que o desenvolvemento de plans empresariais de internacionalización dixital repercuten nas posibilidades de negocio, posibilitando a presenza en mercados, facilitando o aceso a clientes, reducindo os custos de transacción e publicidade, e permiten abrir canles comerciais novas, achegando así medios máis eficaces para a potenciación de actividades económicas internacionais e o incremento das exportacións. O obxecto último destas bases é o desenvolvemento e a implementación dun plan de internacionalización dixital de empresa, e as necesidades específicas en materia de márketing dixital internacional.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 12 de xaneiro de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a internacionalización dixital das empresas galegas (Galicia Exporta Dixital 2022), financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG401D).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nestas convocatorias aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 06.A1.741A.7700 e polos seguintes importes con cargo aos seguintes exercicios:

Ano 2022: 2.600.000 €.

Ano 2023: 1.800.000 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2022

Patricia Villajos Grande
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica