Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 22 de febreiro de 2022 Páx. 12467

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 1 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Consonte o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, modificado pola Lei orgánica 1/2000, do 7 de xaneiro, esta dirección xeral dispón a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2022

Blanca García-Señoráns Álvarez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO

Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do
Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade coas negociacións previas celebradas polo grupo de traballo constituído en cumprimento do previsto no acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia para o estudo e proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas en relación cos artigos 8, 13, 14, 19, 20, 21, 27, 28, 30, 83-109, 118, 119, 120, 121 e 129-132 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, adoptou o seguinte acordo:

I. En relación cos artigos 28, 30, 118, 119, 120 e 121, ambas as partes acordan que a súa interpretación se debe realizar de conformidade co recollido na lexislación básica sobre avaliación ambiental.

II. Respecto ao artigo 8, sobre o réxime xurídico e fiscal da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, en concreto no relativo ao seu punto 3, ambas as partes acordan interpretar que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural terá o mesmo tratamento que un ente análogo do sector público estatal e, en especial, non lle resultarán de aplicación os beneficios fiscais establecidos no texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, en favor das comunidades autónomas, nin das entidades de dereito público das comunidades autónomas de carácter análogo aos organismos autónomos do Estado.

III. En relación cos artigos 13, 14, 19, 20, 21, 83-109 e 129-132, ambas as partes coinciden en interpretar o seguinte:

– Ambas as partes interpretan que as previsións da lei respecto das funcións da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural deben interpretarse de modo que da actividade desta Axencia non pode derivar unha alteración da regulación civil do dereito da propiedade e o seu réxime para estes efectos, nin da do Rexistro da Propiedade nin un menoscabo ou alteración das funcións atribuídas ao Catastro pola normativa vixente, así como das competencias estatais sobre tales materias.

En todo caso, a inscrición no Rexistro da Propiedade axustarase ao establecido na lexislación hipotecaria e á normativa de aplicación xeral do patrimonio das administracións públicas.

– En especial, respecto ao artigo 21.1, ambas as partes acordan que o goberno da Xunta de Galicia promoverá a correspondente modificación lexislativa do precepto, de modo que a notificación administrativa ao Catastro por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural se producirá nos termos acordados por ambas as administracións no convenio de colaboración correspondente.

IV. En razón do acordo alcanzado, ambas as partes coinciden en considerar resoltas as discrepancias manifestadas en relación coa devandita lei e concluída a controversia exposta.

V. Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, así como inserilo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Isabel Rodríguez García

Ministra de Política Territorial

Alfonso Rueda Valenzuela

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo