Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 17 de febreiro de 2022 Páx. 11658

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 11 de febreiro de 2022 pola que se nomean os membros do Consello Reitor da Axencia Tributaria de Galicia.

O Estatuto da Axencia Tributaria de Galicia, aprobado polo Decreto 202/2012, do 18 de outubro, establece no seu artigo 15 a composición e o réxime de funcionamento do Consello Reitor, órgano superior colexiado de goberno da axencia, que establece as directrices de actuación desta, de acordo coas emanadas pola consellería competente en materia de facenda. O Consello Reitor está integrado pola Presidencia, que corresponde á persoa titular da Presidencia da Axencia Tributaria de Galicia, a Vicepresidencia, que exercerá a persoa titular da Dirección da Axencia Tributaria de Galicia, e seis vogais. Os membros do Consello Reitor son nomeados pola persoa titular da consellería competente en materia de facenda, a quen corresponde a Presidencia da axencia segundo o artigo 14.1, e poderán ser suplidos temporalmente nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade por quen ela designe.

En cumprimento diso, mediante a Orde do 12 de marzo de 2021, pola que se nomean os membros do Consello Reitor da Axencia Tributaria de Galicia, disponse o nomeamento dos vogais titulares e dos seus correspondentes suplentes no Consello Reitor da axencia.

O 18 de outubro de 2021 publícase no Diario Oficial de Galicia o Decreto 138/2021, do 16 de outubro, polo que se nomea conselleiro de Facenda e Administración Pública a Miguel Corgos López-Prado, o que dá lugar a que sexa necesario actualizar o nomeamento dos vogais e dos seus correspondentes suplentes no Consello Reitor, todo iso co obxecto de respectar a composición do órgano tal e como está previsto no estatuto da Axencia Tributaria de Galicia.

En consecuencia, de acordo co establecido no artigo 15 do citado estatuto e das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a da súa Presidencia,

ACORDO:

Primeiro. Nomear como vogais e suplentes do Consello Reitor da Axencia Tributaria de Galicia as persoas titulares dos órganos que se indican:

Vogal titular: Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio.

Vogal suplente: Subdirección Xeral de Apoio Técnico-Xurídico.

Vogal titular: Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.

Vogal suplente: Subdirección Xeral de Recursos e Análise Orzamentaria.

Vogal titular: Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

Vogal suplente: Subdirección Xeral do Tesouro.

Vogal titular: Dirección Xeral da Función Pública.

Vogal suplente: Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais.

Vogal titular: Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Vogal suplente: Subdirección Xeral de Fiscalización e Control Interno.

Vogal titular: Dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Vogal suplente: Dirección da Área de Transformación Dixital da Facenda Autonómica.

Segundo. A presente orde deixa sen efecto a Orde do 12 de marzo de 2021, pola que se nomean os membros do Consello Reitor da Axencia Tributaria de Galicia.

Terceiro. Esta orde producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2022

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública