Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 16 de febreiro de 2022 Páx. 11457

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 25 de xaneiro de 2022 pola que se aproban as bases e a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para actuacións por parte dos órganos de xestión das reservas da biosfera de Galicia con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento MT724C).

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (https://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/ge/es/convocatorias).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias destas axudas os órganos xestores de reservas de biosfera de Galicia, independentemente da súa forma xurídica.

2. Non están incluídas no ámbito de aplicación destas axudas aquelas reservas da biosfera que son xestionadas directamente pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Obxecto

O obxecto desta orde é o de establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento administrativo MT724C) para a concesión de axudas de acordo co anexo IV de criterios obxectivos de distribución territorial e bases reguladoras para o financiamento de actuacións en reservas da biosfera con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Acordo do 9 de xullo de 2021, da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, polo que se aproban os criterios de repartición e a distribución territorial de créditos relativos aos compoñentes 4 de conservación e restauración de ecosistemas e a súa biodiversidade.

A finalidade desta orde é promover a conservación e a xestión da biodiversidade e dos recursos naturais, o fomento do desenvolvemento sustentable e a mellora do patrimonio cultural nas reservas da biosfera de Galicia.

Estas axudas contribúen á consecución dos obxectivos do PRTR no marco do compoñente 4, investimento 2 e obxectivo 69.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 25 de xaneiro de 2022 pola que se aproban as bases e a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para actuacións por parte dos órganos de xestión das reservas da biosfera de Galicia con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento MT724C).

Cuarto. Contía.

1. Crédito total da convocatoria: 1.845.592 euros. Esta dotación inicial poderase modificar e/ou incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Concederase o 100 % do custo subvencionable, cun importe mínimo para solicitar de entre 350.000 e 625.000 euros/solicitude. Admitirase unicamente unha solicitude por reserva.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e irán dirixidas aos servizos de patrimonio natural das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda