Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 15 de febreiro de 2022 Páx. 11308

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 8 de febreiro de 2022 pola que se notifican as resolucións de denegación e inadmisión das solicitudes das axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 para o ano 2021 (código de procedemento VI432A).

No Boletín Oficial del Estado núm. 61, do 10 de marzo de 2018, publicouse o Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021. No citado real decreto establécese, no seu capítulo III, un programa de axudas ao alugamento de vivendas e, no capítulo IX, un programa de axudas á mocidade, en que se prevé unha axuda para o alugamento que ten por obxecto facilitar o acceso ao desfrute dunha vivenda digna e adecuada aos mozos e mozas mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas inquilinas.

O artigo 5 da citada norma atribúelles aos órganos competentes das comunidades autónomas a tramitación e resolución dos procedementos de concesión e pagamento das axudas dos distintos programas do plan, unha vez que se recoñecese o dereito das persoas beneficiarias a obtelas, dentro das condicións e dos límites establecidos no real decreto.

A Comunidade Autónoma de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), implantou estes programas de axudas no ano 2018, mediante a Orde do 22 de xuño de 2018 pola que se estableceron as bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 e se procedeu á súa convocatoria para o ano 2018.

No Diario Oficial de Galicia núm. 172, do 11 de setembro de 2019, publicouse a Orde do 2 de agosto de 2019 pola que se establecen as novas bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, con carácter plurianual. A citada norma foi modificada pola Orde do 17 de abril de 2020, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 77, do 22 de abril.

No Diario Oficial de Galicia núm. 60, do 30 de marzo, publicouse a Resolución do 5 de marzo de 2021 pola que se convocan as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 para o ano 2021 (código de procedemento VI432A).

O 7 de febreiro de 2022 o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), por proposta da Dirección Técnica de Fomento, adoptou as resolucións polas que se denegan e inadmiten as solicitudes de subvención das liñas A e B presentadas ao abeiro desta convocatoria.

Polo exposto, e de conformidade co disposto nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e no ordinal décimo quinto, punto 7, da Resolución do 5 de marzo de 2021,

RESOLVO:

Publicar as listaxes das persoas ás que se lles denega ou inadmite a solicitude de axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021, das liñas A e B, para o ano 2021. A citada listaxe poderá consultarse na páxina web www.igvs.xunta.gal

As persoas interesadas poderán interpoñer contra as resolucións de denegación ou inadmisión, que non poñen fin á vía administrativa, recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao desta publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co previsto nos artigos 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2022

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo