Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 14 de febreiro de 2022 Páx. 11011

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 28 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, e se fai pública a convocatoria para a concesión dos premios XXVI Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, XII Manuel María de literatura dramática infantil e XV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, edición 2022 (código de procedemento CT214A).

BDNS (Identif.): 609568.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeneral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pódese consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

– Poderán optar aos premios as persoas físicas maiores de idade que presenten textos teatrais inéditos escritos en galego conforme a normativa vixente, non representados nin premiados anteriormente noutros concursos ou convocatorias.

– Os textos serán de tema e extensión libres, tendo en conta o principio de duración normal dun espectáculo completo para cada un dos premios.

– Non poderán presentarse textos de teatro de monicreques aos premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María.

– Os gañadores da edición inmediatamente anterior non poderán presentarse ao mesmo premio (modalidade, no caso do Barriga Verde) no que resultaron galardoados.

– Non poderá presentarse o persoal da Agadic.

– Non poderán acceder a estes premios os participantes que se atopen afectados por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Durante a tramitación do procedemento de concesión desta convocatoria, as persoas participantes teñen a obriga de comunicarlle á Agadic a concesión de calquera premio que obteña o texto presentado en canto esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do proceso.

Segundo. Finalidade

Establecer as bases reguladoras da convocatoria para o ano 2022, baixo o réxime de concorrencia competitiva, da XXVI edición do premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, da XII edición do premio Manuel María de literatura dramática infantil e da XV edición do premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques en dúas modalidades, para rapaces e para adultos, segundo o público ao que vaian dirixidos os textos.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 28 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva e se fai pública a convocatoria para a concesión dos premios XXVI Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, XII Manuel María de literatura dramática infantil e XV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, edición 2022 (código de procedemento CT214A).

Cuarto. Importe

Existirá un único galardoado por premio e no caso do premio Barriga Verde, un por cada modalidade, coa seguinte dotación económica:

– Álvaro Cunqueiro: 8.000 €.

– Manuel María: 6.000 €.

– Barriga Verde (modalidade para rapaces): 6.000 €.

– Barriga Verde (modalidade para adultos): 6.000 €.

Estas cantidades serán imputadas aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2022 con cargo á aplicación orzamentaria da Axencia Galega das Industrias Culturais 10.A1.432B.480.0 e estarán suxeitas ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo comezará ao día seguinte da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia e rematará o 2 de maio de 2022.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2022

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais