Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 11 de febreiro de 2022 Páx. 10783

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2022 pola que se modifica a Resolución do 27 de decembro de 2021, pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de biomasa destinadas a particulares, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria destas subvencións para o ano 2022 (códigos de procedemento IN421N e IN421P).

A Resolución do 27 de decembro de 2021 establece as bases reguladoras das subvencións para proxectos de biomasa destinadas a particulares, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria destas subvencións para o ano 2022.

De acordo co disposto no artigo 4.5 da resolución da convocatoria das axudas, o prazo para presentar solicitudes de axudas comezará o 1 de marzo de 2022, ás 9.00 horas, e rematará o 1 de xullo de 2022 ou cando se esgoten os fondos.

O día 19 de xaneiro iniciouse o prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras que se van encargar da tramitación destas axudas e desde o Inega atendéronse algunhas consultas sobre o inicio do prazo de presentación de solicitudes de axudas o 1 de marzo, festivo local en máis de 100 concellos de Galicia.

O Inega considera oportuno, ao coincidir este día co Martes de Entroido e ao se tratar dunha convocatoria en concorrencia competitiva, na cal as solicitudes se atenden por orde de entrada, e co obxecto de non prexudicar terceiros, modificar a Resolución do 27 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para proxectos de biomasa destinadas a particulares, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria destas subvencións para o ano 2022.

Por todo o anterior, sobre a base dos feitos sinalados e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a Resolución do 27 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de biomasa destinadas a particulares, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria destas subvencións para o ano 2022 (códigos de procedemento IN421N e IN421P), no seguinte sentido:

O artigo 4.5 da resolución queda redactado do seguinte xeito:

«O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 2 de marzo de 2022, ás 9.00 horas, e rematará o 1 de xullo de 2022 ou cando se esgoten os fondos».

Segundo. Esta modificación entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2022

Paula María Uría Traba
Directora da Axencia Instituto Enerxético de Galicia